Oliver Laxe, de Cannes aos Ancares: "Confío no poder das imaxes"

Oliver Laxe e Sergi López co premio do xurado do Festival de Cannes este luns en Santiago CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Oliver Laxe viaxou do Festival de Cannes, onde recibiu o premio do xurado, ata Navia de Suarna para compartir 'Sirat' coas súas veciñas antes de que o filme chegue ás salas de cinema o 6 de xuño

“Cando chegamos tiñamos o prato quente”, contou Oliver Laxe este luns, nun encontro coa prensa en Santiago de Compostela, para explicar como fora a estrea do seu cuarto filme, Sirat, este domingo en Navia de Suarna, nos Ancares, na súa casa. O cineasta di que non dubidou sobre que as súas veciñas e veciños tiñan que ser os primeiros en ver a película, tras un paso triunfal polo Festival de Cannes.

Din que Laxe é un fillo de Cannes, e é que o certame francés vén acompañándoo na súa carreira desde a estrea de Todos vós sodes capitáns (2010). Pasou polas diferentes seccións do festival con Mimosas (2016) e O que arde (2019) ata chegar á sección oficial a concurso con Sirat. Unha película que xa ten o seu sitio destacado no cinema galego antes de chegar ás salas de cinema o vindeiro 6 de xuño.

Oliver Laxe durante a rodaxe de 'Sirat' © Quim Vives

Premio do xurado do Festival de Cannes, ex aequo co filme Sound of falling, de Mascha Schilinski; e premio á mellor banda sonora, outorgado por unanimidade por parte do xurado de expertos. A película recibiu o nome de Sirat unha vez rematada, Oliver Laxe explica que non atopaban unha palabra que condensase todo o que querían transmitir –“son tantas películas dentro dunha película”, apunta– e foi un amigo quen lle deu a idea. Sirat en árabe significa camiño, no Corán é a ponte que é preciso cruzar para alcanzar o paraíso, e para o cineasta lucense é “o camiño dos que miran cara a adentro”. “Sirat ten luz”, asegura.

"Actuar esta dor é imposible, non sei como se fai, nin se é posible facelo. Eu sigo o salto ao baleiro que nos propón Oliver", salienta Sergi López

En Sirat vemos a un pai, interpretado polo actor Sergi López, que se lanza na busca da súa filla maior polas ravesmarroquís da man do seu fillo pequeno (Bruno Núñez). Este é o contexto dado e o único necesario para ir introducíndote como espectador na historia, cun guión afiado e determinado que medra coa súa execución final.

“Estou descubrindo que tes que buscar no teu interior, como formula a película”, sinalou este luns Sergi López en Compostela tratando de explicar como fora o seu proceso para interpretar o personaxe de Luis. O actor catalán indicou que meterse nesta historia require dun “salto ao baleiro” porque o filme “ten algo de mito”. “Actuar esta dor é imposible, non sei como se fai, nin se é posible facelo. Eu sigo o salto ao baleiro que nos propón Oliver. Nun momento estamos ao bordo do precipicio e el, empúrrame”, salienta. “Pero tírome con el”, engade Laxe.

Sergi López e Oliver Laxe nun momento da rodaxe © Quim Vives

O produtor do filme, Xavi Font, salientou este luns que é imposible que cada persoa non faga a súa propia lectura dun filme, por iso celebrou as conversas que mantivo este domingo coa veciñanza dos Ancares tras a proxección de Sirat na praza do Concello de Navia de Suarna. “Despois de falar con varios veciños onte, realmente sorprendinme do nivel de apertura que teñen, de que procesan dun xeito máis aberto do que –especialmente nesta era algorítmica– podiamos pensar. Confiamos pouco no espectador e eu saín moi convencido de que eles entenderan moi ben fisicamente a película e que temos que confiar neles”, detalla o tamén músico e responsable da supervisión musical da película.

“Esta película está moi pensada para a xente nova. Sempre dicimos que queremos levar a xente nova ao cinema, pero aos veciños de Navia non lles pareceu allea”, apunta Font, xa que a media de idade da veciñanza é, se cadra, superior á que se pode dirixir nun inicio o filme. Con todo, Xavi Font incidiu na importancia de confiar nas espectadoras e espectadores.

"Creo que a película conecta con ese desexo doutro mundo posible, amén de que a min me encanta bailar e encántame a música electrónica", di Oliver Laxe

Oliver Laxe tiña a vontade de “conectar” coa xente nova con Sirat, pois considera que “madurar tamén é conectar co neno que fuches, e celebrar”. “Os mozos e mozas de hoxe en día, igual que cando eu era novo, compartimos as mesmas necesidades e falta de referentes, sobre todo de referentes espirituais. Obras que teñan luz, que nos dean esperanza, que nos fagan crecer. Dalgunha maneira, sendo mozo na Coruña eu xa non confiaba no mito do progreso. Intuía que as cousas non ían mellor por esta vía, pero tiña que ser así, e non o digo con dramatismo. Ás veces tes que tomar outro camiño e aprender dos erros que cometiches: sendo obvios os erros que cometemos como sociedade. Por iso, creo que a película conecta con ese desexo doutro mundo posible, amén de que a min me encanta bailar e encántame a música electrónica”, debulla.

O cineasta móstrase confiado ao afirmar que esta película “é un espectáculo”. Ten unha factura que se pode asimilar a unha road movie, moito suspense e unha banda sonora cativadora. “Hai que ir vela ao cinema. Eu confío nas imaxes, asumo que moitos rapaces de instituto que vaian ver a película, cando saian dirán ‘que paranoia, que se tomou o director?’. Pero confío no poder das imaxes, sei que van quedar dentro deles e que quererán ir ver outra película con alma. A min pasoume, o cinema salvoume”, asegura Laxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.