O selo Yisus debuta este 11 de xuño con Algún Día Volverémonos Ver, da chinesa Smalltung, e enmarcada no xénero yuri, centrado en relacións románticas entre personaxes femininas
Algún Día Volverémonos Ver é o título co que debuta a editorial Yisus, o primeiro selo dedicado á publicación de manga en lingua galega. Trátase dun manga da chinesa Smalltung que se enmarca no xénero yuri, centrado en relacións románticas entre personaxes femininas.
A obra publicouse xa no mes de abril nunha edición inaugural de só 100 exemplares, pero agora reedítase con correccións, número ISBN e unha presentación pública que serve como lanzamento ao novo proxecto.
Despois dos cambios de 2019, un aire de despedida envolve Hong Kong. Esta colección de manga yuri explora con sensibilidade o amor, a perda e a resiliencia. Mentres unhas buscan novos horizontes, hai quen decide quedar. Cada relato tece un fío de desexo entre o adeus e a calor do reencontro.
Smalltung, a autora da obra, publicou varias obras, todas centrados en temática yuri, como Driven by humans ou Ms´s Yuen Diary, entre outros. Creadora dedicada á comunidade doujin de Hong Kong durante vinte anos, céntrase na manga orixinal e agora publica cómics comerciais en Hong Kong. Apaixonada por retratar o romance yuri, destaca por tecer historias impregnadas do rico sabor de Hong Kong, capturando emocións urbanas a través de relatos de risas e bágoas.
Non é o primeiro manga que se publica en galego. No pasado temos exemplos como Bícame, profe (Edicións do Cumio, 2008) ou Herba (Rinoceronte, 2024), pero Yisus editorial nace co obxectivo principal de editar coleccións manga na lingua do país.