'O que arde' converteuse esta semana na película falada en galego máis vista nas salas comerciais en toda a historia. Ata agora 'Sempre Xonxa' (Chano Piñeiro, 1989) posuía o rexistro máis alto, con 62.203 espectadores, segundo os datos do ICAA (Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais).
Na súa sexta semana de exhibición 'O que arde', dirixida por Oliver Laxe, supera os 62.500 espectadores, fronte aos 58.791 da pasada semana. O filme sitúase xa entre as 25 producións do Estado máis vistas no que levamos de 2019.
O que arde vén de colleitar ademais 4 premios no Festival Internacional de Cine de Mar del Plata, entre eles a Mellor Filme e Mellor Guión da competición internacional. Estes galardóns únense á longa lista de recoñecementos que foi recibindo nos últimos meses, entre os que destaca sobre todo o premio obtido no Festival de Cannes.
A estrea do filme en Galicia tivo lugar, de xeito moi simbólico, en Navia de Suarna, a modo de homenaxe á contorna na que foi gravada: Os Ancares. A veciñanza da vila botouse á rúa para ateigar a praza do Concello e asistir ao primeiro pase oficial da fita. O 11 de outubro chegou ás salas comerciais, onde está a competir en pé de igualdade con grandes superproducións e unindo o recoñecemento do público aos eloxios que xa fora recollendo da crítica.