O percorrido de Oliver Laxe con Sirât é dun éxito innegable que sorprende porque están a ser moitas primeiras veces con esta película. Analizamos con Lucía Veiga, Alfonso Blanco, Nati Juncal e Pela del Álamo o que significa este filme para o audiovisual galego
O 22 de xaneiro de 2026 é unha data que non se vai esquecer no cinema galego, pase o que pase a continuación. Por primeira vez un cineasta galego pode gañar un premio Oscar. “Nunca o imaxinamos”, repetiu Oliver Laxe diante dos múltiples micrófonos que lle puxeron diante esa mañá en Madrid. Sirât xa fixera historia competindo na sección oficial do Festival de Cannes, onde o dos Ancares mostrou os seus últimos filmes con galardóns en diferentes categorías, e comezou a súa andaina nas salas de cine o pasado xuño co aval do premio do xurado de Cannes. Dende aquela non deixou de facer historia.
Nesta semana coñecemos que Sirât tamén opta aos premios BAFTA e César, das academias británica e francesa. Vén de triunfar nos Premios do Cine Europeo con cinco galardóns, non tanto nos Premios Feroz da Asociación de informadores cinematográficos de España que se celebraron en Pontevedra, foi finalista nos Globos de Oro e é o segundo filme con máis candidaturas (11) na 40ª edición dos Premios Goya, que presentarán Luis Tosar e Rigoberta Bandini dende Barcelona o vindeiro 28 de febreiro. Son moitas primeiras veces para o sector audiovisual galego, que loita por levantar os proxectos obtendo cada vez máis recoñecemento fóra (e dentro) tanto da crítica como do público.
“Se o obxectivo fundamental da Academia Galega do Audiovisual é promocionar e dar visibilidade, ademais de loitar pola igualdade e por unha maior diversidade, e polas condicións de todo o sector, desde logo que o que está a acontecer con Sirât é un fito porque supón derrubar límites que, moitas veces, nos poñemos a nós mesmos. Se como sector nos marcamos fronteiras é moi complicado saltalas. Nese senso, penso que Sirât e Oliver teñen que ser un espello no que se mire toda a profesión. Porque si, hai moitísimo talento no audiovisual, e hai estratexias de produción e de comunicación que nos permiten superar esas fronteiras”, razoa a presidenta da academia galega, Lucía Veiga.
"Daríame moita mágoa pensar que Sirât chega internacionalmente porque é o mellor produto que temos, e é moi bo produto; pero iso non quere dicir que os outros sexan peores en calidade cinematográfica", sinala Lucía Veiga
As finalistas dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual coñeceranse o vindeiro martes, 3 de febreiro, pero Sirât estará, como filme galego e de produción galega que é. “Digamos que á hora de aceptar proxectos hai uns criterios de galeguidade por produción, comezando por suposto porque sexa unha obra en galego, que é totalmente indiscutible. Se non é en lingua galega, ten que haber unhas porcentaxes de produción completamente galega. A maiores, está a presenza de galegas e galegos no elenco ou no equipo. Todo iso suma puntos para conferirlle a galeguidade a un proxecto. En Sirât está Oliver na dirección e como guionista, pero tamén como produtor xunto a Xavi Font coa súa produtora Filmes da Ermida. Polo tanto, se a Academia catalá pode considerar a Sirât catalá para os Premios Forqué, porque tamén cumpre os seus requisitos ao ser de alí unha das produtoras, nós reclamamos a galeguidade do filme”.
Lucía Veiga considera que Laxe contou “coa cintura e a intelixencia” de involucrar neste filme a moitos outros profesionais que souberon valorar a calidade e que, indubidablemente, apostaron pola súa idea. “Esa parte de estratexia é a que non podemos esquecer. Daríame moita mágoa pensar que Sirât chega internacionalmente porque é o mellor produto que temos, e é moi bo produto; pero iso non quere dicir que os outros sexan peores en calidade cinematográfica, ao mellor simplemente non seguiron as mesmas estratexias ou os mesmos camiños”, debulla a presidenta da Academia Galega do Audiovisual.
"Pon de manifesto que o modelo de axudas que hai que promover en Galicia é aquel que obrigue a industria a confiar no talento autoral", di Pela del Álamo
Para Pela del Álamo, programador e director do festival Curtocircuíto en Santiago de Compostela, “o realmente difícil é que un filme que, independentemente do seu orzamento, ten unha clara vocación artística poida romper tantos teitos e chegar aos Oscar non pertencendo a ese establishment. Sen dúbida, é un fito moi importante e non unicamente para Galicia, senón para todos e todas estas artistas e cineastas que fan cinema dende unha vocación autoral”.
