0 Gardados para despois

A Xunta anuncia medidas contra o lume aprobadas no Parlamento tras os incendios de 2006

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A necesidade de artellar novas medidas políticas, administrativas e legais para facer fronte ao lume é case unha constante que se repite despois de cada vaga de incendios forestais e así sucedeu tamén tras a última, que calcinou case 50.000 hectáreas nos montes galegos en apenas dous días. Alén do debate sobre a resposta á emerxencia do 15 e 16 de outubro, a primeira reflexión parlamentaria máis ou menos ampla ao respecto chegou coa comparecencia do presidente da Xunta do 7 de novembro, na que Alberto Núñez Feijóo anunciou unha proposta de "acordo de país" contra os incendios cunha trintena de medidas das que máis da metade son parte de normas xa vixentes, pero na súa gran maioría pendentes de desenvolver.

Algunhas desas leis e regulamentos que xa existen pero que o Goberno galego non foi quen de aplicar proceden de propostas que o Parlamento aprobou hai máis dunha década. Fíxoo, nomeadamente, no documento de conclusións da comisión de estudo sobre a vaga de incendios de 2006, o órgano parlamentario que o PP boicoteara por consideralo unha "farsa" de "ocultación" e unha "ópera bufa" que supuña "traizoar as vítimas" mortais do lume. Aquel ditame saíra adiante cos votos de PSdeG e BNG, na altura socios de Goberno. Os populares non participaran na votación -estenderan as súas mans ante os escanos en sinal de protesta-, se ben neste 2017 admiten, por boca do seu voceiro, Pedro Puy, que aquel documento servirá de "base" para futuras medidas contra os incendios.

O PP descualificou moitas das medidas que agora anuncia por seren parte das conclusións da comisión de estudo, unha "farsa" de "ocultación" propia dunha "ópera bufa"

Así, por exemplo, aquela comisión aprobara desenvolver vías legais para que Xunta e concellos puidesen actuar en predios e montes abandonados ou de propietario descoñecido, camiño que xa foi emprendido en leis como a de incendios de 2007, a de mobilidade de terras de 2011 -que desenvolve o Banco de Terras- ou a de mellora da estrutura territorial agraria, aprobada en 2015. Nesta liña profunda tamén a lei de acompañamento dos orzamentos de 2018, que se tramita actualmente no Parlamento. Este era só un dos plans emanados daquela comisión de estudo, que instou a emprender un camiño divididos en 8 áreas que, atendendo ás declaracións de intencións da Xunta, volverá ser transitado dende o inicio noutro órgano de idénticas características, pero dez anos despois.

1. O dispositivo de extinción 

Traballos de extinción dun incendio en Ribeira / Óscar Antón Pérez

As conclusións daquela comisión de estudo puñan ao Goberno tarefas que, atendendo á propia estrutura do dispositivo e ás recorrentes reclamacións do persoal, seguen pendentes. Apostaba por unha "reformulación" que tendese "cara a unha maior profesionalización e esatbilidade laboral". Entre as primeiras medidas figuraba a "integración das brigadas municipais dentro do dispositivo autonómico", un camiño que emprendeu daquela a Consellería do Medio Rural pero no que o Executivo do PP comezou a retroceder dende o ano 2013 entre protestas do persoal, por contribuír á "precariedade" e á "fragmentación". Ao tempo, propúñase que a Xunta acordase coa Federación Galega de Municipios e Provincias "instrumentos de colaboración para a realización de albores de prevención e vixilancia", medida que case literalmente anunciou Feijóo tras os incendios de outubro.

2. Formación e sensibilización

Tras a vaga de incendios de 2006, a maior en vinte anos en canto a superficie ardida, a comisión de estudo apostou por estabilizar a "rede de participación en defensa do monte galego" a partir da "experiencia" do voluntariado que colaborara na recuperación dos terreos queimados aquel verán. Neste apartado o documento propuña medidas que en gran parte xa están incluídas nos plans contra os incendios forestais de cada ano e que Feijóo tamén volveu anunciar agora, tales como "programas de formación dirixidos ao conxunto da sociedade" en áreas como a prevención e protección fronte ao lume. "Apostarase -engadía o ditame- pola educación para a sostibilidade no sistema educativo formal" para promover "cambios de valores e pautas de comportamento".

3. Persecución da "delincuencia incendiaria"

Vehículo da unidade de Policía adscrita á Xunta

Despois de novas especulacións sobre supostas "tramas" e "terroristas" incendiarios durante os meses posteriores aos incendios, finalmente a comisión proupuxo unha batería de medidas para mellorar a "actuación contra a delincuencia incendiaria". Boa parte delas pasaban pola aprobación dunha lei que recibiu luz verde definitiva poucos meses despois, a de creación da Policía de Galicia, pero que cando xa pasou unha década está incumprida de xeito practicamente íntegro. Así, o ditame sinalaba que esa futura policía galega debería poder "asumir en exclusiva as competencias en materia de investigación, prevención e loita contra os incendios forestais" sen prexuízo de establecer novos "mecanismos de coordinación e intercambio de datos" con outras forzas de seguridade locais e do Estado, así como coa Xustiza.

