O que arde, o terceiro filme de Oliver Laxe, presentouse este martes no Festival de Cannes dentro da sección competitiva Un certain regard. A longametraxe convértese na primeira película que se proxecta en lingua galega no prestixioso festival francés. Amador Arias Mon e Benedicta Sanchez Vila, os dous protagonistas do filme, acompañaron a Laxe esta mañá na cidade francesa na presentación ante a prensa.
Laxe convértese ademais no segundo director do Estado Español (xunto con Víctor Erice) en formar parte da selección en Cannes coas súas 3 primeiras longametraxes. O realizador galego gañou alí o Premio FIPRESCI da Quincena de Realizadores por Todos vós sodes capitáns no ano 2010. E no 2016 repetiu con Mimosas, que se fixo co Gran Premio da Semana da Crítica.
O filme compite con outros 18 títulos, entre eles os últimos traballos de Albert Serra (Liberté), Bruno Dumont (Jeanne) o Christophe Honoré (Chambre 212). Este martes proxectouse dúas veces e este mércores poderá verse de novo, por última vez.
O que arde estrearase nas salas galegas a finais deste ano 2019, distribuída por Numax. Gravada nos Ancares lucenses -terra de orixe da súa nai- a medio camiño entre a ficción e o documental, a película constitúe un achegamento ao traballo das brigadas de loita contra o lume e unha reflexións sobre os incendios e os seus efectos, a piromanía e as relacións veciñais
O filme conta a historia de Amador, o seu regreso á casa tras cumprir condena por un delito de incendio. Alí, nunha aldea perdida da Serra dos Ancares lucense, volve convivir coa súa nai Benedicta, a súa cadela Luna e as súas tres vacas. O xogo entre a realidade e a ficción complétase coa escolla dos seus protagonistas, actor e actriz non profesionais que saíron dun casting de 300 persoas.