Por terceiro ano consecutivo a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura organiza unha serie de representacións e lecturas dramatizadas da obra, que terán lugar dende este venres 31 e ata o xoves 6 de novembro
En 1922 Castelao publicou na editorial Céltiga Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, unha narración composta por unha serie de secuencias narrativas produto dunha conversa entre un esqueleto e cous compañeiros de cemiterio. Un texto, polo tanto, máis que acaído para a celebración do Samaín destes días.
É por iso que por terceiro ano consecutivo a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, a través da súa rede de asociacións e entidades federadas, organiza unha serie de representacións e lecturas dramatizadas da obra, que terán lugar dende este venres 31 e ata o xoves 6 de novembro na Coruña, Ferrol, Gondomar, Santiago e Betanzos.
A organización das representacións corresponde ás asociacións AVCD e R Agra, AC Alexandre Bóveda, AC O Facho, AC Tempo Novo, ACL de Paderne Roxín Roxal, AC O Galo, AC e M Solfa, AC Medulio e AC Centaurea.
O texto é unha conversa entre un esqueleto e cous compañeiros de cemiterio. Unha obra, polo tanto, máis que acaído para a celebración do Samaín destes días
"A obra, un relato místico que describe unha sociedade de ánimas no alén co escenario de fondo dun camposanto e o seu decorrer cotiá, é unha metáfora empregada para describir á sociedade galega na que vivía Castelao e narrada desde a perspectiva dun defunto grazas a un ollo de vidro convertido nun instrumento que serve coma un visor da súa mortaldade nunha simulada continuación da vida", explican dende a Federación
"Con esta crónica do día a día das ánimas e de como se establecen as relacións no camposanto, logo de lles abrazar a morte, Castelao fai unha descrición social e política, das grandes inxustizas sociais, das relacións de clase e das profundas desigualdades económicas que existían na Galiza de principios do século XX", sinalan
Programa
- Venres 31. A Coruña. Ágora. 19.30 horas
- Sábado 1. Ferrol. Covas. 18 horas
- Sábado 1. Gondomar. Praza das Escolas Vellas. 19 horas
- Luns 3. Compostela. Teatro Principal. 20 horas
- Xoves 6. Betanzos. Liceo. 20 horas
"A obra, un relato místico que describe unha sociedade de ánimas no alén co escenario de fondo dun camposanto e o seu decorrer cotiá, é unha metáfora empregada para describir á sociedade galega na que vivía Castelao", explican na Federación
Esta actividade lévase a cabo grazas ao Programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2025 da Área de Cultura da Deputación da Coruña.