0 Gardados para despois

Adopta a Xunta a política agraria "da Unión Soviética"?

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Febreiro de 2009. Faltan apenas tres días para as eleccións ao Parlamento de Galicia e representantes do PP na provincia de Ourense distribuían un panfleto encabezado por unha pregunta ante a que só cabía unha resposta: "Queres quedar sen as túas fincas?". "Se goberna o BNG e o PSOE pódenche quitar as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas". "O PSOE e o BNG queren quedar coas túas terras", aseguraba o pasquín, no que non figuraba sinatura nin logotipo ningún e onde, xunto ás proclamas, se podían ler varios artigos da Lei do Banco de Terras. Os conservadores axitaban deste xeito o argumentario estreado dous anos antes para opoñerse a unha das medidas centrais da Consellería de Medio Rural dirixida polo nacionalista Alfredo Suárez Canal, medidas que agora, cando menos en parte, asumen como propias.

O controvertido panfleto desenvolvía, plasmaba, entre apelacións á propiedade privada e erros gramaticais, as duras críticas lanzadas durante a tramitación da lei do Bantegal, no ano 2007. O daquela voceiro popular de agricultura e actual subdelegado do Goberno central en Ourense, Roberto Castro, consideraba que a normativa do bipartito non era propia de Galicia, senón "da Unión Soviética". Suárez Canal só pretendía "confiscar as terras e nacionalizalas", afirmación que sustentaba na "ideoloxía do conselleiro". O Bantegal tiña que ser freado por supoñer un "atentado contra a liberdade" que ía situar o país nunha conxuntura propia da "Rusia post tsarista" como paso previo á "expropiación de terras".

Incorporación "de oficio"

Este xoves, case un lustro despois daquela durísima campaña electoral, Alberto Núñez Feijóo compareceu tras o Consello da Xunta coa actual titular de Medio Rural, Rosa Quintana, para presentar os trazos fundamentais da futura lei de estrutura agraria, unha norma que incluirá entre os seus preceptos o que hai media década o partido que agora sustenta o Goberno vía propio dunha horda bolxevique. O que antes era presentado como un ataque á liberdade amósase agora como unha vía para a "loita contra o abandonono" das terras, "un esforzo de loita contra o abandono no rural" que se traduce na posibilidade de que a Xunta, "de oficio", poida forzar a incorporación de predios ao Banco de Terras.

As persoas propietarias de terras abandonadas terán que optar por traballalas, alugalas ou cedelas ao Banco de Terras

"O texto permite a declaración de determinados perímetros de fincas como fincas abandonadas", resume Feijóo. "Referímonos a determinadas fincas que estean en grave risco de incendio, que xa fosen obxecto de incendio ou que exista demanda de terra polas expropiacións lindantes", di. "Poderase non só actuar sobre parcelas individuais, senón declarar perímetros de actuación no caso de que se dean determinadas circunstancias", abonda Medio Rural. E, en que consistirá esa actuación? As persoas propietarias terán, forzosamente, que "optar" por "traballar" os terreos e "poñelos en produción, arrendalos a terceiros ou incorporalos ao Banco de Terras".

No caso de que non se poña en práctica ningunha destas tres vías, Rosa Quintana advirte de que se contempla un réxime sancionador, outro dos aspectos máis criticados polo PP na oposición. Así, non traballar, nin alugar nin ceder o predio ao Bantegal implicará a aplicación das multas que xa prevé a Lei de Mobilidade de Terras -tamén promovida polo gabinete Feijóo- e que vai dos 300 aos 3.000 euros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.