Unha ducia de historias e celebracións do Samaín
Samaín, Defuntos, Halloween ou Todos os Santos. Celebracións todas arredor dos dous primeiros días de novembro, cunha mesma orixe e ben antiga. Desde hai anos, en Galicia triunfa o Samaín, unha denominación novidosa para recuper a vella tradición de apañar e tallar cabazas, alumealas con candeas e colocalas nas corredoiras ou nas casas. A vila de Cedeira impulsou unha recuperación que espallou a festa por todo o país. A festa das ánimas, dos calabazotes, cos colondros, das caliveras ou dos melóns.
-
01
Diferentes celebracións para unha orixe común
Halloween, Samaín, Defuntos ou Todos os Santos. Todas elas celebracións arredor dos dous primeiros días de novembro que veñen de moi lonxe. A súa orixe, ben na súa versión máis profana ou na cristianizada, está nas culturas indoeuropeas que celebraban o inicio dun novo ciclo agrícola, dun novo ano e da fin do verán. A crenza de que os espíritos dos mortos andaban eses días entre os vivos é da que se derivan moitos ritos que, en moitos casos, mantivéronse ata a actualidade máis ou menos modernizados e adapatados pola Igrexa, tal e como explica neste artigo a RAG.
-
02
Halloween (All Hallows’ Eve)
A festa de orixe indoeuropea foi cambiando, mesturándose con outras culturas e tradicións e adaptada pola Igrexa para venerar así todos os santos e os defuntos. Os costumes iniciais perdéronse en boa parte de Europa pero mantivéronse en moitos países do espazo celta ou atlántico, especialmente en Irlanda. A emigración de milleiros de irlandeses a Norteamérica no século XIX provocou que a festa se espallase polos EUA e Canadá coa denominación de Halloween, derivada da expresión escocesa All Hallows’ Eve (véspera de Todos os Santos). O vello costume de baleirar nabos en Irlanda (e posteriormente cabazas) para poñerlles dentro candeas e escorrentar os espíritos trasladouse aos Estados Unidos, que acabou engadindo disfraces como elemento máis contemporáneo e propio.
-
03
O 'Samhain' orixinario
Samhain. É a orixe de todo. A festividade de orixe celta máis importante no período pagán de Europa ata que foi convertida e adaptada polo cristianismo. Celebrábase a fin da temporada de colleitas, o Ano Novo celta e a chegada do inverno e da estación escura. A palabra é gaélica é significa fin do verán. Os celtas dividían o ano en dúas metades: a parte da luz, que comezaba con Beltaine e a parte da escuridade, que comezaba con Samhain. O termo Samaín foi a adaptación ao galego da palabra irlandesa, que tiña outra pronuncia ben diferente.
-
04
Calacús, calabazotes, caveiras de melón, colondros...
Calacús na zona das Rías Baixas, calabazotes polo Ortegal, caveiras de melón por Cedeira, colondros en Ourense... Son moitas as denominacións e varias tamén as formas nas que en diversas comarcas de Galicia, até hai tan só trinta anos, se empregaban os froitos da cabaceira na celebración de Todos os Santos ou Defuntos. Eran habitualmente os nenos os que apañaban cabazas para logo furalas, baleiralas, decoralas e colocarlles dentro unha candea. Situábanse nos cruces de camiños, nas entradas das casas ou mesmo en calexóns para asustar aos que acudían á misa. Os agora avós lembran como de nenos seguían unha tradición que se foi perdendo e que agora se recupera aos pouco cunha denominación que, obviamente, daquela non existía: o Samaín.
-
05
Rafael López Loureiro, o impulsor do 'novo Samaín'
Foi Rafael López Loureiro, mestre de escola de Cedeira, o responsable de redescubrir a tradición da talla de cabazas por Defuntos e comprobar que existía por todo o país ata hai menos de trinta anos. Foi cando a filla chegou de clase cun melón tallado por unha "festa de Halloween" cando decidiu impulsar "unha tradición que aprendera de neno". "Eu facía iso mesmo trinta anos antes cos meus amigos e aprendéranolo miña bisavoa; non tiña sentido que agora se aprendese a través do Halloween", lembra nesta entrevista da TVG. Investigou, escribiu un libro (Samaín, a festa das caliveras) e descubriu como moitas noutras comarcas a tradición era a mesma ou moi semellante. E impulsou unha festa en Cedeira que se foi espallando por todo o país. "O Samaín naceu para que non aparecesen bruxas nin disfraces, algo que non é tradicional", explica. Non o conseguiu de todo.
