Cen anos dun acto sen "humildá, nin queixas, nin vágoas, nin sospiros"

Cartaz da celebración Dominio Público Praza Pública

O 11 de febreiro de 1917 a Hirmandade de Amigos da Fala da Cruña celebrou en Ferrol un acto galeguista, o primeiro celebrado polas Irmandades na cidade. Ese acto foi anunciado polos ferroláns coma un "mitín do rexionalismo galego" no que ninguén ía atopar "humildá, nin queixas, nin vágoas, nin sospiros". Participaron, entre outros os irmáns Vilar Ponte, Manuel Lugrís, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez González., que se desprazaron en tren dende A Coruña á cidade naval.

Foron recibidos "entre aprausos e vivas a Galicia na estación do ferrocarril do Ferrol por máis de cen enxebres, entre outros; o coro Toxos e Froles co seu presidente Sr. Vaello, a rondalla Airiños da Miña Terra co seu intelixente director Sr. Pampín, o pintor D. Camilo Díaz, o poeta D. Emiliano Balás, os cómicos Charlón y-Hermida, D. Pedro Fraga de Porto e o cultísimo García Niebla" , relata A Nosa Terra do 16 de febreiro do ano 1917, que engade que "todos xuntos camiñaron en manifestación solemne e polo camiño espallaron follas con versos e pensamentos alusivos". Despois do mitin, celebrado no Salón de Amboaxe, os asistentes xantaron no hotel Ideal Room, un fermoso edificio modernista deseñado por Rafael Ucha e situado na Praza de Armas. A xornada continuou coa representación dun diálogo teatral cómico representado polos senlleiros actores Hermida e Charlón máis a lectura de poemas.

O Colectivo Literario In Nave Civitas e a Fundaçom Artabria celebran o centenario destes feitos repetindo a viaxe e o roteiro realizado en 1917. A homenaxe terá lugar o propio 11 de febreiro, partindo en tren dende A Coruña as persoas que se queiran unir ás 10.50 horas. A chegada a Ferrol está prevista ás 12:07 horas (mantendo máis ou menos o tempo do traxecto de hai cen anos). Alí as irmás e irmáns enxebres de Ferrol recibirán as coruñesas e coruñeses na propia estación do ferrocarril.

Comezará nese momento un roteiro polo Ferrol das Irmandades da Fala co asesoramento do catedrático Xosé M. Dobarro. No roteiro pasarase polo edificio do Ideal Room, onde se realizará unha reportaxe fotográfica e se lerán textos das Irmandades. Haberá un xantar popular (12 euros), cunha nova lectura de textos, recital poético musical e troula, no local social da Fundaçom Artabria, sito na Travesía Batallóns no barrio de Esteiro. [A reserva previa para o xantar pódese facer a través de correiodeartabria@gmail.com ou do teléfono 669 778 474 antes do 9 de febreiro]. Ás 18:30 horas terá lugar o acompañamento e despedida ás irmás e aos irmáns da Cruña na estación do Ferrocarril, partindo o tren ás 19:15 horas, cunha chegada estimada á Coruña contra a 20:30 horas.

Os e as organizadoras convidan a todas e a todos os asistentes a ir vestidas e vestidos "coas vosas mellores galas da época, aló polo ano 1917"

Os e as organizadoras convidan a todas e a todos os asistentes a ir vestidas e vestidos "coas vosas mellores galas da época, aló polo ano 1917". E, de igual xeito, convídase especialmente "ás irmás e aos irmáns ferroláns" a "acudiren á estación do ferrocarril para recibiren á comitiva enxebre da Cruña e acompañala polas rúas ferrolás nunha nova xornada galeguista cen anos despois".

 

Cartaz da celebración Dominio Público Praza Pública
Hai cen anos as Irmandades celebraron o xantar no hotel 'Ideal Room', que hoxe ten este aspecto © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.