O 26 de xaneiro de 1986 morría na Coruña Pucho Boedo. Este luns, na véspera do 30 cabodano, o CGAI proxectará ás 20 horas o documental Un crooner na fin do mundo. Un acto de homenaxe que continuará ao remate do filme na praza de Sellier, no bar Buserana, "antigo Rial, onde o mestre algunha cunca ten tomado", explica Xurxo Souto. Alí, "as e os puchistas sinceros seguiremos a significar coa música estes XXX anos de lenda", explica.
"A Pucho pásalle como a Carlos Gardel: cada día canta mellor. Un mito verdadeiro, porque os seus mentores non foron os grandes medios de comunicación. Fomos nós, as súas veciñas e veciños. Pucho Boedo é o noso crooner. Non importa o contexto, todos os coruñeses da súa xeración afirman ter sido amigos persoais do vocalista", destaca Souto. Nos últimos anos foron moitas os recoñecementos que recibiu Boedo, sobre todo na súa cidade. Hóuboas de todos os tipos: máis institucionais, en forma de gala e concerto televisado, e tamén máis populares. De feito en varias ocasións Pucho Boedo volveu ser protagonista no barrio do Ventorrillo, onde foi homenaxeado pola veciñanza.
"Pucho, dandi bohemio, conquistador…O sorriso do crooner agachaba unha grande dor. O seu pai e o seu irmán, lideres sindicalistas daquela Coruña libertaria, foron asasinados tras do golpe militar contra a República. Pucho tiña sete anos. Unha dor da que non lle estaba permitido falar, mais que podía expresar á fin cada vez que subía ao escenario", lembra Souto. "Finou no ano 86. Os grandes artistas non morren, porque cando a súa vida acaba comeza a lenda", conclúe. "Na épica contemporánea dos galegos o gran heroe non é guerreiro senón vocalista: Pucho Boedo. Un artista superdotado –en sensibilidade- que pousou a aloumiña da emoción en todos os que o escoitaron", engade.