Unha ducia de capitais do Entroido galego
Se cadra sería máis correcto falarmos de entroidos galegos. A festa máis transgresora e retranqueira do ano ten tantas capitais como lugares nos que se celebra; do triángulo máxico ourensán á costa, pasando polas cidades, son días de máscaras, disfraces e personaxes que non son o que semellan ser. Velaquí un percorrido entroideiro polo país.
-
01
Laza
Os peliqueiros son os protagonistas dun dos entroidos máis senlleiros do país. Son intocables, van acompañados do son das súas chocas e advirten: quen non salte, pode acabar na taberna tendo que pagar unha volta de viños.
-
02
Verín
Preséntase como un dos "mellores Entroidos do mundo" e ten como máscara máis característica ao cigarrón, armado de látego e con ganas de festa.
-
03
Xinzo
Outro dos centros do Entroido ourensán. Alí a personaxe central é a pantalla, coa súa característica máscara.
-
04
Viana do Bolo
O rostro do entroido en Viana é o do boteiro, a máscara de madeira sorrinte e con cornos e fitas de todas as cores. Con algunhas variacións, os boteiros tamén percorren estes días as parroquias e lugares de Vilariño de Conso.
-
05
Chantada
O Entroido Ribeirao de Chantada é un dos máis ancestrais do país. Pola contorna da Ribeira Sacra andan nestes días os recuperados volantes, con puchos que chegan a superar os 15 quilos, feitos de vimbio e inzados de cores.
-
06
A Pobra do Brollón
Se te achegas ao entroido da Pobra do Brollón vas desexar e temer atoparte co Oso. O personaxe baixa do monte cuberto de peles de animais e os seus "criados" lixan sen piedade a quen se lles pon non camiño.
-
07
O Fulión de Manzaneda
Como en moitos puntos de Ourense, en Manzaneda xa se respira Entroido dende hai semanas. Pero nestes días, especialmente o Martes de Entroido, chegan as xornadas grandes: o Fulión!
-
08
Comarca da Ulla
Pola bisbarra natural da Ulla son días de correos e xenerais que, acompañados do seu exército entroideiro, se enfrontan en altos e atranques inzados de sátira sobre os asuntos máis comentados do ano en cada lugar, no país e no mundo. A súa orixe son enfrontamentos armados de finais do século XIX, como a batalla de Cacheiras ou as guerras carlistas, que derivaron en parodia.
-
09
Entroido de Cobres
Polo Cangas ou Vilaboa reina estes días a elegancia das madamas e os galáns. Música, festa e moitas cores.
-
10
Pontevedra
O programa do entroido de Pontevedra é diverso, pero todas as citas derivan nunha: a que ten protagonista ao loro Ravachol. Falecido en 1913, o paxaro fíxose famoso polos seus diálogos, non sempre moi elegantes, na botica de don Perfecto Feijóo, e o seu enterro é, ano tras ano, o fin de festa entroideiro na cidade.
-
11
A rúa da Torre na Coruña
Unha das citas clave do entroido coruñés está en Monte Alto e, máis concretamente, na rúa da Torre. Ese é o escenario da gran festa choqueira, que admite toda caste de disfrace sempre que leve consigo unha boa carga de retranca. Este ano disque van proliferar mitras e túnicas episcopais.
-
12
Santiago
A capital galega non ten unha tradición entroideira tan fonda como outras localidades galegas, pero si ten un protagonista que nunca o perde, o Meco, rei do entroido que representa algún dos asuntos máis polémicos do ano e que arde como fin de festa o Mércores de Cinza. Este ano seica ten a intención de facer o Entroido great again.