Longa Noite, o novo filme de Eloy Enciso, converteuse na primeira película galega na Competición Oficial do Festival de Locarno (Suíza), optando ao prestixioso Leopardo de Ouro. O primeiro pase tivo lugar este mércores ao mediodía, e haberá dous máis este xoves e venres. A película, ademais, vén de ser seleccionada para o Festival de Toronto, xunto con O que Arde (Óliver Laxe).
O filme busca amosar "unha imaxe" da Galicia da posguerra, "en especial os mecanismos do poder nas sociedades totalitarias"
O filme narra con actores e actrices non profesionais a historia dun home que regresa a súa terra natal anos despois da Guerra Civil, descubrindo a través de conversas durante a súa viaxe como a propia guerra e a ditadura franquista transformaron as relación entre as persoas. O guión parte de fragmentos de obras de autores como Max Aub, Luís Seoane ou Ramón de Valenzuela e a partir deles busca “reconstruir o tempo da posguerra a través de narracións e memorias desa época". Trátase dun filme coral, onde un conxunto de personaxes e voces amosan "unha imaxe da Galicia daqueles anos, en especial os mecanismos do poder nas sociedades totalitarias”, destaca o director.
Entre os actores e actrices aparecen Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Manuel Pozas, Verónica Quintela, Manuel Pumares Suso Meilán, Celsa Araújo e Miguel Calvo Ulloa. A película de Filmika Galaika foi rodado en diferentes escenarios da provincia de Lugo -Lugo, Meira, Becerrea, Chantada ou Sarria- e Pontevedra.
O prestixioso Festival de Locarno conta este ano cunha importante participación galega
O prestixioso Festival de Locarno, onde hai anos xa estivo presente Eloy Enciso con Arraianos (na sección Cineasti del presente), conta este ano cunha importante participación galega. Ademais de Longa Noite, Alvaro Gago presenta a súa curtametraxe 16 de decembro na sección Pardi Di Domani, na que tamén compite Camila Kater con Carne, unha curtametraxe documental producida entre Brasil e a compañía galega Abano Producións. Así mesmo, Filmika Galaika presenta tamén Those Who At a Distance Resemble Another de Jessica Sarah Rinland, na sección Moving Ahead.
Eloy Enciso estudiou Dirección de Documental na Escola de Cine de San Antonio de Baños en Cuba. As súas anteriores longametraxes Pic-nic (2006) e Arraianos (2012), foron seleccionadas e premiadas en festivais internacionais e museos de referencia como BAFICI (Bos Aires, Arxentina), Locarno (Suiza), FICUNAM (México), Montreal World Film Festival (Canadá), Viennale (Viena, Austria), MoMA ou o Reina Sofia. Longa Noite está producida por Filmika Galaika e conta co apoio do Agadic, a Universidade de Harvard, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra.