Fin de semana de premios para o cine galego: de 'O que arde' a 'Longa Noite' ou 'Arima'

'O que arde' foi galardoada no Festival Internacional de Cine de Mar del Plata © MDQFilmFest

O cine galego vive dende hai anos un excelente momento de crítica e público. Nos últimos anos foron moitos os premios internacionais recollidos polos filmes e profesionais do país, aos que hai que sumar un feixe máis obtido esta fin de semana, nalgún caso por partida dobre.

En Arxentina, no Festival Internacional de Cine de Mar del Plata, O que arde fíxose co premio Astor de Oro á mellor longametraxe internacional. E, ademais, obtivo un segundo recoñecemento: o Astor de Plata ao Mellor Guión para Oliver Laxe e Santiago Fillol. A película dirixida por Laxe rolda xa os 60.000 espectadores nas salas comerciais, convertida xa no filme rodado en galego máis exitoso da historia. 

Ademais, nese mesmo festival Longa Noite, de Eloy Enciso, foi galardoada cunha mención especial na sección 'Estados Alterados'. Longa Noite, que se estreou nas salas comerciais o pasado 5 de decembro, pasou polos festivais de Sevilla, Toronto e Nova York.

Non foron os únicos premios para o cinema galego. Ademais, no Festival de cine europeo de Sevilla Jaione Camborda fíxose cun galardón á Dirección Cinematográfica por 'Arima'. O xurado recoñeceu "a súa capacidade para transportarnos a lugares nos que o misticismo lle dá a man aos máis básicos instintos humanos".

Finalmente, no Festival Internacional de Cine Documental e Curtametraxe de Bilbao (Zinebi) a curta 'Carne', de Camila Kater, foi galardoada co premio de documental.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.