Marcos Pérez Pena

Unha ducia de datas sinaladas no mes do Entroido galego

Pode parecer que queda moito para o Entroido, case un mes, e en moitas zonas de Galicia así é. Pero a verdade é que o calendario do Entroido galego comeza esta fin de semana en Xinzo de Limia, na Ribeira Sacra ou na comarca do Ulla. Unha boa forma de superar a costa de xaneiro e o blue monday. Dende o petardazo deste sábado e o posterior Domingo Fareleiro temos por diante 30 días de celebracións (ata o 22 de febreiro, Domingo de Piñata e Gran Desfile dos Xenerais da Ulla), con moitas datas sinaladas ben antes do Sábado de Entroido (14 de febreiro) ou do Martes de Entroido (18 de febreiro), xornadas centrais destas festas tan populares. Repasamos aquí algunhas desas citas.

  1. 01

    O 'Petardazo' e Domingo Fareleiro en Xinzo

    Esta fin de semana comeza o Entroido. O sábado en Xinzo de Limia, unha das capitais galegas destas festas, ten lugar o tradicional petardazo, que serve como disparo de saída ás celebracións, acompañado de concertos e pasarrúas. O domingo 25 é o Domingo Fareleiro, que a partir das 17 horas encherá de fariña a Praza Maior e casco vello da Vila.


    Na imaxe, unha foto do luns fareleiro de Verín

  2. 02

    Primeiros 'atranques' dos Xenerais da Ulla

    Pero é que este sábado 24 celébrase tamén os primeiros atranques dos Xenerais da Ulla. Será no Campo da Festa de San Miguel de Sarandón (Vedra) a partir das 18.30 horas. O domingo 25 a partir das 20 horas estarán no Campo da Festa de Oza (Teo).

    A edición 2026 do Entroido tradicional da Estrada, Boquexón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces presentouse a pasada fin de semana en Bandeira (Silleda). Ata o domingo 22, os Xenerais da Ulla sairán á rúa todos os sábados e domingos, ademais do martes de Entroido.

  3. 03

    Domingo Lambedoiro na Ribeira Sacra

    Este domingo 25 comezan tamén as celebracións do Entroido na Ribeira Sacra. Trátase dun variado conxunto de festexos (Entroido Ribeirao, Oso de Salcedo, Felos de Esgos, Folión de Manzaneda, Fulión de Trives, Entroido de Budián en Pantón ou o Entroido de Bolmente, en Sober) que cada ano gañan sona fóra da comarca, consolidándoa como outro dos epicentros do Entroido en Galicia.

    Aínda que os festexos principais comezarán o 1 de febreiro co Domingo Oleiro de Santiago da Riba (Chantada), este 25 celébrase xa o Domingo Lambedoiro, unha data que outros anos foi aproveitada para acoller nesta parroquia chantadina un encontro de entroidos tradicionais de diferentes lugares de Galicia.

  4. 04

    Domingo Oleiro

    A fin de semana seguinte en Xinzo ten lugar o sábado 31 de xaneiro o Colgamento do Meco. Pero, sobre todo, celébrase en numerosos lugares de Galicia o Domingo Oleiro. Así, en Xinzo de Limia e noutros concellos ourensáns, pero tamén en Chantada, nesta xornada guíndanse polo aire a tradicionais olas barro que, lanzadas de man en man, pouco a pouco van rompendo.

  5. 05

    Xoves de compadres e queima do maragato en Verín

    O xoves 5 de febreiro comeza o Entroido en Verín, a outra gran capital destas festas en Galicia. É o Xoves de Compadres, ataviados cos seus característicos chapeus, bigotes e gabardinas, e o momento elixido tamén para levar a cabo o xuízo e a queima do maragato.

    O xoves de compadres celébrase noutros lugares, como Monforte, Sober ou Pantón.

  6. 06

    Sábado e Domingo Corredoiro

    O sábado 7 é o Sábado Corredoiro en Xinzo, con concertos e pasarrúas. E ao día seguinte celébrase na localidade o Domingo Corredoiro, cunha xuntanza de Pantallas no Museo Galego do Entroido.

    O Domingo Corredoiro tamén se celebra en Verín (na imaxe), coa popular concentración de Cigarróns con saída desde a Avenida de Castela e a lectura do pregón das festas.

