Unha ducia de imaxes do patrimonio inmaterial de Galicia e Portugal
Esta semana o colectivo Ponte... nas ondas! deu a coñecer os gañadores e gañadoras da terceira edición do seu certame Imaxes do Patrimonio, no que centros de ensino galegos e portugueses envían fotografías antigas que amosan elementos que forman parte do patrimonio inmaterial das nosas sociedades e que pasan a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués, que se pode consultar na web da asociación. Recollemos aquí algunhas das imaxes que obtiveron premios nos tres últimos anos.
-
01
O tren, no Porriño, con tracción animal
Esta é unha fotografía dun dos primeiros trens de mercadorías que pasou por O Porriño, tirado por touras, a finais dos anos 50. Con ela Rocío Dagraza Alonso, do IES de Mos, gañou o primeiro premio do concurso na súa segunda edición.
-
02
Bicicletas nos anos 60 en Salvaterra do Miño
Con esta imaxe levou o primeiro premio na primeira edición do certame Miriam Sousa Magallanes, do CEIP Plurilingüe Infante Felipe De Borbón (Salvaterra de Miño). Nela vese un grupo de mozas (sobre todo) e mozos nas súas bicicletas, que era o medio de transporte que empregaban para ir á vila veciña, a uns 15 quilómetros de distancia.
-
03
Filla coñecida a través dunha postal
As fotografías serven para das a coñecer noticias e persoas, aínda hoxe, acurtando distancias para quen non pode verse. Este foi o caso desta imaxe, que a xeito de postal enviada por correo, serviu para presentarlle a un home a súa filla que acababa de nacer, en 1953. El emigrara a Montevideo e a nai quedara en Gondomar. Paula Comesaña Pérez, do IES Terra de Turonio (Gondomar), obtivo un accesit nesta terceira edición con esta imaxe da súa avoa.
-
04
Procissão de vasos de plantas naturais en Barcelos
Esta fotografía de 1967 retrata unha tradición moi antiga da freguesía de Negreiros, no concello de Barcelos, na que as mozas do lugar participan nunha procesión de vasos de plantas naturais que culmina no cemiterio, onde homenaxean os seus seres queridos. Con esta imaxe (na que aparece a súa avoa) Mariana Guimarães, do Agrupamento de Escolas de Gondifelos (Vila Nova de Famalicão), obtivo un segundo premio na edición deste ano do concurso.
-
05
Praza de Abastos de Compostela
Claudia Vigo, do IES Antonio Fraguas (Santiago), obtivo o primeiro premio nesta terceira edición. Esta foto é de 1950 e nela aparecen a súa avoa e bisavoa no seu traballo de toda a vida na Praza de Abastos de Santiago, vendendo legumes e e froitas nun posto e máis tarde flores.
-
06
Traballadores portugueses en Francia na Primeira Guerra Mundial
Rafaela Gomes Teles, da Escola Básica e Secundaria de Sobreira (Paredes, Portugal), obtivo o primeiro premio na edición deste ano do concurso. Na imaxe vese un grupo de traballadores portugueses en Francia na Primeira Guerra Mundial, entre eles o seu tataravó.
-
07
Voda por poderes
Na segunda edición do concurso, Lucía Fernández Pérez IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas) obtivo un accesit con esta fotografía dunha "voda por poderes" celebrada en 1960 e na que o seu avó ocupou o lugar do noivo da súa irmá. Os noivos ían vestidos de cores escuras e os convidados aproveitaban a ocasión para vestir con roupa elegante.
-
08
Festa de Santa Ana, en Beade
Esta fotografía foi tirada en 1966 na festa de Santana/Santa Ana, en Beade (Vigo). Con ela María Fernanda Fernández Gómez, do IES de Valadares. (Vigo) obtivo o segundo premio do certame na súa segunda edición. "Naquel tempo existía o racionamento e a miña tataravoa sempre tentaba non deixar sen comer a ninguén; cando alguén pasábase da súa ración ela sacaba o seu carácter, por iso algunhas persoas dicían que era mala", conta.
-
09
Praia da Rocha en Muros
Esta fotografía está tomada en 1965 na Praia da Rocha, preto da vila de Muros e con ela Iria Martinez Sambade, do IES Plurilingüe Fontexería (Muros), gañou un premio na primeira edición do concurso. Na imaxe aparecen a súa avoa e as súas cuñadas nunha chalana coa que o seu avó pasaba o tempo libre.
-
10
Festa da Empanada en Chantada
Imaxe da Festa da Empanada de Chantada en 1959 coa que Ada Goyanes, do CEP Sabarís (Baiona), obtivo o terceiro premio na segunda edición do concurso. "Había gaiteiros amenizando a festa e facían que a xente bailara acompañándos. As familias sentaban a comer e visitábanse unhas a outras compartindo a comida que levaban", conta
-
11
Un botellón dos de toda a vida
Nesta terceira edición Noelia Cabaleiro Rodríguez, do IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas), gañou un accesit con esta foto dun botellón do ano 1961, tirada na tradicional romaría da subida ao penedo de San Cibrán. "Alí pasaban todo o día. Aproveitando a romaría, os rapaces e rapazas levaban comida, e sobre todo viño branco, viño tinto, augardente, licor café… ", conta.
-
12
O vello tranvía de Vigo
Abel González Ramilo, do CEIP da Cruz. Camos (Nigrán), gañou un premio na segunda edición con esta fotografía do seu bisavó (de uniforme pola dereita), que era xefe dunha estación do tranvía de Vigo aló polos anos 30.
-
13
Un brasileiro de torna-viagem
Vasco Resende de Sousa, da Escola EB2/3 Sophia Mello Breyner (Arcozelo, Vila Nova de Gaia) obtivo un dos primeiros premios na primeira edición do concurso con esta imaxe. A fotografía, anterior a 1916, retrara a família dun rico proprietario agrícola de Serzedo, que personaliza “o brasileiro de torna-viagem”, que volveu enriquecido da emigración a América. A foto foi tirada pola marcha do fillo maior (primeiro pola esquerda) á Primeira Guerra Mundial
-
14
Venda de madeira ao serradoiro
Con esta imaxe Roberto Rajo Gómez, do CEIP Plurilingüe Infante Felipe De Borbón (Salvaterra de Miño), levou o terceiro premio do certame na súa primeira edición. A imaxe, de 1954, reflicte un dos traballos dos labregos de subsistencia da época da posguerra, a venda de madeira ao serradoiro de Fornelos ou de Moreira.