O sabor das margaridas estreou hai uns días en Netflix a súa segunda tempada, xa emitida na TVG. A serie converteuse no ano 2019 na primeira serie en galego na plataforma internacional de distribución de contidos e a súa primeira tempada acadou un éxito inédito para unha produción galega, situándose entre as series máis vistas en lingua non inglesa no Reino Unido ou Irlanda. A segunda tempada está xa entre as 5 series máis vistas da plataforma en España, pero tamén en Uruguai, Arxentina, Romanía ou Grecia.
A segunda tempada está xa entre as 5 series máis vistas de Netflix en España, pero tamén en Uruguai, Arxentina, Romanía ou Grecia
A serie, producida por TVG, CTV e Comarex, dirixida por Miguel Conde e con guión de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias, é a punta de lanza do Galician Noir, unha etiqueta coa que se comeza a agrupar un número cada vez máis amplo de series e filmes creados e producidos en Galicia, no xénero do thriller e cunha ambientación na que a escuridade, o suspense, o misterio xogan un papel importante, o mesmo que un certo salvaxismo das paisaxes.
O fenómeno do Galician Noir, relacionado co éxito acadado nos últimos anos polas novelas e series do Nordic Noir realizadas en Dinamarca, Suecia, Noruega ou Islandia e tamén co Celtic Noir con bos exemplos en Irlanda, foi destacado o mes pasado por unha reportaxe publicada en The Guardian. O sabor das margaridas, Auga seca, El desorden que dejas, La Unidad, Néboa, Fariña, Hierro (filmada en Canarias, pero con produción galega) ou as películas Ons e A Illa das Mentiras poden ser encaixadas nesta etiqueta con orixes tamén na literatura (dende o Crime en Compostela de Carlos Reigosa aos libros de Domingo Vilar ou Diego Ameixeiras) e que amosa o bo facer do sector audiovisual galego e as súas profesionais.
Esta boa saúde do xénero en Galicia terá, ademais, a súa demostración na gala dos Premios Mestre Mateo, este sábado na Coruña, e na que Ons, A Illa das Mentiras, El desorden que dejas e Néboa son as catro producións con máis candidaturas, seguidas de O Sabor das Margaridas, finalista en tres categorías, e Auga Seca.
Falamos con Ghaleb Jaber Martínez, showrunner (produtor e guionista) de O Sabor das Margaridas, ao que lle preguntamos polas claves da segunda tempada da serie, do fenómeno do Galician Noir, a aposta por emitila en galego para todo o mundo ou sobre as posibilidades que as novas plataformas abren para as producións galegas.
Que novidades trae esta segunda tempada de O Sabor das Margaridas? Como foi o seu deseño despois do éxito da primeira entrega?
"Hai unha aposta por unha personaxe feminina forte, que adopta un rol que habitualmente só ocupan homes neste tipo de historias, buscando a xustiza pola súa propia man"
De cara a esta segunda tempada o que fixemos foi, primeiro, analizar as reaccións dos seguidores da serie nas redes sociais: o que destacaban, o que criticaban... Tamén observamos como enfrontaran outras series, sobre todo thrillers, as súas segundas tempadas; e decatámonos de que facer unha segunda tempada é mesmo máis difícil que unha primeira. Ao final apostamos por dar un xiro bastante grande no plantexamento estético e conceptual da primeira tempada, na que había unha posta en escena máis clásica, cun thriller rural, pequeno, cunha trama moi sinxela na que se buscaba o culpable dunha desaparición. E fomos a un concepto moito máis agresivo, máis escuro, e apostamos por unha estética acorde co tema: unha rede de prostitución de menores. Hai un posicionamento moi claro contra a prostitución e a trata de brancas.
Hai unha aposta tamén por unha personaxe feminina forte, que adopta un rol que habitualmente só ocupan homes neste tipo de historias, buscando a xustiza pola súa propia man. Nos perfís dos seguidores da serie vemos como o noso principal target son mulleres novas, moi reivindicativas cos seus dereitos, moi loitadoras... E creo que van enganchar moito con esta personaxe.
En varias ocasións destacastes que o éxito internacional da primeira tempada foi sorprendente mesmo para vós, o mesmo que o feito de entrar en Netflix, despois de que o proxecto fora rexeitado por televisións e distribuidoras en España. Onde puido estar a clave?
