Este luns 16 de novembro celébrase o Día Mundial do Patrimonio, establecido pola UNESCO. Coincidindo con esta data entidades culturais e sociais de toda Galicia, ao igual que administracións e institucións, organizan actividades e eventos para poñer en valor esta riqueza, dala a coñecer e reivindicar a súa importancia a todos os niveis.
Este luns 16 de novembro celébrase o Día Mundial do Patrimonio, establecido pola UNESCO
Unha das actividades organizadas foi o certame fotográfico 'Imaxes do Patrimonio', convocado polo colectivo Ponte... nas ondas! e no que podían participar centros de ensino de Galicia e Portugal. O obxectivo era reunir fotografías antigas que amosasen actividades e persoas doutro tempo, "un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras". Un patrimonio cultural inmaterial inmortlizado nunhas imaxes que durante semanas foron remitidas por escolas de Ourense, Muros, Nigrán, Betanzos ou da Fonsagrada entre outras moitas galegas, ou de Valença de Minho, Caminha, Vila Nova de Famalicão ou Porto.
O que se buscaba con este certame era "axudar ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común"
Dende a organización do certame explican que o que se buscaba era "axudar ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común", polo que se lles propuxo que buscasen, en colaboración coas súas familias e cos docentes, "aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva".
Aulas dos concellos de Baiona, Santiago de Compostela e Vigo, en Galicia, ou de Vila Nova de Famalicão, Paredes e Valença do Minho, en Portugal, foron seleccionadas como triunfadoras do concurso
Este luns veñen de anunciarse os gañadores e gañadoras do certame. Aulas dos concellos de Baiona, Santiago de Compostela e Vigo, en Galicia, ou de Vila Nova de Famalicão, Paredes e Valença do Minho, en Portugal, foron seleccionadas como triunfadoras do concurso. Entre as imaxes elixidas aparecen emigrantes traballando en campos franceses en tempos da primeira guerra mundial, unha tradición festiva con traxes rexionais nos anos 60, exemplo de xogos e xoguetes a mediados do século pasado, unha praza de abastos dos anos 50, o arado en familia dun campo nos anos 60, unha romaría a xeito de botellón da mocidade de hai tres cuartos de século, ou unha foto nos álbumes de moitas familias galegas: a da filla nacida cando xa o pai estaba emigrado que, a xeito de postal.
As fotografías pasarán a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués e as que resultaron gañadoras poden verse nesta páxina.
Outras actividades polo Día do Patrimonio
Son moitas máis as actividades organizadas por entidades galegas co gallo do Día do Patrimonio
Son moitas máis as actividades organizadas por entidades galegas co gallo do Día do Patrimonio. As asociacións agrupadas na Rede do Patrimonio Cultural elaboraron como todos os anos un amplo programa, superando as dificultades impostas pola pandemia de coronavirus, e que se desenvolverá ao longo de toda a segunda quincena de novembro.
No programa de actividades, que se pode consultar na web da Rede, destaca un ciclo de videoconferencias, que se emitirán na propia páxina e na canle de youtube de Roxin Roxal. As videoconferencias comeza este luns cunha intervención de Xurxo Ayán e continuarán os días 19 e 26 de novembro. Este é o calendario:
- 16 de novembro ás 20.00h: Xurxo Ayán – “Arqueoloxía nova que se chama Ribeira”. Modera Pilar Sánchez Monje (Asociación O Sorriso de Daniel).
- 19 de novembro ás 20.00h: Rafael Quintía – “O valor do patrimonio inmaterial e a súa relación co patrimonio material e natural”. Modera Emi Cagiao Sánchez (Asociación Entroido de Samede).
- 26 de novembro ás 20.00h: Celtia Rodríguez – “Campesiñas e loitadoras. Unha visión dende a Arqueoloxía de Xénero”. Modera Soledad Felloza (PatrimonioGalego.Net).
Ao longo de todo este luns 16 de novembro publicaranse nas redes sociais fragmentos das obras do intelectual ferrolán acompañados dos hashtags #CarvalhoPatrimonio e #CasaCarvalhoBIC
Ademais, diversas entidades organizan roteiros (coma o roteiro polos lavadoiros que Asociación Cultural Apelón Educación), andainas, exposicións e faladoiros (coma os impulsados pola Asociación Monte Pituco ou pola asociación O Suído) ou as IV Xornadas de Urbanismo Histórico convocadas pola Asociación Batitales.
Destaca, igualmente, a campaña pola declaración da casa de Ricardo Carvalho Calero como BIC, organizada pola Asociación Ferrol Terra Antiga. Ao longo de todo este luns 16 de novembro publicaranse nas redes sociais fragmentos das obras do intelectual ferrolán acompañados dos hashtags #CarvalhoPatrimonio e #CasaCarvalhoBIC