Unha ducia de maneiras de celebrar o Samaín coa rapazada
Xa está aquí o Samaín, a festa marcada polas cabazas, os disfraces e polas historias de medo. A celebración ten moitos nomes e en boa medida incorporou nos últimos anos moitos dos elementos do Halloween anglosaxón (ao igual que o Nadal, por exemplo), pero conta cunha documentada base tradicional galega. Velaquí algunhas formas de pasalo ben estes días e noites, especialmente pensando nos máis pequenos e pequenas da casa.
-
01Decorar cabazas
Cabazas e calacús foron protagonistas da noite do 31 de outubro ao 1 de outubro en Galicia moito antes de que fosen asociadas ao marketing americano. Así que só é cousa de mercar (ou cultivar) algunha cabaza xeitosa, baleirala e darlle forma cun coitelo.
Calacús na zona das Rías Baixas, calabazotes polo Ortegal, caveiras de melón por Cedeira, colondros en Ourense... Son moitas as denominacións e varias tamén as formas nas que en diversas comarcas de Galicia.
Con elas podemos compoñer unha decoración arrepiante para celebrar esta data que, independente do nome que lle deamos -Samaín, Halloween, Todos os Santos, Día de Muertos...- marca o comezo dos meses máis escuros do ano.
-
02Poñer un disfrace e ir pedir caramelos
O truco ou trato é, efectivamente, unha copia da tradición de Halloween de ir pedindo lambonadas polas casas. Pero hai que asumir que a práctica, pensada para os e as máis pequenas das casas, leva xa algúns anos plenamente instalada en Galicia.
Tamén é unha práctica que se realizaba tradicionalmente nalgúns lugares de Galicia. Temos o exemplo da Illa de Arousa, onde o 2 de novembro (Día de Defuntos) nenos e nenas percorren as rúas e as tendas da localidade pedindo "unha limosniña polos difuntiños que van alá". A cambio, reciben algunha lambonada ou algunha moeda nunha tradición que se foi perdendo e que dende hai uns anos vén sendo recuperada.
Tamén na tradición galega do Samaín había lugares nos que era a norma pintar a cara "simulando ser unha ánima do outro mundo" ou vestir de pantasmas brancas (as avisións de Cedeira).
-
03Ler un libro de Samaín
O Samaín é tamén un tempo para ler e para escoitar historias. Esta festa desenvolveu todo un xénero propio de contos que case sempre dan máis risa que medo, contos protagonizados por bruxas, por vampiros, por cabazas, por lobishomes, por esqueletes, por monstruíños...
O pasado ano dedicamos esta peza a recomendar unha ducia de libros para ler no Samaín
-
04
Escoitar unha canción
Tamén se facer unha sesión musical na casa con algunha das cancións temáticas que existen, por exemplo o "Samaín" de Uxía Lambona e a Banda Molona
-
05Ver unha película de medo
E por que non unha sesión de cine na casa, con algunha película de medo (na imaxe, un fotograma do Frankenweenie de Tim Burton) ou de curtametraxes, como nos recomendaba hai un tempo Ramón Domínguez (autor, por exemplo, de Violeta quere ser vampiro. Un conto de Samaín) nestoutra ducia.
-
06Asar (e comer) unhas castañas
Tamén en moitos lugares se celebra de maneira conxunta o Samaín e o Magosto. O Magosto, de feito, tradicionalmente organizábase ao redor do 1 de novembro, aínda que acabou por trasladarse en moitos lugares ata o 11 de novembro, Día de San Martiño.
Neste caso as cabazas deixan o seu protagonismo á castaña, pois a festa realizábase ao redor da súa recollida, e tamén aos chourizos e outros aproveitamentos do porco, ao coincidir co tempo no que tradicionalmente se mataba o porco.
-
07Celebracións de Samaín en cidades e vilas
Son moitas as actividades de Samaín programadas para este venres e sábado en toda Galicia. En Ferrol a XVI Festa do Samaín de Catabois; na Coruña a variada programación organizada por Centros Cívicos e asociacións de comerciantes en moitos barrios; en Pontevedra a Noite dos calacús; en Allariz o Allariz de Medo; en Cedeira o Samaín de Cedeira; en Marín o Samaín Briz; ou en Sarria o Samaín Fest.
-
08Andaina do terror de Beade (Vigo)
Entre os eventos destacados para estes días destaca en Vigo o sábado 31 a Andaina do terror de Beade, unha ruta terrorífica e nocturna (cunha sesión previa para nenos e nenas) que ten a súa cita no aparcadoiro do campo de fútbol de Beade. Ten un prezo de 5 euros por participante e este ano hai tempo que cubriu todas as prazas.
-
09Samaín Rural do Castro (Sada)
Na contorna da Coruña, na parroquia sadense do Castro celébrase dende hai sete anos un samáin moi especial que inclúe un 'Truco ou trato' polas casas da aldea, decoradas para a ocasión, e tamén un túnel do terror que finaliza cunha chocolatada con churros. Será este sábado 31
-
10O Samaín en Ourense
Cada ano gaña asistencia e importancia a ceebración do samaín en Ourense, cunha programación que inclúe desfiles, un túnel do terror ou concertos.
-
11Noite meiga de Ribadavia
As ruelas medievais de Ribadavia son perfectas para acolle unha Noite Meiga que tamén se vén celebrando dende hai anos, organizada pola asociación Ribadavia Activa.T. Celébrase entre o venres 30 e o sábado 31 e conta con desfiles, obradoiros, unha pasaxe do terror, escape rooms, concertos e queimada.
-
12Ir á noite de Samaín do Galician Freaky Film Festival
En Vigo o Galician Freaky Film Festival volta polo Samaín coa súa iniciativa 'GFFF Expanded' nos Cines Tamberlick. Trátase dunha sesión de cinema este sábado, con dous filmes de culto para freaks e pequefreaks (Pesadelo antes de Nadal e Halloween) e a pasaxe do terror inmersiva A Cuarta Parede.
-
13Ir ver 'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete'
Coincidindo co Samaín regresan as representacións de 'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete' a obra de Castelao de 1922 que pon en escena a federación de asociacións culturais Galiza Cultura. Esta semana puido verse xa en Ferrol (mércores 28), este sábado 31 está na Coruña e o domingo 1 no Carballiño e Gondomar. O sábado 8 poderase ver en Miño.