Marcos Pérez Pena

Unha ducia de filmes da 39ª edición de Cineuropa

Cineuropa comeza este venres 7 en Compostela. Dende hoxe e ata o 23 de novembro poderán verse no Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, NUMAX e a Zona C un total de 140 títulos, nunha escollida programación na que destacan os novos filmes de Paolo Sorrentino, Jim Jarmusch, Richard Linklater, François Ozon, Olivier Assayas, Lucrecia Martel, Radu Jude ou Joachim Trier e boa parte dos títulos que triunfaron este ano nos grandes festivais. Jonás Trueba, Jaione Camborda e Kamal Aljafari recibirán o máximo galardón do festival, o Premio Cineuropa. E Faye Dunaway será obxecto dunha retrospectiva.

  1. 01

    The President’s Cake

    Cineuropa bota a andar este venres 7 coa proxección da película iraquí The President’s Cake (A torta do presidente), Cámara de Ouro á Mellor Ópera Prima no Festival de Cannes para o seu director, Hasan Hadi, e Premio do Público na Quincena de Cineastas.

  2. 02

    O agente secreto

    O equipo de programación de Cineuropa destaca O axente secreto, de Kleber Mendonça Filho, "como a mellor película da tempada", unha lectura sobre a actividade dun revolucionario profesional no Recife do Brasil dos anos máis duros da ditadura militar. Kleber Mendonça procede a unha desromantización do papel do clandestino —nun órdago á grande á oscarizada Ainda estou aqui— e manexa rexistros de sarcasmo, humor negro, onirismo e drama.

  3. 03

    Father Mother Sister Brother

    É unha das nove películas que conforman a sección Panorama Internacional, chea de títulos premiados, coma Father Mother Sister Brother, protagonizada por Adam Sandler, Cate Blanchett, Tom Waits, Charlotte Rampling e Vicky Krieps e dirixida por Jim Jarmusch, que obtivo o León de Ouro na Mostra de Venecia hai dous meses

  4. 04

    O último azul

    Ou a rebelión de mulleres antiidadista da brasileira O último azul, que recibiu o Gran Premio do Xurado en Berlín.

    Tamén destaca nesta sección En el camino, de David Pablos; La virgen de la Tosquera, de Laura Casabé; e Two Seasons, Two Strangers (Dúas estacións, dous descoñecidos), de Hiroshi Takahashi.

  5. 05

    La petite derniere

    O equipo de programación de Cineuropa di que a selección de 21 películas da Sección Oficial Europea é "a máis brillante da última década". Entre elas destacan a Olivier Assayas e a súa adaptación d’O mago do Kremlin; Richard Linklater e a súa Nouvelle Vague;  Joachim Trier e Sentimental value, que obtivo o Gran Premio do Xurado. Ou La petite dernière, de Hafsia Herzi, que gañou tamén en Cannes o Premio á Mellor Actriz.

  6. 06

    With Hasan in Gaza

    Jonás Trueba, Jaione Camborda e Kamal Aljafari recibirán o máximo galardón do festival, o Premio Cineuropa, nunha edición na que se poderá ver unha escolma dos filmes dos tres realizadores. 

    O director palestino Kamal Aljafari leva dúas décadas traballando nunha recuperación a través das imaxes dunha memoria fílmica da loita e a opresión do pobo palestino. A fidai film, a súa penúltima obra, foi premiada nas mecas do cinema documental, o FIDMarsella e o suízo Visions du Réel. With Hasan in Gaza (2025), é a súa última película pero en certo sentido é a primeira, unha que filmou antes ca ningunha outra, alá no 2001

  7. 07

    Unha pantasma útil

    A sección que define Cineuropa como festival internacional competitivo chega á súa quinta edición. Once títulos compiten este ano polo Premio Cineastas do Presente, que concederá o xurado internacional. 

    De Tailandia chega Unha pantasma útil, gañadora da Semana da Crítica en Cannes e dos premios ao mellor guión e mellor director/a revelación no recente Festival de Cinema Fantástico de Sitges.

  8. 08

    La danse des renards

    Outra das películas desta sección é La danse des renards, gañadora do Premio Europa Lebel, o máximo galardón da Quincena de Cineastas. 

    Tamén destaca Pillion, merecedora do Premio ao Mellor Guión da sección Unha certa ollada de Cannes.

  9. 09

    Así chegou a noite

    Así chegou a noite, de Ángel Santos, será a encargada de pechar o festival o domingo 23 de novembro no Teatro Principal. No filme, un escultor establece o seu obradoiro nunha apartada zona rural da costa galega. Aos poucos vai illándose da súa contorna, cortando todo contacto con amigos e familiares.

    Unha mostra da potencia do cinema galego, á que se inclúen outros títulos, como Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, un filme que tivo unha extraordinaria acollida nos festivais de Montevideo ou o BAFICI.

  10. 10

    360 curvas

    360 curvas marcan a distancia que separa A Fonsagrada de Lugo. Esta estrada longa, difícil e sinuosa entre montañas, marca un lugar que, a inicios dos anos 90, decidiu loitar pola súa supervivencia nunhas revoltas sen precedentes, coñecidas popularmente como As Movidas. Alejandro Gándara e Ariadna Silva dirixen este documental.

    Completan a sección Panorama Audiovisual Galego Crónicas dun non, Grelei raíces no teu lar, Lola, O meu nome é Camba e O silencio heredado. Ademais, o programa de curtametraxes inclúe Ciudá de ladrillo, Danza propia, Pura e Algo novo que contar.

  11. 11

    Ciudad sin sueño

    Ciudad sin sueño, de Guillermo Galoe, é unha construción épica dos "heroes sen nome" que habitan a Cañada Real madrileña. Esta ollada desprovista de paternalismo obtivo o Premio ao Mellor Guión na Semana da Crítica de Cannes. Galoe e o seu equipo presentarán en Compostela o filme nun pase que será a súa estrea

  12. 12

    Chinatown

    Nas seccións paralelas da 39ª edición de Cineuropa destaca este ano a retrospectiva de Faye Dunaway, na que se poderán ver algúns dos seus filmes máis coñecidos, como Chinatown, Bonnie e Clyde, Network ou Os tres días do cóndor. 

    "Faye Dunaway rachou os esquemas de machismo e moralina de Hollywood en calquera das súas etapas. Rebelouse e non a deron controlado. En pouco máis dunha década e unha ducia de películas deixou o seu ADN de creatividade fermosa e subversiva ata a medula"