O TSXG rexeita que o "galego lusista" deba ser atendido pola Xunta porque a norma legal é a da RAG

Ernesto Guerra da Cal co seu amigo Federico García Lorca e sentenza que rexeita un recurso da súa fundación en defensa do "galego lusista" CC-BY-SA Imaxe: Fundación Federico García Lorca | Montaxe: Praza Pública

Ante un recurso da Fundación Guerra da Cal o tribunal di que o "conflito ortográfico" é "plenamente lexítimo" pero "debe resolverse noutro escenario" xa que a xustiza só aplica a lei e a de Normalización Lingüística atribúe á RAG o "criterio de autoridade"

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de desestimar un recurso contencioso-administrativo formulado pola Fundación Ernesto Guerra da Cal contra a Xunta por negarse a tramitar documentación desa entidade en "galego lusista/portugués" ou con "grafía lusista ou portuguesa". 

A sentenza considera "plenamente lexítimo" o "conflito ortográfico" arredor da lingua galega pero considera que "debe resolverse noutro escenario" xa que a xustiza só aplica a lei e o que di a de Normalización Lingüística é que o "criterio de autoridade" para establecer a norma oficial do galego corresponde á Real Academia Galega (RAG). A sentenza está escrita en castelán. 

Guerra da Cal, cun vaso na man, nunha imaxe con Castelao ©

Segundo a sentenza agora feita pública, con data do 2 de outubro, a Fundación Ernesto Guerra da Cal, que vela pola figura do filólogo lusitanista (Ferrol 1911-Lisboa 1994), presentou ante a Xunta a documentación anual a que están obrigadas as fundacións "con grafía lusista ou portuguesa". Tras varios requirimentos de emenda por parte da Xunta, esta acabou denegando a inscrición da documentación remitida pola fundación. 

O tribunal di que a lei fixou que "nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega", e este é o da "normativa da concordia" de 2003

A Fundación Guerra da Cal recorreu á xustiza argumentando que "a lingua non é monolítica, senón que admite diversas alternativas fonéticas, ortográficas ou gramaticais" así como que o "galego lusista/portugués" empregado na súa documentación "é galego oficial, aínda que teña distinta grafía", polo que ao seu ver debía ser admitido pola Xunta.

Pero o TSXG desbota esa visión. A sentenza sinala que a Lei de Normalización Lingüística estableceu que "nas cuestións relativas á normativa, actualización e uso correcto da lingua galega, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega", que en 2003 aprobou a denominada "normativa da concordia". 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

O tribunal di que esa normativa "non impide que os cidadáns, os partidos políticos, as fundacións, as corporacións e as demais entidades privadas poidan utilizar, nas súas relacións suxeitas a dereito privado, a lingua ou idioma que desexen, ao igual que poden defender con plena liberdade as posturas que teñan por conveniente, entre outras cousas, para cambiar o réxime legal de aplicación".

A sentenza tamén matiza que neste caso non se está ante escritos que conteñan erros ortográficos ou de sintaxe que deban ser corrixidos para unha correcta interpretación dos textos. "Aquí estase en presenza dun verdadeiro e non negado conflito ortográfico que é plenamente lexítimo, pero que debe resolverse noutro escenario alleo ao xudicial", di o TSXG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.