Aulas dos concellos de Teo, Salvaterra de Miño, Vigo, Mos, Negreira, Santiago, Marín, A Estrada, Culleredo, Noia, Barcelos, Monção e Porto resultaron gañadoras do concurso Imaxes do Patrimonio, organizado por Ponte nas Ondas, que este venres entregou os seus galardóns en Vigo
Ponte... nas Ondas! (PNO) entregou este venres os premios da oitava edición do certam de fotografía Imaxes do Patrimonio. Todos os anos alumnos e alumnas de centros de ensino de Galicia e Portugal recollen fotografías antigas das súas familias e veciñanza dos seus lugares e envíanas para un concurso que busca dar a coñecer e protexer as distintas manifestacións de patrimonio inmaterial que esas imaxes gardan.
Aulas dos concellos de Teo, Salvaterra de Miño, Vigo, Mos, Negreira, Santiago de Compostela, Marín, A Estrada, Culleredo, Noia, en Galicia, ou Barcelos, Monção e Porto, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso nesta actividade pedagóxica que cada ano incrementa o seu número de participantes. As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galegoportugués.
"O Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras", destacan en Ponte nas Ondas
Os galardóns entregáronse no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, e foi transmitida en directo a través da canle de youtube e a web de PNO! e tamén en directo a través da Radio Piratona, que emite habitualmente a súa programación desde o propio centro cultural. Ao acto asistiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o director territorial de Educación, César Pérez Ares, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luísa Sánchez.
O acto, celebrado como todos os anos nas vésperas do Día Internacional do Patrimonio Mundial, 16 de novembro, contou coa actuación d'As Armandanzas, Montse Rivera e Mercedes Prieto, magníficas especialistas na música e danza tradicional, que foron tamén as encargadas de conducir o evento.
O oficio artesán dun zapateiro de Barcelos, un grupo de mozas lavando a tripa para facer chourizos, a esfollada do millo nun alpendre entre cantigas, unha máquina de café portátil percorrendo romarías dos anos 50 do século pasado... Foron algúns dos temas das fotografías participantes
"O Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras", destacan en Ponte nas Ondas. "Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental", engade a asociación.
O oficio artesán dun zapateiro de Barcelos, un grupo de mozas lavando a tripa para facer chourizos, a esfollada do millo nun alpendre entre cantigas, veciñanza axudándose no labrar dos eidos, unha máquina de café portátil percorrendo romarías dos anos 50 do século pasado, mozos portugueses saíndo a unha misión militar a Timor-Leste, a primeira viaxe á cidade da tataravoa Manuel en sidecar, recollida de algas para abono nun carro tradicional, a pesca do polbo hai setenta e cinco anos... Foron algúns dos temas das fotografías participantes no concurso e das gañadoras dos premios nas distintas categorías.
Os Premios
O primeiro premio na categoría de Primaria foi para Daniel Filipe Alvelos Magalhães, do Agrupamento de Escolas Vale do Tamel de Barcelos, coa fotografía 'A arte do sapateiro", unha imaxe de 1965 que amosa ao seu bisavó. "Com a arte de fazer sapatos, tornou-se na época um artesão muito conhecido na região do alto minho", destaca o gañador.
Vera Rivadulla Ocampo, do CEIP Plurilingüe da Ramallosa de Teo, obtivo o segundo premio cunha imaxe da súa bisavoa e tataravoa, lavando a tripa do porco despois da matanza para facer os chourizos, ao redor dos anos 50 do pasado século.
Julián Albores Fernández, do CEP Carlos Casares de Salvaterra de Miño, enviou unha fotografía da súa bisavoa esfollando millo, que foi merecedora do terceiro premio.
Na categoría de Secundaria, o primeiro premio foi para Xiana Liñares Gontán, do IES Xulián Magariños, Negreira, coa fotografía "Unha viaxe inesquecible", tirada en 1956, e que retrata o seu bisavó levando nunha moto con sidecar á súa tataravoa polas rúas da Coruña. "Esta imaxe representa un día único para ela, porque levaba moito tempo soñando con ir a A Coruña, pero naquela época non era fácil chegar ata alí se non tiñas vehículo, así que o seu fillo, o meu bisavó, decidiu cumprir o seu desexo e alugou unha moto para levala con el", sinala a gañadora.
Hugo Medela Rial, do IES Carlos Casares de Vigo, obtivo o segundo premio, cunha imaxe que amosa a recollida de algas na Praia América de Nigrán, nos anos 50 do pasado século, empregando un carro tirado por bois para utilizalas como abono agrícola.
Os premios inclúen tamén un certame de podcasts, no que se valora non só a imaxe enviada, senón unha gravación que a acompañe e a explique. En Primaria a gañadora foi Elsa Sanjorge Pesqueira, do CEIP Sequelo de Marín, que enviou unha fotografía do Ultramarinos de Benito Garrido e Dolores Dios, en Marín, nos anos 50 do pasado século.
En Secundaria gañou a imaxe e a gravación de Jacobo Barreira Diz, do ciclo superior Dual de Mecatrónica Industrial da CIFP Universidade Laboral de Culleredo. "A avoa torneira" mostra a experiencia da súa avoa como emigrante en Alemaña na década de 1960.