25 anos de IGMIG: provocación, humor e música sen etiquetas

A banda IGMIG, formada por Mig Seoane, Nacho Muñoz, Rubén Petete e L.A.R. Legido © cedida

O adianto electoral no Estado fixo coincidir a xornada de reflexión coa celebración dos 25 anos da banda IGMIG en Vigo

O adianto electoral no Estado fixo coincidir a xornada de reflexión coa celebración dos 25 anos da banda IGMIG no Vitruvia Café, en Vigo. "Creo que lle vén peor ás eleccións que a nós", afirma Mig Seoane ao outro lado do teléfono. Este sábado haberá festa, e será das que se lembran durante semanas. Ou iso pretende a banda, que convidou a Antón Reixa –o IGMIG do pasado– e Nuno Pico, de Grande Amore, –o IGMIG do futuro– a compartir escenario. Pero iso si, o horario é compatible con chegar a votar ao día seguinte: a cita comezará ás 19:15 horas. 

"Cando descubrimos –porque foi así, de súpeto– que facíamos 25 anos, pensamos que había que organizar un concerto grande, pero despois dixemos: é máis guai facer unha festa e que estea xente que, dalgún xeito, estivo ao noso lado nalgún momento; xente que nos influíu e os nosos amigos artistas", conta Mig Seoane, que alá polos inicios deste século se embarcou nesta aventura xunto a Nacho Muñoz, máis como un experimento que como un grupo musical.

IGMIG nunha actuación no Hematofesti, en Vigo © Maria Pol

"Aínda que Nacho e mais eu eramos dous músicos, IGMIG realmente xurdiu como disciplina artística, como un laboratorio experimental onde todo podía ter cabida. Fixemos performance, instalacións artísticas e, incluso, plásticas. Fomos cofundadores de colectivos de artistas en Pontevedra como Alg-a e Ludd 34560, con Isaac Cordal e Roi Fernández. Tamén fixemos un montón de teatro", explica Seoane sobre os comezos da banda, que completan os músicos Rubén Petete e Lar Legido.

Un 25º aniversario con artistas convidadas como Antón Reixa, Nuno Pico, María Lado, Pablo Lesuit, Queen Rendi, Lúa Gándara, Paula Quintas, Liqen, Isaac Cordal, Antía Sánchez e Xosé Soubiña

Cunha formación musical clásica, Nacho Muñoz e Mig Seoane descubriron na experimentación outra maneira de entender a arte sonora. "Empezamos a gravar sons e a mesturalos, facíamos música pola rúa co que atopabamos... Os dous traballabamos en Pontevedra e relacionarnos coa xente de Belas Artes axudou porque nós só coñecíamos a música como música", rememora Seoane.

Axiña coñeceron "todo o que hai detrás do son, e que se pode facer arte co son dunha forma non musical". "Creo que todo ese camiño foinos levando a isto que somos agora, que non sei moi ben o que é, pero vaia, somos un grupo de música; iso seino, non sei nada máis", salienta o músico. Agora recuperarán as cancións que marcaron a súa carreira e as do seu último álbum, Revolución!.

IGMIG: 25 anos ancorados no futuro comezará cun happening, un formato que se traduce como 'acontecemento' por ser efémero e inesperado, e no que prima a improvisación. Estivo moi presente nos seus comezos, nas accións nas rúas e locais de Pontevedra, e este sábado van retomalo para recuperar aquel espírito. Toda boa festa ten unha mestra de cerimonias, neste caso será a escritora e actriz María Lado a encargada de ir presentando ao públicos os múltiples estímulos que o cuarteto vigués ten preparado. 

L.A.R Legido e Mig Seoane nunha actuación de IGMIG © María Pol

Ademais de Reixa e Nuno Pico, a festa contará con outras artistas que teñen colaborado en cancións de IGMIG como o músico vigués Pablo Lesuit, Queen Rendi e Lúa Gándara, que canta con eles na súa canción máis recoñecida, Ostiá.

Poñer unha etiqueta concreta á música de IGMIG é case imposible. "Isto dificulta moito o de chegar a algúns escenarios, sobre todo se non che coñecen", apunta Mig Seoane. "Pero nunca o intenamos forzar, non nos cadran ben as etiquetas porque na mesma canción poden caber un montón delas", engade. Son unha mestura de punk, electrónica, música de verbena, rock progresivo, improvisación e músicas tradicionais, e gañaron o Premio Martín Códax á mellor banda de rock en 2017. 

"Nós intentamos facer todo desde a verdade, non saímos provocar a xente; simplemente xorde, e non sei realmente como xorde, pero nun escenario non podes finxir, é o que sucede", razoa Mig Seoane

Pero neste 25º aniversario non só haberá música, vai ser unha festa multidisciplinar. A artista circense Paula Quintas realizará distintas intervencións e as persoas asistentes poderán gozar dunha exposición de pezas de Liqen, Isaac Cordal e Antía Sánchez, responsables das portadas dalgúns dos traballos da banda. Ademais, o ceramista Xosé Soubiña presentará en directo unha creación especial preparada para a celebración.

Irreverentes e provocadores, cualificacións que aceptan porque non son de facer reverencias e tampouco entenden a arte sen interpelar a xente. "Nós intentamos facer todo desde a verdade, non saímos provocar a xente; simplemente xorde, e non sei realmente como xorde, pero nun escenario non podes finxir, é o que sucede", razoa Mig Seoane. Acompañan todo o que fan do humor: "Non somos esfinxes, necesitamos a risa. É fundamental, sen ela non somos nada". E cuestionan o que sucede ao seu arredor: "A cultura é un reflexo da sociedade. Como estamos agora mesmo, adormecidos, en todos os ámbitos... Así a xente non é quen de pensar que se pode construír outro mundo distinto".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.