Alambiques, palangres e unha fábrica de gasosa, entre as fotos gañadoras do certame de imaxes do patrimonio

Ricardo Alonso Obregón creou a primeira fábrica de gasosas de Laza en 1903 © Imaxes do Patrimonio

Aulas dos concellos de Laza, O Pereiro de Aguiar, Vigo, Ribeira, Santiago, Foz, Ames, Cea, Marín, Noia, Salvaterra de Miño, Ponte Caldelas, e de Porto e Monção -en Portugal- resultaron gañadoras do concurso

Dende hai anos o alumnado de centros de ensino de Galicia e Portugal participan no certame fotográfico Imaxes do patrimonio, organizado pola asociación Ponte... nas ondas!, co obxectivo de reunir fotografías antigas que amosasen actividades e persoas doutro tempo, unha achega á preservación do patrimonio inmaterial dunha e doutra beira do río Miño e que afonda sobre todo no seu coñecemento polas xeracións máis novas en forma de actividade pedagóxica. O obxectivo declarado do certame é "descubrir ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural"

Hai uns días Ponte nas ondas deu a coñecer as imaxes gañadoras da sétima edición do certame, que un ano máis sacaron á luz fotografías moi interesantes que dan conta do pasado recente en Galicia e no norte de Portugal. Ducias de escolas galegas e portuguesas participaron na recollida de imaxes, unha actividade pedagóxica que culminará co outorgamento dos premios este 16 de novembro no Día Internacional do Patrimonio. As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués.

Rogelio en 1957 con boias de madeira e palangres para pescar congros © Imaxes do Patrimonio

Os premios entregaranse este 15 de novembro, coincidindo co Día Internacional do Patrimonio

Entre as imaxes gañadoras podemos ver un alambique ambulante por terras de Amandi ao redor do ano 1940; tamén a primeira fábrica de gasosas do concello de Laza fundada a comezos do século XX por Ricardo Alonso Obregón; unha estampa da vendima no sur de Galicia no ano 1925; un tataravó palangreiro en terras do Barbanza; un concurso de vestidos de bonecas en Porgual nos anos 50 do século pasado. 

Así mesmo, dous rapaces apenas adolescentes comezando como aprendices de albanel e ebanista, unha parella moceando na emigración londiniense dos anos 60, un día na sega do trigo, unha voda multicultural en Río de Janeiro hai case setenta anos ou unha escena na que asistimos á montaxe do o palco da festa.

O obxectivo do certame é "descubrir ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural"

Aulas dos concellos de Laza, O Pereiro de Aguiar, Vigo, Ribeira, Santiago de Compostela, Foz, Ames, Cea, Marín, Noia, Salvaterra de Miño, Ponte Caldelas, en Galicia, ou Porto e Monção, en Portugal, resultaron gañadoras do concurso. O xurado estivo formado por Sergio Pereira, antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga, Xerardo Feijoo, profesor e Fran Valcárcel, profesor e membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto.

José co seu alambique ambulante por terras de Amandi en 1940 © Imaxes do Patrimonio

Na categoría de Ensino Primario / Ensino Básico o primeiro premio foi para Xiomara Barja Alonso – 2º EP do CEIP O Castiñeiro (Laza); título: Gaseosas. O segundo premio foi para Leire Blanco Fernández -5 EP do CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey (O Pereiro de Aguiar); título: Alambique.

Na categoría de Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario o primeiro premio foi para Ainoa González Cañestro – 2º ESO do IES Número 1 de Ribeira; título: Rogelio, meu tataravó palangreiro. O segundo premio foi para Catarina Marques Pinto – Ano 9 da Escola Secundária Clara de Resende (Porto); título: As meninas não são bonecas.

Ademais, entregáronse premios no certame de podcast sobre o patrimonio. Os gañadores foron en ensino primario Alonso Arribas López – 5º EP do CEIP Sequelo de Marín; título: 1954 Facendo un palco en Cotobade. E na categoría de ensino secundario Antón Carou López – 1º ESO do IES Virxe do Mar (Noia); título: Seleccionando berberecho.

Finalmente, o xurado acordou por unanimidade e fóra de todas as categorías conceder tres mencións especiais a tres escolas polo seu traballo xeral do que forman parte as fotografías enviadas: CEP Carlos Casares de Grixó-Alxén (Salvaterra de Miño), IES de Ponte Caldelas e IES Politécnico (Vigo)

Concurso de vestidos de bonecas en Lamego (Portugal) en 1956 © Imaxes do Patrimonio
Unha vendima en 1925 no sur de Galicia © Imaxes do Patrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.