"Xa pasou dúas veces. Volverá pasar". Tras o éxito internacional dos seus filmes Todos vós sodes capitáns e Mimosas, con galardóns en múltiples certames entres os que destacaba o Festival de Cannes, o director Oliver Laxe lanzaba en 2017 esta reflexión a propósito da falta de apoio de TVE á produción dos seus filmes. Naquel caso referíase especificamente ao terceiro, do que naquela altura pouco se sabía alén de que ía tratar a temática dos incendios forestais en Galicia. Esa fita vén de converterse na primeira en ser proxectada en galego en Cannes e regresa de alí con premio.
Oliver Laxe, en 2017: "Xa pasou dúas veces. Volverá pasar"
Daquela o realizador galego nado na emigración e criado na Coruña xa tiña en marcha o proxecto d'O que arde, xermolado no Máster en Documental de Creación da Universitat Pompeu Fabra. Preparouno xunto ao seu equipo cun amplo traballo de documentación previo, incluíndo a convivencia con bombeiros forestais que loitan contra o lume na provincia de Ourense. Tamén un coidadoso labor de casting en Navia de Suarna para atopar os perfís non profesionais que interpretarían os protagonistas da historia: un condenado por incendio forestal acabado de saír da cadea.
O filme premiado na sección Un certain regard protagonízana Amador Arias e Benedicta Sánchez, veciña do Corgo de 83 anos cuxa espontaneidade na alfombra vermella de Cannes fica tamén para a historia do cinema galego
O prognóstico de Laxe non ía, en absoluto, desencamiñado. Non tivo apoio de TVE, pero si o atopou na Agadic, na Deputación de Lugo ou na TVG para desenvolver unha rodaxe no que foi fulcral o traballo da produtora galega Miramemira. O equipo liderado por Oliver Laxe conta a historia á que puxeron corpo e alma Amador Arias e Benedicta Sánchez, intérpretes do incendiario e a nai que protagonizan o filme. O escenario son os Ancares lucenses, terra de orixe da nai do director, e navega entre a ficción e o documental.
A espontaneidade ao posar na alfombra vermella de Cannes demostrada por Benedicta, veciña do Corgo de 83 anos de idade, fica para a historia do cinema galego. Mesmo bailando. E falando, claro. En galego.
'O que arde' chega ás salas galegas este 2019 da man de Numax Distribución
Os aplausos que colleitou O que arde tras ser proxectada dentro da sección 'Un certain regard' [Unha certa ollada] eran un bo prognóstico que este venres foi confirmado. A nova obra de Oliver Laxe levou o premio do xurado presidido pola directora e actriz Nadine Labaki, formado por profesionais do Líbano, Francia, Alemaña, Arxentina e Bélxica. "O xurado desexa manifestar o gran pracer que sentiu ao mergullarse na diversidade desta selección, unha diversidade de temas abordados, de enfoques cinematográficos e de representación de personaxes", salientou no seu ditame.
Tras facer historia en Cannes, esta reflexión sobre o fenómeno dos incendios e quen os comete, os seus efectos e as relacións veciñais chegará ás salas comerciais de Galicia da man dunha distribuidora galega, Numax Distribución, a finais de 2019. Nos vindeiros días Vinte seguirá a debullar estes históricos días para o cinema galego en Cannes.