O que arde é o filme en galego máis visto da historia nas salas de cinema, pero tamén unha historia coa que o seu autor, Oliver Laxe, chama á reflexión sobre a relación de Galicia co seu monte, co medio rural e a respecto das causas dos incendios forestais. O director, que segue a traballar no proxecto cultural e formativo que impulsa a partir da rehabilitación de varias casas da súa aldea dos Ancares, vén de apadriñar un proxecto da área do Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación de Lugo que, tomando como nome o que vén ser o reverso do título da súa película, aposta por combater os incendios no medio rural lucense a través da prevención, pero tamén mediante o fomento das especies arbóreas autóctonas.
Da man do cineasta, a responsable de Medio Rural da entidade provincial, Mónica Freire Rancaño (BNG), vén de presentar a iniciativa O que non arde coa vontade, explica, de "apoiar os concellos da provincia que velen polo cumprimento da normativa de prevención e defensa" contra incendios segundo o fixado na lei de 2007, pero tamén de ir un paso máis alá. Previr, pero tamén promover condicións para que non arda no futuro.
O primeiro eixo do programa "fomenta a prevención dos incendios forestais" mediante o "mantemento das faixas secundarias de biomasa" e "laterais de redes viarias municipais"
O proxecto, que nace cun orzamento inicial de 60.000 euros "que se irán incrementando progresivamente, a medida que se vaian adherindo os concellos que cumpran os requisitos e o soliciten", bota a andar con dous eixos. O primeiro "está dirixido ao fomento da prevención dos incendios forestais", axudando a cumprir "os plans de xestión e mantemento das faixas secundarias de biomasa e faixas laterais de redes viarias municipais".
Así, detalla Mónica Freire, "pretendemos mitigar a orfandade na que sumiu a Xunta aos concellos". Dende 2018, resalta "obrígaos a asumir as competencias de vixilancia sobre o cumprimento da lei de incendios", pero "sen medios para executalas".
Neste sentido, explica, o programa O que non arde vai financiar accións para "a roza de masas forestais, matogueiras e outras formacións espontáneas" que, por lei, deben ficar despexadas nos 50 metros que circunden edificacións, vivendas illadas, depósitos de lixo, campings ou gasolineiras, pero tamén "as faixas perimetrais de 50 metros arredor das novas instalacións destinadas a explotacións agrícolas" ou as "edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte".
A área de Medio Rural da Deputación prevé "incorporar novas liñas" nas vindeiras edicións do proxecto, como a promoción "de actividades silvopastorís con gandaría extensiva"
O segundo eixo desta primeira edición do programa, agrega, está "destinado ao fomento da adquisición de semente e plántulas de especies arbóreas autóctonas do noso territorio". Avanza Freire Rancaño que o seu departamento traballa "coa previsión de incorporar novas liñas de axudas en edicións posteriores" que, alén das iniciais, promovan tamén "actividades silvopastorís con gandaría extensiva", as cales "contribúen a reducir o risco de incendios", toda vez que a súa presenza contribúe ao control da "elevada biomasa dos nosos montes".
Os concellos que desexen participar na primeira edición do programa O que non arde poderán solicitalo á área de Medio Rural da Deputación ata o 31 de agosto. A súa participación concretarase mediante convenios cos gobernos locais que "cumpran todas as disposicións normativas vixentes en relación á prevención de incendios".
No marco da presentación do programa, Oliver Laxe, que presta a súa imaxe á iniciativa, aplaudiu un plan cuxo nome se inspira na súa película, por denominar accións que "inciden na prevención dos lumes, fronte aos gastos insostibles en extinción", resalta a área de Medio Rural, do Mar e Mocidade da Deputación lucense. "Son moi necesarias medidas que incentiven o mantemento da superficie agraria útil" e "a recuperación e zonas de monte abandonadas ou improdutivas", sinala, nun contexto no que ve preciso "motivar a xente moza" para que poida ser "valente" e "emprender proxectos innovadores" ligados ao rural.
Nesta liña, Laxe ve na mesma liña que o seu proxecto dos Ancares plans como O que non arde. Por iso, avanza, prevé novas "colaboracións futuras" dende a súa aldea natal coa área de Medio Rural da Deputación.