"Andrés do Barro fixo da súa música unha misión, non lle importou ser un incomprendido"

Foto promocional de 'En la red de mi canción' Dominio Público Praza Pública

"Nunca antes alguén fixera aquí da música para os máis desfavorecidos a súa bandeira. Niso achégase a Johnny Cash". Fernando Fernández Rego (50 anos de pop, rock e malditismo na música galega, Cuando ríes. Los Contentos) vén de publicar Saudade (La Fonoteca), a primeira biografía oficial de Andrés do Barro, responsable dalgún dos maiores hits da historia da música galega pero en moitos aspectos un completo descoñecido, pendente ademais dun "merecido recoñecemento", destaca o autor.

De Andrés do Barro coñecemos os seus éxitos, desde "O Tren" a "Pandeirada", pasando por "San Antón" ou "Corpiño Xeitoso", tamén a súa fugaz incursión no mundo do cinema con En la Red de Mi Canción. Coñecemos a súa voz desafinada e a súa cara de neno, sabemos do fito que constituíu que os seus temas en galego chegasen ao número un e acadasen discos de ouro en plena ditadura. Pero non sabemos tanto do seu carácter fráxil e emocional que en boa medida truncou a súa meteórica carreira, das súas opinións políticas, das súas outras cancións máis alá dos hits, dos seus temas inéditos. Sabemos pouco dos seus últimos anos, e en xeral non sabemos moi ben como era Andrés Dobarro por dentro, como pensaba. Estas cousas, ademais do pertinente e detallado percorrido polos aspectos máis públicos da súa vida, están neste libro.

Prologado polo seu fillo, Andrés Lapique López, o libro contén tamén un caderno central con documentación gráfica cedida pola familia de Andrés do Barro: algúns debuxos, apuntes e manuscritos e un gran número de fotografías. O libro será presentado en Ferrol o vindeiro venres 10 de xullo ás 19.30 no Manchita Cosa (Rúa Magdalena, 138). Contará coas actuacións de Roger de Flor e Quant, e coa presenza de familiares e amigos de Andrés, "que seguro que axudan a que todo estea cargado de emotividade", destaca Fernando Fernández Rego, con quen falamos

Que aprendiches facendo este libro? Que aspectos novos sobre Andrés do Barro podemos aprender ao lelo?

Aprendín que Andrés era un gran descoñecido e que en moitos aspectos continúa séndoo. O certo é que aprendín moitas cousas e creo que o libro deita luz sobre moitos aspectos da súa persoa, e da súa figura, que até agora non se trataron. Creo que calquera que se achegue ao libro vai empatizar coa persoa, pois é unha historia intensa que o ten todo. Ascensos, descensos, exilio a México, esquecemento inxusto..., pero sobre todo no libro preocupeime de facer un retrato da época e documentarme o máis posible. Se non entendemos a época: as orquestras que se achegaban ao pop, os primeiros conxuntos beat en Galicia, o franquismo, a censura, a situación do galego, a xestación de Voces Ceibes, da Nova Canción Galega..., non estaría completa esta historia. Por iso realicei máis de 50 entrevistas e consultei múltiples hemerotecas para elaborar este libro.

Aspectos novos? Creo que moitos. Teño que agradecerlle á familia, e en especial a Andrea Lapique, a súa filla, que me deixase os seus manuscritos e os seus cadernos de inéditos poder descubrir que Andrés cultivaba tamén o conto e dar a coñecer letras inéditas. Todo iso está contido neste libro. Canta xente sabía que o música belga Joe Harris gravou San Antón en holandés (Al duimend de wereld rond)? En casa teño o vinilo. Anécdotas como esta, hai moitas.

"Se non entendemos a época: as orquestras que se achegaban ao pop, os primeiros conxuntos beat en Galicia, o franquismo, a censura, a situación do galego..., non estaría completa esta historia"

Dis que “estaba máis preto de Bob Dylan, Nick Drake, Tim Buckley ou Johnny Cash, que de María Ostiz, Juan Pardo ou Manolo Escobar”. Por que?

