Unha ducia de topónimos galegos coa súa orixe explicada
Galicia ten unha riqueza toponímica incalculable. A terra dos mil ríos conta cun número moito maior de nomes de lugares, entre topónimos de terra e mar e microtopónimos que nomean cada recuncho do país. Dende hai cinco anos funciona Galicia Nomeada, unha plataforma colaborativa de recuperación da toponimia tradicional galega que supera xa o medio millón de topónimos xeorreferenciados. Ademais, na web Toponimia de Galicia, que impulsan Xunta e RAG, podemos consultar a orixe de varios deses topónimos, moitas veces sorprendente. Repasamos aquí unha ducia deles.
-
01
Camariñas
A sección Detrás do nome do proxecto Toponimia de Galicia identifica a orixe do topónimo Camariñas co arbusto da familia das ericáceas do mesmo nome, tamén chamado caramiña, moi presente no litoral galego e especialmente nas ribeiras dos cabos camariñáns do Trece e Vilán. A mesma orixe, por certo, que tería a Pobra do Caramiñal.
-
02
Cualedro
Tamén tería a súa orixe nunha especie vexetal o nome do concello ourensán de Cualedro, en concreto "na denominación latina dunha árbore que se perdeu xa desde antigo no latín hispánico". A forma corylus era o nome tradicional común en latín para denominar a árbore que hoxe chamamos abeleira. e que en cambio en francés se mantén en coudrier
Así, dun inicial Coryletu, o nome deste lugar tería evolucionado a Corledo e finalmente a Coledro e Cualedro.
-
03
Melide
Hai moitas hipóteses -ou máis ben lendas- sobre a orixe do nome de Melide. Dende o chusco conto que dá conta dun exército romano de mil homes aos que berraron "mil, ide" ata as historias que buscan o inicio do topónimo no soldado Milhert ou no caudillo mahometano Abdalá ben Melik ou tamén na fundación da vila por uns xemelgos (Mellitius).
Porén, o máis probable é que ese nome orixinal Mellitus, efectivamente romano, identifique o nome dunha persoa chamada así e que tería neste lugar a súa casa.
-
04
Cangas
Hai varias Cangas, máis aló da que se sitúa no Morrazo. Este topónimo, que atopamos en Bergondo, Lalín, Pantón, Viveiro e tamén en Asturias podería ter dúas orixes distintas, unha no mar, que podería estar na orixe das Cangas litorais e outra no interior, dando nome aos lugares chamados así afastados da costa.
Asi, hai investigacións que rastrexan o inicio do nome no latín cannam (cana), que identificaría un val. E tamén outras que a partir do celta cambica (curvo) faría referencia ás curvas dun río ou tamén a un entrante do mar.
-
05
Burela
A orixe do topónimo Burela, que dá nome a un concello da Mariña e tamén a unha aldea da Fonsagrada, buscouse no teares de burel (unha tela grosa) ou nunha boia marítima.
O nome aparece xa nun documento do século XI e a súa orixe podería estar nun nome propio (Burellus), que daría paso a Villa Burella. E mesmo en bura, unha forma para referirse a unha furna.
-
06
Valdeorras
Temos claro que Valdeorras é "o val dos orras". Pero de onde vén esa denominación de orras? Xa Ptolomeo recolleu a existencia do Phoros Gigurrón, é dicir, o Foro dos Gigurros, unha denominación que acabou transformándose en georres, en iorres e finalmente en orras.
A orixe da palabra gigurro é en cambio máis incerta, podendo referirse a pedra, a rubio ou a ganso, segundo as diferentes investigacións, que concordan na orixe indoeuropea destes pobo que habitou a comarca dende moi antigo.
-
07
Bergantiños
O nome da comarca de Bergantiños procede de Brigantium (vila alta), un nome que parte da raíz celta brig- (elevación) que designa unha vila construída no alto. Alí vivirían os brigantinos. O topónimo, ademais, podemos atopalo en moi distintos lugares do continente europeo, como Begenz, en Austria, Briançon, en Francia, Berganzo, en Euskadi e Bragança, en Portugal. E memo a forma Bierzo ten a mesma orixe.
-
08
Cariño
E logo Cariño é unha vila moi cariñosa? Parece claro que esta non foi a orixe do nome da vila e varias investigacións identifican este topónimo coa palabra prelatina kar, que significaría pedra, e que tamén está detrás dos nomes Caranza ou Carantoña. Porén, Cabeza Quiles non desbota que o nome teña orixe latina (Carinius), designando o lugar no que vivía unha persoa chamada así, un nome que si derivaría de carus (querido)
-
09
Infesta
En Galicia hai moitas infestas ou enfestas, por exemplo en Betanzos. Un topónimo cuxa orixe non está en festexo ningún, senón na palabra enfesto, que designa un terreo "que ten moita inclinación e superficie irregular" e enfesta, definida como a "parte máis elevada dun terreo".
A orixe da palabra é para algúns autores latina (infestum, co significado de "hostil, que causa dano") e para outros xermánina (first, que designa a parte alta dunha casa).
-
10
Lalín
O topónimo Lalín foi inicialmente un nome romano de persoa: Lallinus e Lallina e xa no ano 1000 da nosa era aparece en documentos terra Lalín, a terra propiedade de Lalino. O nome Lallinus, por certo, procedería de Lallo e sería unha forma familiar ou cariñosa dese nome.
-
11
Xallas
O topónimo Xallas, que hoxe dá nome a toda unha comarca e, por suposto, a un río, en realidade naceu como a denominación unicamente dunha poboación situada á beira deste río: a entidade Ialles d'Alcayaa, documentada no reinado de Afonso VIII e identificable coa actual parroquia de Xallas de Castriz. A partir de aí o nome foi estendendo o seu uso nun proceso, iso si, que foi lento, pois o río foi denominado durante moito tempo e ata épocas moi recentes como Ézaro.
E de onde vén Xallas? Pois hai varias teorías, dende as que buscan a súa orixe en salia (corrente de auga) ou en salio (brotar, abrollar) ata a máis aceptada que, defende que provén do indoeuropeo ialias, que faría referencia a "escavación", dando conta da riqueza mineira da zona.
-
12
Mondoñedo
A actual vila de Mondoñedo tivo a súa orixe 15 quilómetros máis ao norte, no concello de Foz. Na alta Idade Media ergueuse na parroquia focense de San Martiño de Mondoñedo unha basílica que pode ser considerada a primeira catedral galega. Porén, a intensidade das incursións normandas animaron ao traslado da sede episcopal un pouco máis cara ao interior, ao lugar chamado daquela Valibria e que pasou a denominarse tamén Mondoñedo.
O nome de Mondoñedo derivaría da raíz indoeuropea mon- (“elevación, monte”) pois a basílica orixinal situada en Foz foi construída nun alto. En cambio, o Mondoñedo que despois foi capital dunha das sete provincias históricas de Galicia atópase no fondo dun val.