A finais de abril Apatrigal (Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego) entregoulle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural un dossier con información detallada sobre máis 200 bens que ata agora non estaban catalogados e protexidos na comarca de Monterrei. A pasada semana a Xunta anunciou o inicio da redacción do informe técnico preceptivo para o rexistro destes elementos, recollidos polo investigador verinense Bruno Rúa. Aínda que a documentación sobre os restos estaba acompañada da súa xeolocalización concreta, a asociación ofreceuse a acompañar o persoal técnico do Goberno galego para a súa identificación in situ
Apatrigal vén realizando un intenso traballo de investigación e documentación dos elementos patrimoniais esparexidos polo territorio e non sempre correctamente identificados e protexidos. É unha máis das varias entidades que por toda Galicia realizan este labor, que completa un traballo responsabilidade da propia Dirección Xeral de Patrimonio. Falamos con Bruno Rúa sobre o proceso que levou a cabo durante anos para documentar estes restos e sobre a súa visión que a relación que a administración e a sociedade establecen co patrimonio cultural.
Como foi o proceso de recollida destes máis de 200 elementos?
Eu non son arqueólogo, eu estudei antropoloxía dentro da carreira de Filosofía. Hai uns 13 anos coincidiume unha etapa na que estiven uns cantos meses no paro. Daquela púxenme a facer un pequeno repaso bibliográfico dos restos que había inventariados na comarca de Monterrei. Vin que había moi pouco, e sorprendeume. Dixen: 'pois vou aproveitar o tempo'. Collín os libros de Xesús Taboada Chivite, de Xaquín Lourenzo... Xa ves ata onde me fun, a 50 anos atrás, porque dende entón non se publicara moito máis. E fun repasando por onde eles pasaran, nalgúns lugares peinei literalmente o monte, e polo camiño fun atopando cousas novas, consultando con algúns amigos, como Antonio Rodríguez Colmenero, entre outros historiadores e arqueólogos, grazas aos que desenvolvín un criterio e incrementei o meu coñecemento sobre o tema. A min gústame ser moi metódico, así que fun organizando toda esa información, tirando fotos, apuntando a localización xeográfica co GPS. Polo medio fun traballar un tempo a Barcelona e cando volvín puxen todo en orde e publiquei parte do que atopara. Fíxate que cando comecei esta pescuda había uns 30 petróglifos localizados na comarca, e agora podemos estar cerca xa dos 300, que é unha cifra equiparable á que pode haber noutras comarcas.
"Estamos nunha das zonas de Galicia e de España con máis incendios. Cada vez que hai un incendio vou moi rapidamente, porque o lume dana moi seriamente os petróglifos"
Entre estes 200 bens, que tipo de elementos atopaches?
Unha parte importante son petróglifos, pero hai tamén catro miliarios, algunhas aras, nove mámoas e mesmo unha torre medieval. Neste caso, foi case unha sorpresa. Eu son dunha aldea chamada Medeiros e no centro da vila hai un edificio de pedra vella que sempre lle chamáramos A Torre. Hai catro ou cinco anos, repasando na Revista Nós un artigo do ano 29 atopei un documento que transcribía un manuscrito de herdanza de comezos do século XVI e que falaba de Medeiros da Torre e da torre que estaba no centro da aldea. Contactei cunha amiga que traballa no CSIC, visitouna e certificou que efectivamente era unha torre medieval, de comezos do século XV. Tamén unha fita megalítica, que foi bastante impactante atopala, despois dun incendio. Dáte conta de que aquí estamos nunha das zonas de Galicia e de España con máis incendios. Cada vez que hai un incendio vou moi rapidamente, porque o lume dana moi seriamente os petróglifos. Mesmo hai un que estaba catalogado e que xa damos por perdido.
"Entre os arqueólogos e a xente estamos nós no medio, os afeccionados á arqueoloxía e á historia"
Cres que as entidades e investigadores non profesionais que realizades este tipo de traballo estades suficientemente recoñecidos? Cal é e cal debe ser a relación cos arqueólogos profesionais e coa academia?