"É moi curioso como unha persoa que estaba no seu despacho en Los Ángeles creu neste proxecto e apostou por un produtor independente de Galicia, mentres que canles de televisión que levan tres décadas emitindo en España non o fixeron"
Si, dende logo o éxito da primeira tempada foi inesperado. Ninguén esperaba que tivese o percorrido que tivo e era sorprendente, ademais, que apostasen por unha serie que se facía en galego, unha lingua pequena que lles quedaba lonxe.
Nós fomos con este proxecto a varias canles españolas, que o rexeitaron. E tivemos a sorte de atopar un socio extraordinario en México, que nos deu todas as facilidades e que nos abriu as portas de Netflix, porque nese momento aínda non existía Netflix España. É moi curioso como unha persoa que estaba no seu despacho en Los Ángeles creu neste proxecto e apostou por un produtor independente de Galicia, mentres que canles de televisión que levan tres décadas emitindo en España non o fixeron. Ás veces parece que é máis fácil que nos valoren fóra, sobre todo porque fóra non miran a procedencia, senón que miran o talento e a calidade dunha historia.
E semella que o éxito se está a repetir na segunda tempada. Agora mesmo estamos no top 5 de Netflix en Uruguai, Arxentina, Romanía, Grecia e España. A xente está descubrindo a nosa lingua a través dunha serie e iso para nós é marabilloso. Ademais, hai que ter en conta que é unha serie que compite con grandes superproducións que contan con moitísimos medios.
A primeira tempada fíxose cun orzamento reducido e non sei se na segunda houbo un investimento económico maior, pero en todo caso, semella que é imposible competir en 'espectacularidade' con esas grandes producións e que, e cambio, o éxito baséase noutras ferramentas: o guión, a ambientación..., non si?
"A base de todo sempre é o guión, porque é onde se mesturan todos os ingredientes para facer unha serie de éxito, sobre todo cando traballas con orzamentos tan limitados"
Pois fíxate que na segunda tempada tivemos mesmo menos orzamento que na primeira. E si, a base de todo sempre é o guión, porque é onde se mesturan todos os ingredientes para facer unha serie de éxito, sobre todo cando traballas con orzamentos tan limitados. Hai que tratar ben as tramas, elixir moi ben
O que non temos son as armas do marketing. Esta serie, se tivese unha gran campaña de promoción detrás, podería chegar a máis público, porque a realidade é que a xente cando a ve, gústalle. Funciona moito o boca-orella, e iso serve para que a serie teña un percorrido longo, para que a xente a vaia descubrindo.
Outro dos elementos da serie que chamou máis a atención foi o feito de distribuírse na súa versión orixinal en galego en todo o mundo, onde se viu con subtítulos. Alguén suxeriu que a gravásedes en castelán ou púxovos problemas por facelo en galego?
"Demostrouse que unha serie en galego, feita en Galicia e con actores da terra pode triunfar en todo o mundo. Hai que rematar con ese mito de que as cousas en galego non se venden fóra. Claro que se poden vender fóra, o que hai que ter é calidade"
Si, moita xente dicíanos 'por que non a gravades en castelán e logo a dobrades en galego? Seguro que así chegades a máis xente'. Pero para nós o razoamento era precisamente o contrario: é unha historia que ocorre en Galicia e ten que ser rodada en galego porque temos unha lingua e a defendemos. O que te engancha dunha serie non é a lingua, senón a historia que conta. Pode que se a fixéramos en castelán teríamos chegado a máis público, iso non o sabemos, pero a nosa aposta sempre foi facela en galego. Demostrouse que unha serie en galego, feita en Galicia e con actores da terra pode triunfar en todo o mundo. Hai que rematar con ese mito de que as cousas en galego non se venden fóra. Claro que se poden vender fóra, o que hai que ter é calidade.
Antes as produtoras galegas tiñan moitas menos opcións para desenvolver e emitir os seus proxectos. As novas plataformas como Netflix abren novas posibilidades para o audiovisual galego?