Porque creo firmemente no seu papel de crooner e de transmisor de emocións e sentimentos. Nunca antes alguén aquí decidira facer da música para os máis desfavorecidos a súa bandeira. Niso achégase a Cash. E fíxoo deixando a política á marxe. Priorizando o seu amor á terra e á súa xente. Prestando a súa voz profunda e grave para a causa. Tivo unha visión de longo alcance, algo que non tiveron os demais, por iso deixo a Maria Ostiz ou Juan Pardo á marxe. Fixo da súa música unha misión e non lle importou ser un incomprendido en moitos momentos. El sabía que facía o correcto, que non ía caer no comercial ou no que a industria demandase.

"Fixo da súa música unha misión e non lle importou ser un incomprendido en moitos momentos. El sabía que facía o correcto, que non ía caer no comercial ou no que a industria demandase"

Que importancia ten Andrés do Barro no emerxente pop español do seu tempo?

Á historia parece que pasou como ese mozo tímido que continúa coando O tren en cada recompilatorio que se edita en España sobre os anos 60 e 70. Para moitos foi só iso, para outros unha gran persoa que non tivo a sorte que merecía. Creo que se debe a que non se profundou nunca o suficiente na súa figura. E ese era o meu propósito con este libro.

Como vive eses anos de éxito, de números uno, de portadas de revista, de películas, de viaxes...?

Creo sinceramente que ese non era o seu mundo. El mesmo maniféstao en moitas ocasións. El era máis sinxelo e próximo. Ese mundo defraudouno. El quería tocar, estar coa súa familia e os seus fillos, cos seus amigos..., non ser unha marioneta en mans dunha industria inflexible.

Que papel xogan Juan Pardo e Xavier Alcalá nesta historia?

Juan Pardo ten un papel importante, como produtor dos seus primeiros traballos e como amigo que o defende e o apoia en RCA. A relación deteriórase e Andrés quere voar libre, non quere ser un descubrimento de Juan Pardo, quere ser Andrés do Barro, e quere demostrar que o mérito é seu e só seu. Algo que me parece totalmente lícito. Hai conflitos económicos tamén, malentendidos... Xavier Alcalá apóiao á hora de darlles a coñecer a súa música ás discográficas; niso si é importante. Logo Andrés labrou o seu propio camiño.

"Abriu un camiño que transitaron outros que viñeron despois, xa fose de maneira consciente ou inconsciente. Do mesmo xeito que o fixeron Os Tamara e algúns outros"

Que papel cumpre na xénese do pop galego nos anos seguintes?

Creo que abriu un camiño que transitaron outros que viñeron despois, xa fose de maneira consciente ou inconsciente. Do mesmo xeito que o fixeron Os Tamara e algúns outros. Cando escoito algunhas das cancións de Emilio José -do seu xenial Chorando Apréndese-, ás veces vénme á mente o "Se vou a Bueu" de Andrés. E iso é o bonito.

Como explicas que os seus hits, en galego, chegasen a ser números 1 en toda España en pleno franquismo, logrando varios discos de ouro?

Non ten unha explicación sinxela, pois ninguén máis o logrou nin volveu facelo. Números un en galego, os seus. E el logrouno durante o franquismo. É certo que burlou a censura asinando que os seus temas estaban en portugués, pero o certo é que a súa música era fresca e contaxiosa, que derrubaba barreiras. Creo que a música en lingua galega tivo en Andrés o seu único éxito de masas dentro da cultura pop. E logrouno debido a unha serie de circunstancias favorables que xogaron ao seu favor.

Pop con raíces. En Galicia aproveitouse suficientemente esta suma que, como el demostrou, pode dar un gran resultado?

Creo que se aproveitou pero tamén que se lle puido sacar máis partido. A maioría das propostas penetraron na música folk. Pouca xente optou pola experimentación en lingua galega: NHU cos ritmos progresivos, Xetxu coa psicodelia, nos 80 Os Resentidos..., cousas moi puntuais.

Que pensas das críticas que recibiu no seu momento desde algúns sectores polo carácter non político das súas cancións, en contraposición con Voces Ceibes e a Nova Canción Galega? Como recibía el esas críticas?

