A coprodución sueco-danesa completou en decembro a emisión da súa terceira tempada. Unha oportunidade para debullar as características do Nordic Noir televisivo, unha achega dende á ficción ao subsolo (non tan civilizado) das sociedades dos países do primeiro mundo. Máis en TV or Not TV, o blog de televisión e series de Praza Pública
Dende hai anos vivimos un auxe do xénero negro, primeiro na literatura e despois na televisión, especialmente da man de autores escandinavos, no que se deu en chamar Scandinavian noir ou Nordic Noir. Aos iniciais Stieg Larsson e Henning Mankell seguiron un gran número de nomes e novelas, un fío continuado por series como The Killing (Forbrydelsen) ou Bron/Broen, que manteñen un estilo realista e frío que lles outorga un carácter diferenciado do xénero negro estadounidense e, máis aínda, dos autores do sur de Europa, de Montalbán a Petros Márkaris.
Dende o inicio deste boom do Nordic noir salientouse cunha certa sorpresa o feito de que estas obras amosasen un aspecto oculto das civilizadas, tolerantes e igualitarias sociedades escandinavas. Algo así coma o lixo baixo a alfombra dos Estados de Benestar máis consolidados do planeta.
En decembro completouse a terceira tempada de Bron/Broen (A Ponte), a exitosa coprodución sueco-danesa que xa conta con remakes nos Estados Unidos e en Francia/Reino Unido. Unha terceira tempada que mantivo o excelente nivel das dúas primeiras e que conservou os elementos que xa converteron esta serie nun referente no xénero. Explotando, unha vez máis, os recunchos máis escuros da psique humana e dunhas sociedades non-tan-perfectas.
Bron/Broen amosa, como antes fixera Forbrydelsen, o reverso do welfare, unha sociedade con feridas e fendas baixo a pel. Se en Borgen a extrema dereita e as súas ideas tiñan un papel de bufón, caricaturizado o Partido Popular Danés mesmo a través do físico do seu líder (Svend Åge Saltum), nas series noir é recurrente a aparición de crimes de odio, dirixidos a inmigrantes ou homosexuais e as referencias ao racismo e a un crecente medo instalado na cidadanía. Se Borgen era a superestrutura, o noir baixa ata os sumidoiros.
Un sumidoiros, uns problemas na base desas sociedades que existen e que chegaron a nós a través da ficción antes que a través do xornalismo: O Partido Popular Danés obtivo un 25% dos votos nas últimas eleccións; Dinamarca limitou ao máximo o ingreso de refuxiados e requisoulles mesmo os obxecto de valor que puidesen levar; Suecia expulsou a 80 mil demandantes de asilo.
Sjowall e Wahlöö sinalaron xa nos anos setenta que as súas novelas eran “un bisturí para abrir o ventre dunha ideoloxía empobrecida e expoñer a cuestionable moral burguesa do pseudobenestar”. Este carácter realista e social do xénero negro, mesmo a través de fórmulas preestablecidas, personaxes arquetípicos e da ficción máis absoluta, atopámola xa en Dashiell Hammett e Raymond Chandler, por suposto en Vázquez Montalbán, e nos últimos anos de forma moi destacada nas páxinas de Petros Márkaris e a crise económica no sur de Europa.
O xénero negro consolídase así, tamén na televisión, como ese bisturí da realidade, un espazo para reflexionar sobre problemas sociais: crime organizado, violencia racista, inseguridade cidadá ou corrupción xeneralizada. Contado todo a través dunha certa distancia, de personaxes cínicos unhas veces, fríos e funcionais outras, concentrados na solución dun caso concreto.
Nese sentido, Saga Norén ou a Sarah Lund de Forbrydelsen son as Sam Spade ou Philip Marlowe contemporáneas, coma eles máis preocupadas por atopar os culpables e recuperar -aínda que minimamente- un certo equilibrio e xustiza para a sociedade que por seguir as regras. E, nese proceso, centrándose no seu traballo e pasando por riba das súas (sempre difíciles) circunstancias persoais.
Saga Norén ou Sarah Lund viven verdadeiras crises de identidade, tramas paralelas que enriquecen a historia e que encaixan perfectamente co devir contemporáneo das sociedades postfordistas. Como escribe Javier Sánchez Zapatero en La novela negra europea contemporánea: una aproximación panorámica, sobre o carácter destes protagonistas arquetípicos do xénero negro, ”os seus personaxes son seres que conviven cunha continua sensación de derrota, conscientes de que, por moito que resolvan os asuntos delitivos que deben afrontar, a estabilidade e a paz xamais chegaran á sociedade, corrompida polo mal funcionamento das súas institucións e rexedores”. Noren e Lund son, finalmente, mulleres que asumen un papel protagonista, decisivo, rachando co carácter secundario, de vítima ou de femme fatale reservado para elas na maior parte de obras do xénero.
Conclúe Javier Sánchez Zapatero que "o xénero negro desenvolvido en Europa parece dotarse dunha dimensión política que o levou a converterse nun instrumento de crónica histórica na que se medita sobre cuestións sistémicas que afectan á actual configuración e ao futuro do continente". Unha crónica de nós, demostrando o valor que a ficción sempre tivo para relatar o presente.