"A chegada das plataformas dixitais conseguiu rachar a centralización que existía antes, que facía que só as produtoras de Madrid e Cataluña puidesen traballar, mentres que o resto nos tiñamos que conformar cos restos"
Si, dende a chegada das plataformas o mercado audiovisual sufriu unha completa revolución. Antes tiñas unicamente unha pantalla para poder distribuír o teu proxecto. Pola contra, agora hai moitas máis posibilidades e tamén moitas máis opcións para facer coproducións.
A chegada das plataformas dixitais conseguiu rachar a centralización que existía antes, que facía que só as produtoras de Madrid e Cataluña puidesen traballar, mentres que o resto nos tiñamos que conformar cos restos. Isto está cambiando moito. Vivimos nunha certa burbulla das series de ficción, estase gastando unha barbaridade de diñeiro.
Que opinas da etiqueta do Galician Noir que en boa medida despegou a través da vosa serie? Pode ser útil para impulsar o audiovisual galego?
"Ás veces parece que teñen que vir os de fóra a dicirnos o que somos, o bos que somos"
Aínda que o termo de Galician Noir chegase a partir do noso éxito, nós somos só unha parte dese movemento, formamos parte dunha tradición de ficción en Galicia que se desenvolveu primeiro durante anos na TVG. Nós fomos os primeiros en exportala a medio mundo e agora a ficción galega está moi de moda, é un pouco como o boom da moda galega dos anos 80 e 90. Crear un selo de calidade é importantísimo e a reportaxe que publicou The Guardian tivo un impacto moi grande. Ás veces parece que teñen que vir os de fóra a dicirnos o que somos, o bos que somos.
"É unha mágoa que tendo unha marca de prestixio internacional, aínda non se estea aproveitando"
Se ves os tops 10 de Netflix, sempre hai algunha produción galega. Isto debería ser un orgullo para Galicia e debería fomentarse, porque ao final falamos dun sector moi amplo de produtoras, guionistas, realizadores, actores, actrices e moitísimo persoal técnico de primeirísimo nivel. Aquí poderíamos acoller rodaxes de produtoras galegas, pero tamén de fóra de Galicia. Debería traballarse en crear un sistema, unha infraestrutura que faga Galicia moi atractiva para as rodaxes. Pode ser unha industria punteira e temos a calidade para converternos nunha plataforma de produción a nivel europeo e internacional.
Penso que debería estar explotándose moito máis; neste momento deberían estarse gravando en Galicia tres ou catro series e non se está gravando ningunha. É unha mágoa que tendo unha marca de prestixio internacional, aínda non se estea aproveitando.
Cales son as características deste Galician Noir? Ten que ver co clima, con esa imaxe que aínda se ten sobre Galicia na que o misterio, o oculto, ocupan un papel importante? Ou é tamén unha cuestión profesional, baseada sobre todo nun xeito de facer, de contar historias?
"En Galicia podes saltar en todo momento entre dous mundos. E isto é marabilloso sobre todo para os thrillers, que xogan cos misterios, cos segredos gardados en lugares ocultos"
Supoño que ten que ver primeiro coa paisaxe e coa paisanaxe. Galicia é un lugar dunha beleza extraordinaria, mires onde mires. Tamén ten que ver co valor do descoñecido, co feito de que en Galicia conviven sociedades que se moven entre o tradicional e o moderno: ti estás nunha cidade galega coa modernidade de calquera urbe europea e afástaste dous quilómetros e estás nun espazo moito máis salvaxe. E isto é marabilloso sobre todo para os thrillers, que xogan cos misterios, cos segredos gardados en lugares ocultos... Galicia é un ecosistema no que podes saltar en todo momento entre dous mundos. E despois está esa calidade dos profesionais, que é capaz de aproveitar esta riqueza estética e sociolóxica para transformala en historias que sexan capaces de engancharnos, de seducirnos e de sorprendernos.
Haberá terceira tempada?
Ogallá, pero non depende de nós, senón dos espectadores. O feito de ter esta segunda tempada foi moi importante, tamén para demostrar que estar en Netflix non fora unha casualidade, senón que fora consecuencia do noso bo facer. Sendo un produto galego, feito aquí e na nosa lingua, deberían estar todos os galegos falando da serie, porque ese é o noso mellor marketing. A xente de Uruguai ou Arxentina está facendo bandeira desta serie e en Galicia tamén o deberiamos facer.