Moitos dos implicados no libro quéixanse de que a censura foi máis belixerante con el que con eles. Outros recoñecen que tamén houbo envexas por ver como el conseguía con cancións sinxelas e populares o que eles pretendían alcanzar mediante a canción protesta, política, e non puideron. Creo que o problema de Voces Ceibes foi que foi un movemento demasiado polarizado pola Nova Canço, ao que lle faltou unha maior vocación popular. El tiña unha postura moi clara, e sentiuse doído con algunhas desas críticas, porque afirmou sempre que os axudou no que puido e que persoalmente non tiña nada contra eles.

"Quizais non era político dunha maneira aberta, pero se analizamos a súa persoa atopámonos con alguén que confiaba no rexurdir do galego, algo que consideraba indubidable"

Andrés era político ou non? Quizais non era político dunha maneira aberta, pero se analizamos a súa persoa atopámonos con alguén que confiaba no rexurdir do galego, algo que consideraba indubidable. Un galego que debía converterse no idioma común de todos os galegos, á marxe de se estes eran ricos ou pobres. O idioma debía estar por riba de calquera extracto social e para el tiña unha importancia capital, porque consideraba que se a xente se interesaba polo idioma, tamén se interesaría pola cultura e por todo o relacionado co seu pobo.

"Andrés, téñoo claro, merece un recoñecemento desta terra, un de verdade, honesto e sincero. Andrés merece que se lle conceda a Medalla de Galicia e o Día das Letras Galegas"

O certo revival que se viviu hai uns anos (disco, documental...) serviu para un maior coñecemento da súa figura? Galicia outorgoulle o recoñecemento que merece pola difusión da cultura e a lingua galega?

Creo que serviu para que as novas xeracións coñecesen e se achegasen á figura de Andrés. É indubidable que a xente da miña xeración -son do ano 79- a maioría, descubriu a Andrés pola versión de O Tren de Siniestro Total. Tamén é certo, que moitos non sabían sequera que se trataba dunha versión. Durante a elaboración do libro, entrevistei a gran parte dos participantes no Manifesto Dobarrista, e teño claro que para moitos foi todo un descubrimento. Foi algo realmente grande o que fixeron, pero está claro que non lograron outorgarlle o recoñecemento que merece. Como tampouco creo que o logre este libro. Necesítase un apoio institucional para iso. Andrés, téñoo claro, merece un recoñecemento desta terra, un de verdade, honesto e sincero. Andrés merece que se lle conceda a Medalla de Galicia e o Día das Letras Galegas. Porque el puxo o idioma á fronte das listas españolas en plena ditadura e porque as súas cancións forman parte da cultura popular deste país. Creo que o Día das Letras Galegas debe ter tamén un carácter popular, de celebración e de proximidade. Está moi ben pór a colorear cartolinas os nenos nos centros educativos, pondo nomes que a maioría do profesorado nin sequera coñece. Pero é máis bonito facelo con "O tren" ou "Corpiño xeitoso" soando. Sinceramente, só vivín iso de preto coa designación de Lois Pereiro.

Que pasou no Festival de Benidorm de 1972?

Andrés tiña postas moitas ilusións no Festival. O modelo de participación era que Andrés era o letrista e Federico Cabo o seu intérprete. Andrés presentou "Las enamoradas", que sería defendida polo intérprete Federico Cabo, quedando en terceiro lugar. Ese tema gravaríao en galego tamén o propio Andrés, como "As namoradiñas". Gañou Eduardo Rodrigo con "A María yo la encontré", asinada por Alfonso Alpín, un pseudónimo baixo o que se ocultaba Augusto Algueró. A canción de Andrés foi elixida o público como a mellor, pero non polo xurado. Houbo apupos do público mesmo ao nomear ao vencedor. Andrés declararía que, para el, 'Las enamoradas' era a canción moralmente vencedora e negouse a recoller o premio; recolleuno Federico Cabo, o intérprete. Para máis inri, Andrés recibiu o premio da crítica acreditada no Festival, trofeo que outorgaba a Asociación da Prensa de Alacante.

