Unha ducia de libros para ler no Samaín
Xa está aquí o Samaín, celebración que marca a chegada da escuridade do inverno e que nos últimos anos tomou en Galicia un renovado pulo en asociación co Halloween anglosaxón, coa mesma orixe e semellantes características. Decoracións en casas, comercios e centros de ensino, disfraces, cabazas e historias de medo enchen estes días o país e son moitos os libros que nos últimos anos se publicaron en galego con referencias a esta festa ou con temáticas indicadas para ler nestas datas. Velaquí algúns deles.
-
01
'O noso Samaín', de Loretta Birott Bermejo (Galaxia)
De entrada, podemos comezar por saber que é isto do Samaín. Este fermoso álbum ilustrado por Nuria Valdeón busca explicarlle ás nenas e nenos de Galicia "a fecunda tradición galega relacionada co nacemento do outono e crenzas que veñen de hai moitísimos séculos". Para a autora é crucial "que a cativada galega saiba que a tradición dos calacús e do contacto entre os mortos e os vivos é, tamén, galega, que se chama Samaín e que leva celebrándose no País, dende sempre".
-
02
'A noite de Samaín', de Pepe Carreiro (Toxosoutos)
Este álbum de Pepe Carreiro protagonizado polos Barbanzóns ten xa un tempo, Nel, esta familia castrexa amosa a orixe celta da festa de Samaín, unha noite de fronteira entre dúas estacións e tamén entre o mundo dos vivos e o dos mortos.
-
03
'Corre, corre, cabaciña', de Eva Mejuto e André Letria (OQO)
Un dos elementos máis destacados do Samaín son as cabazas, tamén protagonista deste conto popular portugués no que unha velliña escapa dun lobo, un oso e un león que a queren papar no bosque: "non vin vella nin velliña, nin velliña nin vellón. Corre corre, cabaciña. Corre corre, cabazón!"
-
04
'Carabuñas', de Margarita del Mazo e Charlotte Pardi (OQO)
O Samaín é tempo de historias de monstros, como este Carabuñas, "o que nunca corta as uñas", que aparece neste conto de Margarita del Mazo ilustrado por Charlotte Pardi.
-
05
'Violeta quere ser vampiro', de Ramón D. Veiga e David Sierra (Xerais)
É tempo tamén de vampiros, e hai uns anos Xerais entregounos este "conto de Samaín" titulado Violeta quere ser vampiro, un libro que segundo nos contaba o seu autor "dá máis risa que medo" e que está protagonizado pola súa filla.
"Se lle ensinas á túa nena de catro anos a xogar aos vampiros, se lle compras libros de vampiros (aínda que sexan infantís) e se a animas para que converta o seu disfrace de princesa nun de vampiro, o lóxico é que esperte ás 5 da mañá chamando por ti a berros. O que non é tan normal é que, cando chegas ao seu cuarto, en vez de atopala chorando e morta de medo, a atopes cos ollos como pratos e un sorriso de orella a orella e che solte: «Papi, temos que saír a cazar!!! Teño sede de sangue!!!»"
-
06
'Un, dous, tres, vampiro es ti', de Nadia Budde (Kalandraka)
De vampiro a vampiro. Este conto de Nadia Budde con tradución de Xosé Ballesteros presenta entre rimas unha "aterradora fauna".
-
07
'Sete monstros e un gato', de Rafa Ordóñez e Christian Inajara (Kalandraka)
Neste conto, tamén rimado e de novo traducido por Xosé Ballesteros, os protagonistas van marchando aos poucos. Aínda que algúns deles son chamados 'monstros', dan máis risa que medo
-
08
'Os esqueletos divertidos', de Janet e Allan Ahlberg (Kalandraka)
Tamén son moi divertidos estes esqueletos de Janet e Allan Ahlberg con tradución de Óscar e Sandra Senra Gómez. No conto, tres simpáticos esqueletos saen unha noite a pasear e a asustar xente entre xogos e cancións.
-
09
'Queda sitio na vasoira?', de Julia Donaldson (Patas de Peixe)
É tempo igualmente de bruxas, cuxa imaxe na literatura infantil hai xa tempo que vén mudando, dando entrada a outras visións máis amables. A historia comeza coa bruxa voando na súa vasoira co seu gato. Porén, caelle o lazo da súa trenza entre as silvas e aí comeza unha aventura que acabará liando a unha paxara, unha ra, un can e un dragón nunha aventura trepidanet e fascinante por terra, por mar e sobre todo, por aire.
-
10
'Un pesadelo no meu armario', de Mercer Mayer (Kalandraka)
Os monstros (debaixo da cama ou dentro dun armario) son unha constante nas historias de medo, aínda que en moitas delas os monstros non son finalmente tan estarrecedores (por exemplo no gran clásico de Onde viven os monstros). Un pesadelo no meu armario, de Mercer Mayer (Kalandraka), é tamén un clásico, aínda que se cadra menos coñecido e nel un neno decide enfrontarse ao seu pesadelo.
-
11
'Mortiña', de Bárbara Cantini (Hércules)
Mortiña é unha nena zombie que vive en Vila Decadente coa súa tía Defuntiña e o seu inseparable can Tristeiro. Mortiña quere ter amigos da súa idade cos que xogar, pero a súa tía prohibiulle deixarse ver: podería asustar á xente. O bo é que no Samaín non ten que disfrazarse!
-
12
'Sibila e monstruosa festa do Samaín', de Marta Lado (Baía)
Este conto narra a visita dos parentes de Sibila ao cemiterio familiar da aldea para pasar a celebración do Samaín, momento que arpoveita a nena vampira para facer trasnadas que atemorizan a súa nai.
-
13
O libro dos medos, de María Canosa (Bolanda)
Xa que isto vai de medos, O libro dos medos, de María Canosa (Bolanda), afonda nos medos "que non o son", desmontando con intelixencia e rimas estes sentimentos.
-
14
'Escarlatina, a cociñeira defunta', de Ledicia Costas (Xerais)
Entre os libros que nos últimos anos gañaron máis lectoras e lectores entre o público xuvenil están os de Escarlatina e Esmeraldina, de Ledicia Costas, unha viaxe ao mundo dos mortos onde non faltan ingredientes de aventura, misterio e moito humor.
-
15
'Arrepío', VV.AA. (Demo Editorial)
Tamén hai moita banda deseñada galega moi adecuada para estas datas, por exemplo Arrepío, no que 13 autores e autoras realizan cadansúa historia de medo nas que amosan a Galicia máis escura