O arquivo biográfico do Consello da Cultura Galega conta xa con Pucho Boedo, líder de Los Tamara, cunha descrición que repasa como lle cambiou a vida o fusilamento do seu pai no 1936
"O verde me acaricia porque a Galicia xa estou chegando" cantaban Los Tamara no seu xa mítico tema A Santiago voy. Aí estaba, ben agarrado ao micro, Pucho Boedo (A Coruña, 1929-1986), o crooner eterno, como o define Fernando Fernández Rego na súa entrada para o Álbum de Galicia, a colección biográfica que mantén o Consello da Cultura Galega.
Con apenas dez anos viu como o seu pai, Xosé Boedo, dirixente do Sindicato de Canteiros de Coruña e membro da CNT, era detido e fusilado polos partidarios do golpe de Estado do ano 1936. O mesmo sucedeu un ano despois co seu irmán José Antonio, tamén sindicalista da CNT. “A música foi a vía de escape que atopou para poder soportar a dor. Esa dor, en certo modo, acompañouno sempre, e definiu unha voz marcada polo sentimento e o sufrimento da alma”, asegura Fernández Rego.
Aínda que foi vocalista en diferentes formacións como Los Satélites, cos que iniciou unha xira a Venezuela, ou Los Trovadores, cos que trunfou en Madrid actuando nas mellores salas da cidade. Foi co abandono de Germán Olariaga como Pucho aterra nos Tamara, fundado en 1958 por Prudencio Romo e que daquela xa contaba con bastante sona.
Despois de pisar o escenario do Olympia de París, no que só estivera antes Lola Flores como representante española, Los Tamara deciden “inventar o pop en galego”, lembra Fernández Rego
“Con Los Tamara realiza intensas xiras internacionais, tendo a oportunidade de trunfar en escenarios moi prestixiosos como no Sporting de Montecarlo ou no Olympia de París, no que chegan a compartir cartel con Jacques Brel e Charles Aznavour. É importante resaltar que ata ese momento o único artista español que pisara o Olympia era Lola Flores. Logo de múltiples éxitos, Los Tamara deciden inventar o pop en galego. Os contactos coa emigración nos centros galegos de toda Europa, fai que adquiran un compromiso coa terra e co idioma, o que os leva a comezar a gravar cancións en galego”, describe Fernández Rego, quen explica a censura sufrida por aqueles primeiros discos.
En 1976 Pucho Boedo afástase dos escenarios por unha grave enfermidade e regresa seis anos despois con Volvendo con os Tamara, o seu único traballo en solitario, no que contou coa axuda de Prudencio Romo e Paco Montero. Boedo morre o 26 de xaneiro de 1986 e con el, asegura Fernando Fernández Rego no seu texto biográfico, “Galicia perdeu ao seu crooner eterno”.
"Moitas son as homenaxes que recibe a súa figura, algunhas realmente multitudinarias. E non só en Galicia, tamén en Londres e noutros centros da emigración galega. Incluso Los Tamara deciden reunirse de novo en 1990 para dedicarlle o emotivo Carta a un Amigo (EDIGAL, 1990)”, lembra a súa entrada no Álbum de Galicia, do que recentemente tamén entrou a formar parte Marcial del Adalid (A Coruña, 1826- Lóngora, Oleiros, 1881), un compositor e precursor na procura do son do país.