Neste ámbito a comisión tamén bosquexou medidas que Feijóo anunciou nas últimas semanas; concretamente, o reforzo das brigadas de extinción de incendios. Adicionalmente, avogaba por "mecanismos que garantan o anonimato das testemuñas" que coñecesen a identidade dos incendiarios -a Xunta tamén aposta por isto na actualidade- e mais por  modificacións legais que permitisen "esixir a responsabilidade civil aos delincuentes que resulten condenados por delitos de incendios forestais".

4. Desenvolvemento rural

Dez anos despois algunhas das propostas neste eido tamén se repiten nos anuncios do Goberno actual. É o caso do "deseño de novos instrumentos legais que permitan a permuta, agrupación ou explotación conxunta de predios rurais para facer fronte á dispersión e ao minifundio", normativa en boa parte xa existente pero non desenvolvida. As conclusións da comisión vían necesarias tamén "modificacións fiscais que faciliten a mobilidade e concentración da propiedade rural e forestal" e, sobre todo, "establecer, con carácter de urxencia, mecanismos administrativos que permitan á Xunta coñecer, definir e tutelar a superficie abandonada ou de descoñecidos". A base destas propostas púxose co Banco de Terras e, posteriormente, coas devanditas leis de mobilidade de terras e de mellora da estrutura territorial agraria. No entanto, a posibilidade de actuar en parcelas abandonadas ou sen propietario coñecido é presentada neste 2017 como unha das principais novidades tras a última vaga.

5. Acción política

Vídeo divulgativo do Banco de Terras elaborado pola Xunta en 2007

As medidas políticas emanadas daquela comisión de estudo apoiábanse fundamentalmente no Banco de Terras, creado entre duras críticas do PP, que o encadraba nunha política propia "da Unión Soviética" aínda que o adoptou como propio cando retornou ao poder en 2009 e mesmo o dotou de instrumentos legais que neste 2017 asegura estar disposto a despregar. Xunto ao Bantegal a comisión propuxo a elaboración de dúas leis: a de incendios, aprobada en 2007, e a de montes, que vería a luz en 2012. Ademais, resaltou a importancia de "ordenar os cultivos agrarios e forestais, asignando a cada unh das especies as localizacións máis axeitadas" e "diversificar os usos do monte", coa "creación dun mosaico de vexetación" con "maior capacidade de defensa contra o lume".

6. Planificación

A comisión propuxo incrementar as franxas de protección en torno ás vivendas, que o actual Goberno reduciu e que agora propón volver aumentar

A comisión de estudo dos incendios de 2006 considerou imprescindible "regular as medidas de protección e de prevención de incendios forestais nas urbanizacións e construcións illadas", así como o "establecemento claro e diferenciado de perímetros de seguridade arredor dos núcleos rurais que limiten o combustible". Suxería ademais "medidas para que a rede de estradas reciba unha actuación de limpeza e rozas de gabias" que convertise estes propios viais en "devasas" que freasen as lapas no caso de incendio. Plans coma estes, advertían, deberían vir acompañados de "instrumentos reforzados de vixilancia e control no cumprimento da normativa". No ano 2012 o actual Goberno reduciu as franxas de protección de núcleos habitados que establecera a lei de incendios de 2007, se ben agora o propio Feijóo apostou por amplialas.

7. Protección Civil

A comisión concluíra que Galicia se estaba a enfrontar a unha "nova tipoloxía de incendios", máis achegados a contornas habitadas, grandes núcleos de poboación e vías de comunicación. Por iso viu oportuno "http://praza.gal/politica/15443/o-pp-aplaude-a-comision-de-estudo-sobre-incendios-unha-decada-despois-de-boicoteala-por-ser-unha-farsa/" en materia de emerxencias, con órganos nos que participasen todos os diferentes niveis de goberno. Na actualidade a Xunta di estar disposta a dar pasos nese sentido, se ben na última vaga de incendios volveron rexurdir as críticas por, por exemplo, descoordinación entre efectivos autonómicos e municipais. A comisión pediu tamén "mellorar e dotar de máis medios" a Meteogalicia, pero nos últimos anos o Goberno galego fixo xusto o contrario, cunha relevante redución de recursos neste servizo.

8. Medio Ambiente

As recomendacións da comisión de estudo remataban sinalando a necesidade de "incrementar" os espazos naturais protexidos e de adoptar "medidas específicas dirixidas á prevención" destes fronte aos incendios. Estes plans, resaltaba, deberían vir acompañados coa elaboración dun "mapa de riscos" dos espazos protexidos, dunha guía de actuación para previr a erosión en áreas afectadas polos incendios e de protocolos claros para a retirada da madeira queimada. Tras os incendios deste outubro o Parlamento aprobou por unanimidade instar a Xunta a elaborar un plan urxente de rexeneración de contornas protexidas afectadas polo lume.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.