-
06
Cedeira, o epicentro da festa, recupera o Samaín
https://cedeira.gal/events/samain-2023/Tamén foi Rafael López Loureiro o promotor, hai xa máis de trinta anos, do Samaín que aínda hoxe se celebra en Cedeira. Primeiro desde a asociación Chirlateira e agora desde Amigos do Samaín organízanse cada ano obradoiros de tallado de cabazas ou de zonchos, espectáculos infantís ou pasarrúas. Ademais, son habituais as procesión de ánimas, nas que os rapaces da vila desfilan polas rúas disfrazados e portando luces coma se fosen a Santa Compaña, para logo gozar tamén da música. Como di Loureiro, se cadra a "Festa das Ánimas" sería o nome máis acaído para a tradición.
Na edición deste ano, de novo varios días de festa con procesións, obradoiros de repostería ou tallado de cabazas, actuacións, xogos musicais, merendas ou cine.
-
07
Outras tradicións vinculadas ás cabazas
Nas súas investigacións, o profesor Rafael López Loureiro descubriu peculiaridades no costume de tallar cabazas por Defuntos. No concello de Quiroga e en zonas de Ourense xa limítrofes coa provincia de Zamora, era habitual furar os calabazotes pola parte de abaixo, secalos e logo empregalos como máscaras no Entroido.
-
08
O 'Día de pedir' na Illa: o noso 'truco ou trato'
Por cada 2 de novembro os cativos da Illa de Arousa saen pedir polas rúas e casas "unha limosniña polos difuntiños que van alá". Adoitan ser correspondidos cunha lambetada ou algunha moeda nunha tradición do día de Defuntos que se foi perdendo en Galicia. É "o Día de pedir" que aínda se celebra nesta localidade.
-
09
Os avisións para conservar a tradición
"Os organizadores da festa de Samaín queremos, non tanto prohibir (quen somos nós?), senón recordar o sentido da festa e pedirvos que no caso de quererdes vir disfrazados o fagades non sentido estrito das nosas antigas tradicións, de pantasmas brancas (as avisións) ou coa cara ciscada simulando ser unha ánima do outro mundo". A mensaxe foi lanzada pola Asociación Amigos do Samaín en Cedeira hai algúns anos. Inténtase que se manteña a tradición que vén de lonxe e evitar que a celebración acabe sendo máis Halloween que a festa das caliveras.
Mesmo o Concello de Cedeira animou a que se volvese ás orixes e se lle dea ao Samaín o sentido que tiña nos seus comezos: o de recuperar unha vella tradición na que o única vestimenta á marxe da civil era a das pantasmas ou avisións que saían á rúa.
-
10
Unha festa espallada por toda Galicia
A festa eminentemente rural que supuña Defuntos ou Todos os Santos virou agora en Samaín ou uniuse aos magostos, que incorporan procesións de cabazas ou disfraces para os máis pequenos e xeneralizando celebracións cada vez máis habituais en vilas e cidades.
Son moitas as localidades —e barrios— que durante esta fin de semana e a vindeira ponte organizan actividades co gallo da festa do Samaín ou arredor das castañas e das cabazas. En moitas delas, ademais de música e actividades para os máis pequenos, tamén hai promocións no comercio local. Na imaxe, cartel da celebración que o martes 31 terá lugar no barrio coruñés de Labañou.
-
11
Literatura e música para explicar o Samaín
Loretta Birott e a Editorial Galaxia presentaron hai algúns anos o libro ilustrado para nenos baixo o título de O noso Samaín. Na obra preténdese explicar ás nenas e nenos de Galicia a fecunda tradición galega relacionada co nacemento do outono e crenzas de antigo. E tamén, polo tanto, tratar de que os cativos comprendan a diferencia entre o recuperado Samaín e o ascedente Halloween norteamericano. Algo así pretende tamén Indo para o Samaín, de Carlos e Sabela Labraña.
Ademais, no seu libro-disco Brinca Vai!, Paco Nogueiras dedica unha das doce cancións en galego para público infantil e familiar a esta festa. No Samaín vén de ser agora adaptada á lingua de signos por AZ, tal e como podedes ver neste vídeoclip. Uxía Lambona e a Banda Molona tamén.
-
12
A Santa Compaña
Nesta celebración de Defuntos e das ánimas, a Santa Compaña tamén é unha das protagonistas, mesmo como representación nalgunha festa. A procesión de mortos ou ánimas en pena que percorren os camiños dunha parroquia é unha temática habitual do folclore galego e dos contos de moreas de localidades.
A cultura popular de finais do século XX e comezos do XXI considera a Santa Compaña como unha das lendas da mitoloxía popular galega máis arraigada no medio rural.