    Ese domingo 8 tamén se celebra na Pobra de Trives a XXI Edición do Desfile de Fulións.

    Esta fin de semana, ademais os Xenerais da Ulla están presentes en distintas parroquias de Silleda, Vedra, Teo, Santiago, Touro ou Vila de Cruces.

  7. 07

    Xoves de comadres de Verín

    E o xoves 12 de febreiro chega o Xoves de comadres de Verín, co recibimento da Raíña do Entroido e de Don Carnal, que inician o seu descenso á medianoite; na Praza García Barbón celébrase un acto para dar a benvida ás longas noites de festa no Entroido de Verín.

    Tamen se celebra o Xoves de Comadres en Laza.

  8. 08

    Venres de Entroido

    O venres comeza o Entroido boa parte de Galicia, aínda que noutros lugares levan xa seis semanas de celebración. O venres 13 de febreiro celébrase en Verín o Venres de Compadreo, en Xinzo o Gran Desfile Infantil e en Laza o Venres de Folión.

  9. 09

    Sábado de Entroido

    O sábado celébrase en Laza o Sábado de Cabritadas, con fariñada na praza daa Picota e verbena popular. En Vilariño de Conso celébrase a 37ª edición da Festa do Cabrito, acompañada dun Desfile de Fulións. En Verín é o Bautizo do cigarrón, momento no que os novos cigarróns son investidos por primeira vez. E en Vilardevós é o día no que saen os 'chocalleiros' e os 'fachóns'.

    Así mesmo, o sábado e domingo os Xenerais da Ulla saen á rúa en moitos lugares, con desfile en Bandeira o sábado en o domingo na Estrada os atranques dos Mini Xenerais da Ulla. 

  10. 10

    Domingo de Entroido

    O domingo de Entroido é outra das xornadas nas que hai festexos en boa parte do país, con grandes desfiles en Verín ou Ourense; coa estrea dos peliqueiros e e desfile de carrozas en Laza; co desfile de Madamitas e Madamitos en Entrimo; co desfile dos Galos na Mezquita; coa saída dos Felos e as Madamas en Esgos; ou tamén en Maceda, onde os Felos percorren as vilas e aldeas da serra; ou en Cualedro, onde os Zarramoncalleiros agardan á saída da misa ás persoas que acudiron á igrexa.

    Así mesmo, en Viana do Bolo é o Domingo gordo (na imaxe), co desfile de Fulións, Boteiros e carrozas e coa celebración da Festa da Androlla.

  11. 11

    Saída do Oso de Salcedo, na Pobra do Brollón

    O luns ás 17 horas é o momento da saída do Oso de Salcedo na Pobra do Brollón, unha das celebracións máis singulares do Entroido galego. En Laza celébrase o Luns Borralleiro.

  12. 12

    Martes de Entroido

    O martes é o momento do Gran Desfile en Xinzo de Limia (17 horas) e en Verín (16.30 horas). É o día en que Manzaneda acolle o Desfile de Fulións. E tamén en Cobres (Vilaboa) é o día das Madamas e Galáns e da Corrida do Galo. Hai tamén grandes desfiles en Compostela ou no barrio coruñés de Monte Alto, no martes choqueiro.

  13. 13

    Mércores: enterro da sardiña

    O mércores finalizan as festas en moitos lugares co enterro da sardiña, con moita sona e tradición nacidade de Ourense, Ribadavia, Vilalba. Moaña, Vigo, Viveiro, Carballo, Monforte...

  14. 14

    Enterro do Ravachol

    O Entroido aínda remata en Pontevedra co velorio e enterro do Ravachol, que lembra o famoso papagaio finado en 1913 na cidade

  15. 15

    Domingo de Piñata e Desfile dos Xenerais

    O entroido remata en Xinzo o domingo 22 de febreiro co Domingo de Piñata, co Descolgamento do Meco (Praza Maior) e a Festa da Piñata. Un día antes celébrase o Sábado de Piñata, coa Festa da Cucaña na Praza Maior e o Baile de Mascaritas e Capuchóns.

    Os Xenerais da Ulla tamén se despiden este domingo visitando a Festa da Filloa de Lestedo (Boqueixón), onde ás 12 se celebra o desfile intermunicipal dos Xenerais e ás dúas da tarde comezan os atranques no Campo da Feira.