Del Álamo inxire o éxito de Sirât no feito de que os filmes de Lois Patiño, Diana Toucedo, Xacio Baño ou Jaione Camborda [que fixo historia gañando a Cuncha de Ouro de San Sebastián con O Corno] veñen participando do circuíto de festivais internacionais dende hai máis dunha década. “O que pon de manifesto que o modelo de axudas que hai que promover en Galicia é aquel que obrigue a industria a confiar no talento autoral, porque realmente é como se fai país. A industria audiovisual é sempre interesante, porque xera postos de traballo, pero o importante é que esa industria produza contidos de calidade que potencien o pensamento crítico e aposten polo traballo artístico, e non unicamente produtos de consumo que non perduran no tempo”, detalla.
Laia Casanovas, Amanda Villavieja e Yasmina Praderas poden marchar do Dolby Theatre de Hollywood co seu primeiro Oscar, que ademais sería o primeiro para un equipo de son formado unicamente por mulleres
“Como sector, todo o bo que lle pase a Sirât é bo para todos no longo percorrido. Alégrome infinito polos compañeiros, cónstame que esta película tivo moito traballo. Dende fóra só se ven as películas que se dan rematado, pero na industria sabemos que vivimos de pequenos milagres porque é moi complexo levantar un filme”, sinala Nati Juncal, produtora en Cósmica Producións, empresa que fundou xunto á directora e guionista Sonia Méndez.
Juncal é tamén delegada en Galicia de CIMA e celebra especialmente a candidatura de Sirât ao premio polo mellor son nos Oscar. “Vívoo como un logro colectivo, como un éxito das políticas de igualdade”, salienta. Esta asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais esfórzase en visibilizar a situación real do sector, onde segundo o seu último informe só o 26% dos equipos de son están formados por mulleres. A evolución na última década é significativa, pois partiuse do 7%, “pero segue a estar moi lonxe dos parámetros da igualdade”.
"Elas son conscientes das dificultades e participan activamente para que esta situación se reverta acompañando a outras compañeiras", destaca Nati Juncal
Laia Casanovas, Amanda Villavieja e Yasmina Praderas son as profesionais detrás do son do filme de Oliver Laxe e poden marchar do Dolby Theatre de Hollywood co seu primeiro Oscar, que ademais tamén sería o primeiro para un equipo de son formado unicamente por mulleres. “É histórico a todos os niveis”, valora Nati Juncal, que coñece a Laia Casanovas e Yasmina Praderas pola súa participación nun programa de CIMA no que profesionais en exercicio axudan a outras compañeiras que estean comezando. “Elas son conscientes das dificultades e participan activamente para que esta situación se reverta acompañando a outras compañeiras”, asegura a produtora galega, quen incide en que do feminismo “aprendemos a tirar unhas das outras”.
A potencialidade das coproducións
Sirât é unha coprodución de Filmes da Ermida, El Deseo, Uri Films, 4a4 Productions e Movistar Plus+. Unha fórmula de colaboración que marcará o futuro do sector, pois xa define o presente, sobre todo no cinema, aínda que cada vez máis nas series. Nese eido acumula moita experiencia Alfonso Blanco, fundador e CEO da produtora Portocabo, que con series como Hierro e Rapa sacoulle partido a esta maneira de traballar en equipo. “A coprodución é unha ferramenta fundamental e de futuro, permite aumentar o nivel e a calidade das obras”, apunta.
"Comprobamos como un produto de autor pode venderse coas estratexias de marketing de hoxe", salienta Alfonso Blanco
Alfonso Blanco explica que as coproducións aportan máis cartos, como resulta evidente, pero ademais converten os proxectos en globais. Sirât non é un filme só galego e español, tamén o é catalán e francés. Ademais, permite unha maior “circulación do talento” porque abre a colaboración a profesionais de distintas industrias. “Eu estou convencido de que somos moito mellores profesionais despois de facer Hierro polo traballo que fixemos cos compañeiros produtores”, destaca o produtor, que tamén menciona que con esta fórmula aumenta a capacidade de retorno económico das películas, posto que se estrean en máis países de maneira case automática. E, ademais, inclúe a capacidade de ser propietario ou copropietario do que produces.
Para Blanco, detrás de Sirât hai un enorme traballo de deseño de produción que debera estudarse moito por parte de quen estea no audiovisual. “Isto é o gran éxito da nosa historia, non sei se vivirei outro igual”, celebra o produtor, que pon o foco na “suma de talento” do equipo liderado por Oliver Laxe. “Comprobamos como un produto de autor pode venderse coas estratexias de marketing de hoxe. Como sector temos que centrarnos máis en vender o que facemos, se cadra poñemos demasiado o foco en chegar a facer os proxectos e despois non logramos que cheguen a xente”, explica.
Oliver Laxe xa conseguira levar ás salas de cine a gran parte do país con O que arde, rodada na mesma terra que viu medrar a Sirât. O 15 de marzo nos Ancares haberá festa, pase o que pase en Los Ángeles.