Nós, fundada por Ánxel Casal en 1928, foi a editorial máis importante do galeguismo nos anos anteriores á Guerra Civil. Pero antes de Nós estivo a editorial Lar (1924-1928) e antes de Lar funcionou a editorial Céltiga, creada polas Irmandades da Fala de Ferrol en 1921 co obxectivo de publicar obras en lingua galega en prosa, un campo que ata ese momento estivera desatendido, fronte á produción poética, máis abundante.
En 1921 as Irmandades da Fala puxeron en marcha na cidade esta editorial co obxectivo de promover a publicación de obras en prosa en lingua galega
O pasado ano, polo tanto, celebrouse o centenario da posta en marcha desta iniciativa, que só tivo dous anos de existencia, pois foi pechada en 1923 pola ditadura de Primo de Rivera. O Concello de Ferrol vén de inaugurar na Praza de Armas da cidade unha mostra que percorre a breve pero intensa actividade da editorial, unha mostra composta por paneis explicativos e que se poderá visitar ata o vindeiro 17 de xullo. Este sábado 2, ás 11 horas, haberá unha visita guiada pola exposición a cargo de Xosé María Dobarro e Xosé Manuel Varela.
O Concello de Ferrol vén de inaugurar na Praza de Armas unha mostra que percorre a breve pero intensa actividade da editorial e que se poderá visitar ata o vindeiro 17 de xullo
Céltiga tiña a súa sede na rúa Real, moi preto da localización da propia mostra. O seu fundador e director foi o médico e militante socialista Xaime Quintanilla Martínez, que entre 1931 e 1934 foi o primeiro alcalde republicano da cidade, á fronte dunha corporación municipal composta polo PSOE e o Partido Republicano Radical. En 1936, trala vitoria da Fronte Popular, foi restituído no cargo, aínda que dimitiu aos poucos días, por mor das súas ocupacións profesionais. Foi fusilado o 18 de agosto nas tapias do cemiterio de Canido.
Céltiga tiña a súa sede na rúa Real, moi preto da localización da propia mostra. O seu fundador e director foi o médico e militante socialista Xaime Quintanilla Martínez
O secretario da editorial foi Fiz Álvarez do Castelo, o administrador Manoel Morgado e o xerente Ramón Villar Ponte. Ademais, Céltiga contaba entre os seus colaboradores con Vicente Risco, Castelao, Antón Villar Ponte, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz-Andrade ou Eladio Rodríguez González.
As primeiras obras publicadas foron 'Alén' do propio Xaime Quintanilla, 'Trebón' de Armando Cotarelo Valledor', e 'Mal de moitos' e 'Trato a cegas' de Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida. As portadas contaban cos debuxos e deseños de Castelao, Camilo Díaz Baliño, Imeldo Corral ou Álvaro Cebreiro.
A partir de 1922 a editorial comezou a publicar, co subtítulo de "Novela mensual ilustrada" unha serie de 13 títulos entre os que destacan 'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete' de Castelao
A partir de 1922 a editorial comezou a publicar, co subtítulo de "Novela mensual ilustrada" unha serie de 13 títulos entre os que destacan 'Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete' de Castelao, 'Saudade' de Xaime Quintanilla, 'A i-alma de Mingos' de Francisca Herrera Garrido ou 'Almas mortas' de Antón Villar Ponte. En total publicou 16 títulos cunha tiraxe media de tres mil exemplares, como explica Ernesto Vázquez Souza en A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno.
Cando a ditadura de Primo de Rivera decidiu o peche de Céltiga, a editorial estaba a preparar a publicación de 'A trabe d'ouro e a trabe d'alquitrán', de Vicente Risco, que finalmente viu a luz en Lar, sucesora de Céltiga.
As Irmandades da Fala en Ferrol
Cando a ditadura de Primo de Rivera decidiu o peche de Céltiga, a editorial estaba a preparar a publicación de 'A trabe d'ouro e a trabe d'alquitrán', de Vicente Risco
As Irmandades da Fala de Ferrol naceron en 1917, un ano despois da posta en marcha da primeira agrupación na Coruña. En febreiro dese ano a cidade naval acolleu un acto das Irmandades no que participaron galeguistas da comarca e tamén outros chegados doutros lugares de Galicia, especialmente dende A Coruña. Este "mitín do rexionalismo galego" realizado sen "humildá, nin queixas, nin vágoas, nin sospiros" tivo lugar no Salón de Amboaxe e posteriormente se levou a cabo un xantar no hotel Ideal Room, na rúa Real.