Creo que a distancia que existía hai 30, 40 ou 50 anos entre os arqueólogos que estaba escavando no castro e a xente que estaba na aldea, hoxe xa non é tal. Antes había un abismo entre os uns e os outros, parecía que a xente non se podía achegar a iso. Hoxe, afortunadamente, a arqueoloxía achegouse moitísimo máis á sociedade e comprende que sen a interacción cos veciños non sempre se acadan os resultados desexados. E aí entra o meu campo, o da antropoloxía e a etnografía, e a importancia que ten a tradición oral coa descuberta dos lugares arqueolóxicos. Antes non se lle daba tanta relevancia, agás en excepcións coma o caso de Taboada Chivite. Entre os arqueólogos e a xente estamos nós no medio, os afeccionados á arqueoloxía e á historia. Somos moitos en Galicia, cada vez máis, xente que considera que a identidade como pobo se ve reforzada con este tipo de cousas e está interesada en axudar a conservalo ou en colaborar nas investigacións. Agora teño a sorte de contar coa colaboración de Apatrigal, que me axudan moito e cos que traballo moi ben. Avanzouse moito, aínda que queda moito camiño por percorrer; en Francia premian a calquera particular que atope bens patrimoniais e no Reino Unido aínda van máis aló: asociacións e mesmo particulares que se dedican cos permisos pertinentes a buscar estes restos.
"O coñecemento crea a primeira barreira de protección. Cando nun lugar se descubre un ben patrimonial, os veciños da contorna convértense nos seus primeiros defensores"
Hai máis respecto para o patrimonio que antes?
Por ese camiño imos. Creo que unha das cousas máis importantes de atopar bens patrimoniais é que a xente saiba que existen. O coñecemento crea a primeira barreira de protección. Cando nun lugar se descubre un ben patrimonial, os veciños da contorna convértense nos seus primeiros defensores, collen orgullo de terra, por chamarlle dalgún xeito, a arqueoloxía fai un traballo social que fai xurdir o respecto por ese elemento.
"Eu proporía que a administración fixese convenios con asociacións como Apatrigal, para que Apatrigal se ocupase dos campos aos que administración non chega. Por aí gañaríamos todos"
A administración galega cumpre coa súa responsabilidade de protección como debería?
Eu neste tema quero ser positivo e considero a administración como algo noso, non como algo alleo. Eu creo que a administración somos todos e como parte da administración, os cidadáns temos as nosas obrigas. Se nós mesmos somos quen de cambiar a nosa mentalidade e asumir que os traballos son os nosos mesmos traballos, chegamos a un sistema de colaboración. Eu non gaño nada se simplemente critico un acto administrativo: o que teño que facer é melloralo co meu propio exemplo, e moitas veces é a propia sociedade quen lle marca o camiño á administración. Non podemos agardar a que a administración o faga todo. A sociedade tense que facer dona destas cousas, e cando a sociedade se fai dona destas cousas, como a administración é parte da sociedade, estará máis incentivada a facer as cousas que debería facer. Eu en temas técnicos non me vou meter, pero na provincia de Ourense, os técnicos de Patrimonio que hai son moi poucos, non dan feito. Eu proporía que a administración fixese convenios con asociacións como Apatrigal, para que Apatrigal se ocupase dos campos aos que administración non chega. Por aí gañaríamos todos. Se pasamos o tempo discutindo sobre que se fixo ben e que se fixo mal, non avanzamos. En vez de discutir, é preferible poñerse a traballar.
"O amor ao patrimonio créase. Se hai descoñecemento, non pode haber amor. Eu vexo que a xente das aldeas quere moito as súas capelas, quérenas moito porque esa capela coñécena ben e están unidos a ela emocionalmente"
A sociedade galega valora o seu patrimonio como debería? Quérelle ao seu patrimonio na medida en que o fan noutros lugares?
O amor ao patrimonio créase. Se hai descoñecemento, non pode haber amor. Eu vexo que a xente das aldeas quere moito as súas capelas, quérenas moito porque esa capela coñécena ben e están unidos a ela emocionalmente. A cuestión é crear vínculos emocionais entre o pobo e os bens patrimoniais. E hai que explicar ben os temas: hai que explicar que as persoas que fixeron isto eran os nosos veciños hai séculos, que co seu esforzo crearon isto e isto chegou ata o día de hoxe como herdanza para nós. E hai que explicar que esta herdanza hai que coidala porque vai traer beneficios económicos, vai atraer xente de fóra. E ao mesmo tempo creas país, esa xente vai defender ese ben como se fose a súa casa. Eu vivín en Cataluña, e tendo moito menos patrimonio ca nós, cóidano moito máis e son quen de xerar riqueza con el. Temos que mirar as cousas en positivo, estar atentos ao que se fai noutros lugares e adaptalo, non copialo, porque cada lugar é diferente. Hai que facer isto pouco a pouco, con paciencia, e pode ter resultados para Galicia como tivo para Irlanda, que hai décadas iniciou o seu crecemento grazas ao coidado e potenciación do seu patrimonio e da súa identidade.