Unha ducia de filmes palestinos que pasaron pola mostra Amal
A partir deste luns 20 e ata o venres 24 celébrase en Compostela a XXIII edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, a cita organizada pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas que todos os anos achega unha coidada selección de filmes realizados en países árabes. Entre eles teñen sempre -e especialmente nos últimos dos anos- un espazo destacado as películas palestinas ou sobre Palestina, que retratan o xenocidio e o apartheid exercido por Israel dende hai décadas e o día a día da poboación de Gaza e Cisxordania. Velaquí unha escolma dalgunhas desas producións, entre as que hai historias duras, documentais, dramas, pero tamén comedias e romances. Amal quere dicir esperanza.
-
01
This is Gaza (2025)
A edición 2025 de AMAL abrirase este luns 20 de outubro coa proxección do documental This is Gaza, cita á que asistirá o documentalista Yousef Hammash, protagonista da película, e a xornalista Olga Rodríguez.
O filme, do director Tom Besley, combina a mirada xornalística coa experiencia vital de Yousef Hammash, xornalista do equipo de Channel 4 News, quen conta a súa historia desde Gaza por primeira vez ante a cámara.
-
02
The Time That Remains (2009)
En The Time That Remains, filme de 2009 que se proxecta tamén nesta edición de AMAL, Elia Suleiman mestura humor silencioso, ironía e surrealismo para retratar as paradoxas cotiás da vida baixo a ocupación israelí dende 1948.
Ao longo de catro episodios que abranguen desde 1948 ata a actualidade, unha familia palestina vive entre a creación do Estado de Israel e a memoria herdada.
-
03
The Teacher (2023)
Dirixida por Farah Nabulsi, The Teacher (O mestre) proxectouse en Amal o pasado ano. Na película, un mestre palestino debe compaxinar o seu compromiso coa resistencia á opresión israelí cun romance cunha voluntaria británica
-
04
To a Land Unknown (2024)
To a Land Unknown (Cara a unha terra descoñecida) é unha película dirixida por Mahdi Fleifel que tamén se puido ver o pasado ano na mostra. O filme, que pasou polo festival de Cannes, conta a historia de Chatila e Reda, que están a aforrar para conseguir pagar pasaportes falsos para saír de Atenas.
-
05
Bye Bye Tiberias (2023)
Bye Bye Tiberias foi a outra película palestina que formou parte da edición 2024 de Amal. Trátase dun documental dirixido por Lina Soualem que narra o retorno de Hiam Abbass a Palestina despois dunha vida dedicada á interpretación en Francia. Unha aproximación íntima á vida de catro xeracións de mulleres
-
06
Little Palestine, Diary of a Siege (2021)
Little Palestine, Diary of a Siege é en realidade un documental de produción libanesa, pero que amosa a vida en Yarmouk, o campo de refuxiados palestinos máis grande do mundo que funcionou preto de Damasco entre 1957 e 2018. Puido verse na edición 2023 de Amal
-
07
Farha (2021)
Farha tamén formou parte da programación da edición 2023 de Amal. O filme, de produción xordana e dirixido por Darin J. Sallam, relata a Nakba (a expulsión de centos de miles de palestinos das súas terras en 1948) dende o punto de vista dunha adolescente palestina.
-
08
Gaza mon amour (2020)
Gaza mon amour formou parte da programación de Amal no ano 2022. Trátase, si, dunha historia de amor en Gaza protagonizada por Issa, un pescador de sesenta anos, que está namorado de Siham, unha muller que traballa no mercado coa súa filla Leila. Escrita e dirixida por Mohammed Abou Nasser e Ahmad Abou Nasser.
-
09
200 meters (2020)
200 meters (A 200 metros) é outra película de produción xordana, dirixida por Ameen Nayfeh, que estivo en Amal 2021. No filme, un pai que está atrapado ao outro lado do muro de Cisxordania, trata de chegar ao hospital para estar co seu fillo.
-
10
It must be heaven (2019)
It must be heaven (De súpeto, o paraíso) trátase dun filme moi persoal de Elia Suleiman, na que o propio director viaxa a París e Nova York na procura de similitudes con Palestina ou fuxindo da súa terra natal, segundo se mire. No camiño desta comedia chea de erros, decátase de que Palestina sempre está a seguilo, vaia onde vaia. Puido verse en 2020 en Amal.
-
11
Ghost hunting (2017)
Ghost Hunting (Perseguindo pantasmas) é un documental dirixido por Raed Andoni que pasou por Amal en 2019. No filme, o director reúne un grupo de ex-presos palestinos para reconstruír o centro de investigación israelí no que foron encarcerados e que nunca viran, xa que permaneceran todo o tempo cos ollos vendados.
-
12
Gaza surf club (2016)
Gaza surf club é un documental de produción alemá que amosa a vida dos mozos surfeiros de Gaza, que foxen nas praias e nas ondas da franxa dun día a día cheo de sufrimento e problemas baixo o asedio israelí. Puido verse na edición 2017 de Amal.
-
13
3000 Layla (2015)
3000 Layla (3000 noites), dirixida por Mai Masri, conta a historia dunha mestra de escola palestina moi nova que dá a luz ao seu fillo nunha prisión israelí, onde loita para protexelo, sobrevivir e manter a esperanza
-
14
Giraffada (2013)
Giraffada é unha película de produción francesa dirixida por Rani Massalha que foi proxectada na edición 2015 de Amal. Este filme de ficción conta unha historia real, na que unha xirafa morre no único zoo existente en Palestina despois dun ataque aéreo israelí e a súa parella deixa de comer. Un neno de 10 anos e o seu pai, veterinario do zoo, atopan a solución, pero está en Tel Aviv.