O seu terceiro disco é musicalmente moi distinto aos dous primeiros. Que sucedeu?

Ese disco tivo unha xestación complexa. Os Sprinters, a súa banda de acompañamento, xa non estaban con el. Acompáñano novos músicos de estudio. Tamén estreaba novo selo, cambiara RCA por Belter. O problema foi unha falta de entendemento entre todas as partes implicadas, a Andrés non o convencen as mesturas e hai moitas voltas. É un disco con grandes cancións e outras que non brillan como deberían por unha deficiente produción. Aínda con todo, ten dúas ou tres cancións que para si quererían a maioría de grupos da época.

"Andrés era puro sentimento. Ser tan emocional converteuno en vulnerable. Veuse abaixo moi pronto, custoulle levantarse tralos primeiros tropezóns"

Por que se trunca unha carreira que até entón fora meteórica?

Andrés era puro sentimento, un sentimento a flor de pel. Por iso decidín titular o libro Saudade, porque ese é o sentimento que mellor o define a el e á súa música, capaz de pórche un nó no estómago con dous acordes e unha palabra. Ser tan emocional converteuno en vulnerable. Veuse abaixo moi pronto, custoulle levantarse tralos primeiros tropezóns. Tamén é certo que "O tren" puxo o listón moi alto e cada novo lanzamento foi examinado con lupa, cuestionado, comparado co anterior. Se o consideraban peor ou vendía menos, non había lugar a dúbida: estaba acabado. A Andrés, moitos xa o consideraron acabado despois dese gran éxito inicial. El non foi un francotirador ou mercenario, como moitos da súa época, que vendían a súa alma ao diaño por manter o seu éxito, xa fose versionando calquera éxito estranxeiro ou probando con calquera estilo que estivese de moda. El defendeu a súa música até as últimas consecuencias e apenas facía concesións, iso enfrontouno coa industria. O falecemento do seu pai tamén lle fixo moito dano, retirouno dos escenarios e animicamente deixouno moi tocado.

Pero, realmente, a resposta ofrécea o propio Andrés na súa última entrevista en televisión: “Que aos 16 ou 17 anos te fagan ser o número un, que te leven a Marbella, Mallorca, non sei onde, a Brasil, a Río..., para recibir trofeos. Pasa un día, un mes e non pasa nada. Pero se pasa un ano, outro ano, outro ano..., dis: réndome. Eu rendinme”, dicíalle a Gayoso en Corazonada en 1989.

"Sempre o comparo con Johnny Cash. Cash foi rescatado polo produtor Rick Rubin, alguén que confiou nel e lle deu todo o seu apoio para gravar os imprescindibles American Recordings. Andrés non tivo esa sorte, non atopou o seu Rick Rubin"

Como son os seus últimos anos?

Pois non son tan bonitos como os primeiros. Pero todo heroe ten os seus ascensos e descensos. E o noso non ía ser menos. Está claro que a nivel profesional sofre unha caída pronunciada. Eu sempre o comparo con Johnny Cash -que sofre unha caída semellante-. Cash foi rescatado polo produtor Rick Rubin, alguén que confiou nel e lle deu todo o seu apoio para gravar os imprescindibles American Recordings. Andrés non tivo esa sorte, non atopou o seu Rick Rubin. Eu estou seguro de que Andrés aínda tiña moito que ofrecer. De feito, considero que algunhas das súas últimas e menos coñecidas gravacións, son o mellor que fixo. Achegouse ao gospel, á americana... Unha pena.

A túa canción favorita?

É complexo porque son moitas as cancións que podería citar, e teño claro que é a típica pregunta que segundo o día e a hora na que a conteste, a resposta sería distinta. Unha das cancións ás que máis agarimo lle teño é "Namoreime no Ferrol", porque é das poucas nas que nomea a nosa cidade e porque ten uns coros redentores cargados de emoción. E porque é unha das súas composicións menos coñecidas, forma parte desas últimas entregas con Belter que quedaron á marxe do gran público.

Capa do Libro © LaFonoteca
Fernando Fernández Rego Dominio Público Praza Pública
Andrés do Barro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.