A XXIII edición da Semana de Cine Euroárabe AMAL celébrase do 20 ao 24 de outubro no Teatro Principal de Santiago coa proxección de cinco filmes sobre Palestina
A Semana de Cine Euroárabe AMAL celebra unha nova edición. Será do 20 ao 24 de outubro no Teatro Principal de Santiago, onde se proxectarán en cinco días e con pase único catro documentais e unha longametraxe de ficción, nunha programación na que inevitablemente Palestina será protagonista. De feito, o lema desta edición é Todas somos Palestina. Unha ollada a través do cine e todos os filmes son palestinos ou tratan sobre o país ocupado por Israel.
A mostra abrirase o luns coa proxección do documental This is Gaza, cita á que asistirá o documentalista Yousef Hammash, protagonista do documental, e a xornalista Olga Rodríguez. Nos días seguintes poderanse ver outros tres documentais: Janin, Jenin; Notes on displacement; e The encampments e o filme de ficción The time that remains.
A entrada para a sesión do luns é gratuíta. As sesións de martes a venres terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venta en Ataquilla.com. As entradas tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección.

A mostra abrirase o luns coa proxección do documental This is Gaza, cita á que asistirá o documentalista Yousef Hammash, protagonista do documental, e a xornalista Olga Rodríguez
Na presentación da vixésima terceira edición da mostra, o seu director e presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, destacou que AMAL buscou dende o seu comezo ser, máis que un festival de cine, "unha pantalla que se rebela contra a inxustiza, a vergoña e a barbarie” e dixo que a través do cinema, AMAL quérese converter "nun berro contra o xenocidio que está a cometer Israel, unha e cantas veces faga falla”.
“Miles de nenos e nenas morren en Gaza sen acceso a auga, sen alimento, sen atención médica, mentres o mundo observa, impasible ou distraído. As imaxes que nos chegan non poden transmitir a ignominia nin o horror que realmente se vive alí. Temos que ser quen de sentir esa dor coma se fose nosa. Coma se cada corpo ferido en Gaza fose parte do noso propio corpo. Só así, poderemos espertar en Occidente”, subliñou Jaber Martínez. AMAL, palabra que significa esperanza, "é tamén memoria, resistencia e denuncia. AMAL é Palestina", concluíu o director da mostra.
Na presentación, o director da mostra, Ghaleb Jaber Martínez, destacou que AMAL quérese converter "nun berro contra o xenocidio que está a cometer Israel, unha e cantas veces faga falla”
Na presentación estivo acompañado de Anxo Lorenzo, director Xeral de Cultura da Xunta, e de Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago. Louzao salientou que "non podemos deixar que o que está a suceder en Gaza caia no esquecemento", engadindo que "a cultura é un antídoto contra iso, unha das mellores formas que temos de defender os dereitos humanos, de fomentar o respecto ás distintas identidades culturais e a convivencia de múltiples voces".
Programación
- Luns 20. 20:00. This is Gaza
- Martes 21. 21:00. Janin, Jenin.
- Mércores 22: 21:00. The time that remains.
- Xoves 23: 21:00. Notes on displacement
- Venres 24: 21:00. The encampments
Nos días seguintes poderanse ver outros tres documentais: Janin, Jenin; Notes on displacement; e The encampments e o filme de ficción The time that remains
This is Gaza, do director Tom Besley, combina a mirada xornalística coa experiencia vital de Yousef Hammash, xornalista do equipo de Channel 4 News, quen conta a súa historia desde Gaza por primeira vez ante a cámara.
En Janin, Jenin, Mohammed Bakri regresa ao campo de refuxiados de Jenin máis de dúas décadas despois da súa obra anterior, Jenin, Jenin (2002). Na nova peza, filmada tras a ofensiva militar israelí de 2023, retoma o fío da súa experiencia previa: entrevista de novo a quen aparecera no documental orixinal e recolle novos testemuños directos sobre a ocupación, a destrución e a resistencia persistente.
"As imaxes que nos chegan non poden transmitir a ignominia nin o horror que realmente se vive alí. Temos que ser quen de sentir esa dor coma se fose nosa. Coma se cada corpo ferido en Gaza fose parte do noso propio corpo. Só así, poderemos espertar en Occidente”, subliñou Jaber Martínez
En The Time That Remains, Elia Suleiman mestura humor silencioso, ironía e surrealismo para retratar as paradoxas cotiás da vida baixo a ocupación israelí dende 1948.
Notes on Displacement segue a unha anciá palestina desde Damasco ata Europa no que supón o seu
segundo desprazamento.
Finalmente, The Encampments narra as protestas solidarias con Palestina en 2024 iniciadas na Columbia
University, nos Estados Unidos, e replicadas a nivel global.
Ademais da programación cinematográfica, a Fundación Araguaney-Puente de Culturas trae a súa Galería de Arte a exposición Gaza: o eco dos esquecidos, organizada pola Cátedra USC-Araguaney para o Diálogo entre Culturas co apoio da Deputación da Coruña. A mostra revela a realidade do xenocidio en Gaza a través do obxectivo de tres reporteiros gráficos gazatís: Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salama.
O público poderá contemplar vinte fotografías na Galería de Arte da Fundación Araguaney- Puente de Culturas ata o 30 de novembro, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.
Así mesmo, como é habitual, o restaurante Caney organizará a Semana Gastronómica de AMAL, do 20 ao 25 de outubro, onde se ofrecerá un menú árabe deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural e que achegará á proposta o seu toque persoal, pero sempre conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.