O que arde, de Oliver Laxe, foi o gran éxito do cinema galego en 2019 e o seu director, Oliver Laxe, expuxo a historia desta película como mostra da importancia da relación entre Galicia e o monte e, sobre todo, da protección dos ecosistemas naturais galegos e tamén da loita contra os incendios forestais. No verán de 2020, o realizador apadriñou coa súa presenza e cunha reformulación do título do seu filme a posta en marcha d'O que non arde, o programa no que a área de Medio Rural da Deputación de Lugo englobou as súas iniciativas de prevención dos incendios forestais e de impulso ás especies de árbores autóctonas en concellos da provincia.
O plan naceu coa vocación de "mitigar a orfandade dos concellos" para asumiren os labores de prevención de incendios que lles encomendou a Xunta, mais tamén para promover as especies leñosas autóctonas
A primeira intención do plan foi "mitigar" o que a deputada responsable da área de Medio Rural da institución lucense, Mónica Freire Rancaño (BNG), define como "orfandade na que sumiu a Consellería de Medio Rural da Xunta a todos os concellos" coa instrución que, dende 2018 os "obriga a asumir as competencias de vixilancia" do cumprimento da lexislación contra incendios no que atinxe á limpeza das "faixas secundarias de biomasa e faixas laterais de redes viarias municipais". Mais tamén, agrega, co obxectivo de "desenvolver un labor pedagóxico que moitas veces falla na ordenación dos espazos agrarios, fomentando a adquisición e semente de plántulas de especies arbóreas autóctonas".
A esta primeira convocatoria responderon trece concellos (A Pobra do Brollón, Becerreá, Folgoso do Courel, Guitiriz, Láncara, Lourenzá, Mondoñedo, Navia de Suarna, O Saviñao, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribadeo e Viveiro) interesados nestes apoios para a roza de masas forestais e repoboación con árbores autóctonas, se ben "recibimos consultas de máis da metade de todos os municipios da provincia". A avaliación dos proxectos, realizada por unha comisión técnica da Deputación, cristalizou na sinatura de tres convenios cos concellos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro.
A nova edición do programa incorporará apoios á "promoción de actividades silvopastorís nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común"
Sinala Freire Rancaño que, ante o "crecente interese e aceptación que acadou o programa"; a área de Medio Rural da Deputación lucense traballa xa na segunda edición do programa O que non arde para poñela en marcha en 2021 "con novas liñas de axudas". Entre as novidades, avanza, estará o apoio para a "promoción de actividades silvopastorís nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común con gandaría extensiva que contribúan a reducir o risco de lumes pola elevada cantidade de biomasa existente nos nosos montes".
Mónica Freire: "A casuística por tras dos lumes forestais é complexa, pero resulta evidente que o camiño para atallalos pasa pola prevención, a ordenación do territorio e o aproveitamento multifuncional do monte",
"A casuística por tras dos lumes forestais é complexa, pero resulta evidente que o camiño para atallar esta problemática pasa pola prevención, pola ordenación do territorio e o aproveitamento multifuncional do monte", coida a deputada, quen encadra este proxecto no "plan estratéxico plurianual" con "catro eixos programáticos para o noso rural" que desenvolve o seu departamento. Sitúao, concretamente, no primeiro destes eixos, o de ordenación do territorio, centrado no "mantemento da superficie agraria útil e recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas", así como nno fomento do pastoreo e na "xestión mixta sostible, con sistemas agroforestais onde se inclúan especies leñosas autóctonas".
Estas iniciativas, que levan aparelladas outras en materia de mellora do valor engadido das producións forestais e labores de educación e formación. Nestas liñas incide tamén á iniciativa O que non arde por parte de Oliver Laxe, que segue a traballar no proxecto cultural e formativo que impulsa a partir da rehabilitación de varias casas da súa aldea dos Ancares. Para o realizador, resultan especialmente "necesarias" as "medidas que incentiven o mantemento de superficie agraria útil e a recuperación de zonas de monte abandonadas ou improdutivas, e que motiven á xente moza a ser valentes e emprender novos proxectos modernos e innovadores coa gran potencialidade" de áreas como a súa propia aldea.