O obxectivo é difundir "as artes, manexos e xeito de vivir" das persoas que integran a cooperativa para promocionar a comercialización de tenreira galega suprema
O último proxecto de Oliver Laxe, gañador de tres premios no Festival de Cannes e nomeado aos Premios Goya por O que Arde, non é unha longametraxe de ficción e tampouco un documental. O director está a filmar vacas e gandeiros nos Ancares dentro da campaña audiovisual Gandería Heroica que impulsa a cooperativa A Carqueixa.
Os vídeos, que se difundirán a través das redes sociais, buscan difundir "as artes, manexos e xeito de vivir" das persoas que integran a cooperativa para así promocionar a comercialización directa de tenreira galega suprema, a carne de máxima calidade producida nos Ancares.
Oliver Laxe reside dende hai un tempo nesta comarca, onde desenvolve un proxecto cultural e formativo que impulsa a partir da rehabilitación de varias casas da súa aldea dos Ancares
Oliver Laxe reside dende hai un tempo nesta comarca, onde desenvolve un proxecto cultural e formativo que impulsa a partir da rehabilitación de varias casas da súa aldea dos Ancares. Nos Ancares está a centrar parte da súa actividade artística dende hai uns anos. Non só coa propia filmación de O que arde, onde ademais actúan moitos dos gandeiros que agora están a participar en Gandería Heroica.
Senón tamén con iniciativas como O que non arde, un proxecto da área do Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo que, tomando como nome o que vén ser o reverso do título da súa película, aposta por combater os incendios no medio rural lucense a través da prevención. O papel de Laxe foi tamén fundamental para acadar o apoio de Inditex á Gandería Heroica, servindo dende hai unhas semanas a carne de calidade suprema dos Ancares nos comedores da empresa.
Laxe destacou que a "heroicidade" demostrada por "estes veciños que quedaron aquí" foi "o que mantivo acesa a chama da candea dos Ancares”
A campaña Gandería Heroica presentouse este luns na Casa Quindós, nos Ancares. Alí, Oliver Laxe destacou que a "heroicidade" demostrada por "estes veciños que quedaron aquí" foi "o que mantivo acesa a chama da candea dos Ancares”. “Estamos a falar de moitas décadas na que o mundo lles dixo que o facían non era lóxico nin rendible nin racional. Con todo en contra, coidaron dos Ancares con esas invisibles vacas libres que salpican a paisaxe, esas que fan a trashumancia ata os Ancares bercianos, con todo o que iso implica a nivel cultural, paisaxístico e medioambiental”, subliñou o director.
“Falamos de décadas na que o mundo lles dixo que o facían non era lóxico nin rendible nin racional. Con todo en contra, coidaron dos Ancares con esas invisibles vacas libres que salpican a paisaxe"
Na rolda de prensa, celebrada na Casa Quindós, o inmoble destinado a ser un motor cultural e de desenvolvemento rural, Laxe subliñou que “esta campaña pon o foco sobre o traballo milenario que seguen facendo aquí os pastores, o pastoreo extensivo”. Ao fío disto engadiu que cando se compra carne d’O Sabor dos Ancares, estase protexendo “un modo de vida e uns valores” que “seguirán existindo” e subliñou a importancia de iniciativas coma esta para manter os Ancares como un espazo rico en biodiversidade.
O presidente da cooperativa, José Antonio Díaz, salienta a importancia de “dar a coñecer a nosa carne para poder manter a nosa vida no rural”
Pola súa banda, o presidente da cooperativa, José Antonio Díaz, quixo salientar a importancia de “dar a coñecer a nosa carne para poder manter a nosa vida no rural”. A cooperativa A Carqueixa está a impulsar e venda directa de carne ao consumidor a través de O Sabor dos Ancares dende onde comercializan a súa tenreira galega suprema en lotes e ao corte, que chega directa á casa dos consumidores unha vez fan o seu pedido na tenda online.