O filme Arraianos do director galego Eloy Enciso (Meira, 1975) foi un dos grandes triunfadores da XV edición do Festival Internacional de Cine Independiente de Buenos Aires, o BAFICI, ao facerse co Gran Premio da sección Vanguardia y Género, segunda competencia internacional que "aposta polas miradas máis audaces e transgresoras do cinema contemporáneo, tanto no ámbito da creación experimental coma na narrativa de xénero". O xurado estivo integrado polo director do Festival de Sitges Ángel Sala, o cineasta Gonzalo Castro e a crítica Stephanie Zacharek.
Arraianos tivo a súa premiere no Festival de Locarno en agosto do ano pasado, dando inicio a un destacado percorrido por festivais con citas tan importantes coma Vancouver, DocLisboa, Sevilla -onde gañou o premio Nuevas Olas- , Viennale ou FICUNAM -mención especial no concurso de longametraxes-.
Arraianos é unha coprodución de Zeitun Films e Ártika Films. A súa estrea comercial en salas españolas está prevista para finais de maio.