Andrés do Barro e o pop fixo ¡pum!

Andrés do Barro © El Diario


Texto publicado no número 248 de Grial

Autor, letra e música de catro números un en España cantando en galego en plena ditadura franquista: un logro que só el acadou. E todo en apenas tres anos

“É o meu país, meu país / aquela terra / en que nascín e vivín / lonxe de ti, meu país / teño a saudade / o sentimento que din… Pecho os meus ollos / e a ialma ao momento / se enche da malencolía / eu podereille dar miña vida” ANDRÉS DO BARRO (“Meu país”)

Andrés Lapique do Barro (Ferrol, 1947 - Madrid, 1989) é un dos grandes mitos da música galega. A el débeselle a xénese do pop en Galicia. Un pop melancólico e intemporal con tinguiduras folk que mestura a canción popular e a modernidade. A súa música esperta gran cantidade de emocións e sensacións: tristura, serenidade, pureza…; é a morriña convertida en canción.

Autor, letra e música de catro números un en España cantando en galego en plena ditadura franquista: un logro que só el acadou. E todo en apenas tres anos. O primeiro número foi “O tren”, single lanzado ao mercado o 3 de novembro de 1969, unha canción que representa a viaxe á terra prometida, á Galicia física, espiritual e sentimental. Nos coros, no famoso “pi-pi-pi-pi-pi”, están, entre outros, Juan Pardo —que ademais é o produtor— e Camilo Sesto. Despois chegarían tres números un máis: “Corpiño xeitoso”, “San Antón” e “Pandeirada”. Son os seus anos dourados en RCA, selo co que edita os seus dous primeiros longa duración: Me llamo Andrés Lapique do Barro (1970) e ¡Pum! (1971).

Andrés do Barro nunha fotografía promocional dos anos 70. Fonte: Col. Fernando Fernández Rego CC-BY-NC-ND CCG

Temos que reivindicar a Andrés como o primeiro gran letrista do pop galego —do seu puño e letra saíron os catro números un—, e responsable do primeiro caso de fenómeno fan dentro do pop galego, chegando a recibir máis de mil cincocentas cartas semanais durante eses anos

Nestes anos Andrés convértese nun fenómeno de masas dentro da cultura pop, acaparando portadas de revistas do máis diverso (Lecturas, Garbo, Mundo Joven, Diez Minutos…), rodando unha película xunto a Concha Velasco —En la red de mi canción (Mariano Ozores, 1971)—, gravando en Roma, realizando xiras pola Arxentina, México e O Brasil… Estaba no máis alto, e o público e as vendas acompañábano.

Hoxe, temos que reivindicar a Andrés como o primeiro gran letrista do pop galego —do seu puño e letra saíron os catro números un—, e responsable do primeiro caso de fenómeno fan dentro do pop galego, chegando a recibir máis de mil cincocentas cartas semanais durante eses anos.

Desde o primeiro momento, Andrés decide apostar pola música e polo idioma galego, como deixa plasmado na carpeta interior do seu primeiro LP

Desde o primeiro momento, Andrés decide apostar pola música e polo idioma galego, como deixa plasmado na carpeta interior do seu primeiro LP, Me llamo Andrés Lapique do Barro (RCA, 1970): 

Me llamo Andrés Lapique do Barro y os presento unas cuantas de mis canciones. Hoy son en gallego porque así las he sentido y porque quiero colaborar con todo el interés y cariño a dignificar mi idioma materno, caído durante muchos años en el más cruel menosprecio.

Me llamó Andrés y soy gallego. Conocí un gallego que decía que le fastidiaba serlo porque “se le notaba”. A mí también “se me nota”, y me siento orgulloso. Adoro mi tierra norteña, verde y lejana, primitiva y olvidada, madre fertilísima de hombres que han ido sembrando sus vidas por tierras de España, Portugal, América… Galicia de dentro, presente y Galicia de lejos, ausente y “saudosa” han condicionado mi música: han ido escribiendo las sencillas notas de mis canciones.

Andrés do Barro, na rodaxe dunha das súas películas © Arquivo Andrés Dobarro

Tras o ascenso, Andrés comeza a descender, pouco a pouco

Tras o ascenso, Andrés comeza a descender, pouco a pouco. As súas últimas entregas para RCA —os singles Meu amor (1971), Bon Nadal (1972) e Amor D. F. (1972)— xa non acadan as cen mil unidades vendidas, como as anteriores. Aínda que o seu obxectivo non era fabricar números un, senón interpretar as súas cancións e transmitir sentimentos, a industria tiña outros plans e, aos poucos, van diminuíndo a promoción e o interese na súa figura. A isto temos que engadir o aspecto persoal, pois Andrés vivía unha época moi complicada, sumido nunha depresión tras os falecementos, primeiro do seu pai en agosto de 1971 e, posteriormente, do seu cuñado Luis nun accidente de tráfico.

Tras unha parada para recuperar forzas e sensacións, decide romper co pasado e iniciar unha nova etapa nun selo distinto, Belter, co que grava un novo LP. Chega a el tras rescindir o seu contrato con RCA, xa que aínda lle quedaba un ano máis con eles. O selo barcelonés vivía os seus mellores anos; tras uns inicios centrados no folclore nacional, nos anos 70 contaba na súa nómina con artistas como Manolo Escobar, Los Gritos, Emilio José, Rumba Tres, Salomé, Los Mismos ou Los 3 Sudamericanos.

Ese volver empezar leva tamén a Andrés a cambiar os músicos que o acompañaban. Ata ese momento, a banda ferrolá Los Sprinters eran os encargados, e con eles chega incluso a gravar a película de Mariano Ozores.

Nestes anos recupera o protagonismo perdido e presenta as súas novas cancións en varios programas de TVE (Llegada internacional, Señoras y señores…), participa no documental de Raúl Peña promovido pola Dirección Xeral de Promoción do Turismo Mosaico de Canciones (1972) e xira por Europa en 1973, por Alemaña, Bélxica e os Países Baixos. Ademais, a súa composición “Las enamoradas” triunfa no Festival de Benidorm de 1972, defendida por Federico Cabo, tema que queda en terceiro lugar, con moita polémica, xa que era a favorita para prensa e público; de feito recibe o premio da crítica acreditada no Festival, trofeo que outorgaba a Asociación da Prensa de Alacante.

O contrato de Andrés do Barro con Belter queda rescindido co single Señora mía / Hoxe vai chorar (Belter, 1975) e por un conxunto de discos que se editan entre 1975 e 1976, compostos polos temas do terceiro LP e por cancións inéditas cun gran valor artístico, sendo unha mágoa que non chegasen ao gran público. Andrés achégase a xéneros como o gospel e o country desde o galego, en cancións realmente fermosas.

Hai unha ruptura total con todo o anterior e Andrés e a súa familia deciden instalarse en México, país onde viven entre 1976 e 1980. Escolle o país azteca porque gardaba unha boa lembranza da xira que alí realizara en 1972, pero finalmente non se cumpren as súas expectativas profesionais e decide volver a España.

A figura de Andrés segue sendo reivindicada como unha icona pop

Ao seu regreso grava en Madrid, nun estudio situado na rúa Alonso Cano, o máster do seu cuarto LP; traballo que non chega a editarse e que non logra ver publicado.

Foi unha verdadeira mágoa que se lle negase unha segunda oportunidade, que nunca se tivese en conta a súa capacidade para facer felices a varias xeracións de oíntes. Tras o seu falecemento o 22 de decembro de 1989 en Madrid, na véspera duns tristes Nadal, sufriu durante anos un inxusto esquecemento. Esquecemento que xa lle tocou vivir nos seus últimos anos de vida.

Pero a figura de Andrés segue sendo reivindicada como unha icona pop. En 2007 levouse a cabo o Manifesto do dobarrismo, un movemento que desemboca no disco homenaxe Manifesto dobarrista: Un disco tributo a Andrés do Barro (Falcatruada, 2007), en que interveñen ata trinta grupos da escena galega da época, e nunha gran gala no teatro Jofre de Ferrol o 15 de maio de 2007. Ese día celébrase a gala Saudade de ti, nun teatro ateigado.

Chegaría un novo disco tributo en 2021: Andrés do Barro: Pop, saudade e memoria. Unha ollada desde Ferrolterra (Ferror Records, 2021). Cincocentas copias que se entregan como agasallo na exposición do mesmo nome que se celebra no Centro Torrente Ballester de Ferrol (26 de marzo 2021 23 de maio 2021).

A grande homenaxe a Andrés do Barro está por chegar, e non é outro que o recoñecemento institucional que lle debe Galicia: o Día das Letras Galegas

Ademais, Rama Lama edita Su Disco perdido y todas sus grabaciones en Belter. 1973-1975 (Rama Lama, 2020). Un dobre CD e dobre LP en que se recuperan cinco gravacións inéditas súas que ían formar parte do seu cuarto longa duración, ademais dunha importante cantidade de cancións tamén descoñecidas para a maioría do público.

Pero a grande homenaxe a Andrés do Barro está por chegar, e non é outro que o recoñecemento institucional que lle debe Galicia: o Día das Letras Galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.