Óliver Laxe sorprendeu en 2010 con Todos vós sodes capitáns, seleccionada para o Festival de Cannes, onde gañou o Premio Fipresci. Repetiu éxito o pasado ano con Mimosas que obtivo o Gran Premio da Semana da Crítica no festival francés. Este filme chegou, ademais, ás salas comerciais, permanecendo dez semanas en cartel, e sumando un éxito de público ao unánime recoñecemento, nacional e internacional, da crítica. Ningunha destas dúas películas tivo o apoio nin a participación de Televisión Española. Tampouco o terá, ao parecer, o terceiro filme deste novo director galego nacido na emigración. A película que realiza sobre os incendios forestais non foi escollida polo ente público entre aquelas nas que acepta entrar na súa produción, un total de 12 filmes entre os que, ademais, ningún está dirixido por unha muller.
"Vexo necesario escribir estas liñas para que a xente non me pregunte no futuro por que non fago películas en España. Quero que saiban que o tentei con todo o meu corazón"
A nova exclusión de Oliver Laxe, que chama a atención tralo evidente éxito internacional dos seus anteriores traballos, motivou que o realizador decidise publicar unha tribuna no xornal El País baixo o título de O monocultivo do cine español. No texto, Laxe compara o monocultivo do eucalipto nos montes galegos (e os seus efectos empobrecedores para a paisaxe, os solos e o ecosistema) co monocultivo cinematográfico, é dicir, a opción en exclusiva dun único tipo de filmes, máis convencionais, deixando fóra películas coma as súas, máis arriscadas e pequenas, fóra do canon.
Laxe lembra os éxitos acadados polos seus traballos: "Con estas películas pequenas logramos representar a España dúas veces no festival de Cannes, o máis importante do mundo (...) É moi complicado. E, se non, agora que se achega a nova edición do festival, fagan unha porra sobre cantas películas españolas nos representarán. Non só puxemos alí os dous pés; logramos gañar senllos premios. Se non me equivoco, é a primeira vez que un realizador español gaña dous premios en Cannes cos seus dous primeiros filmes". E critica non só o feito de ter sido excluído, senón tamén a falta de resposta do ente público sobre os motivos: "Tento falar con TVE desde hai 15 días para coñecer os motivos, pero só logro falar con Carmen, unha secretaria moi amable". Engade que "seguro que hai máis realizadores que recibiron coma min unha negativa aos seus proxectos, realizadores mellores e máis consagrados. Pero case todos eles tiveron nalgún momento unha oportunidade que eu non tiven ata agora. E creo que a merezo".
Oliver Laxe conclúe: "Vexo necesario escribir estas liñas para que a xente non me pregunte no futuro por que non fago películas en España. Quero que saiban que o tentei con todo o meu corazón". "Onde nos leva o monocultivo no cinema español? Por que hai tantas reticencias en España a practicar o cultivo combinado?", pregúntase.
"Non depende da televisión pública española que eu poida facer ou non as miñas películas: pódoas facer noutro lugar. Ou pódoas facer aínda máis pequenas, e que se lles coen outra vez por debaixo das pernas. Xa pasou dúas veces. Volverá pasar"
E advirte: "Son fillo de emigrantes: se non che gusta o que hai, vaste a outro lugar, sen vitimismo. Con soberana e saborosa submisión. Sen dramatismo. Eu téntoo, pero, como ven, aos meus trinta e pico segue fraqueando a miña aceptación e o meu desapego. Aínda así, teño claro que no fondo non depende da televisión pública española que eu poida facer ou non as miñas películas: pódoas facer noutro lugar, teño facilidade para facer amigos. Ou pódoas facer aínda máis pequenas, e que se lles coen outra vez por debaixo das pernas. Xa pasou dúas veces. Volverá pasar".