Unha ducia de razóns para celebrar o Samaín
Xa está aquí o Samaín. Nestes días as rúas énchense de cabazas e de disfraces. Lense contos de medo, vense esqueletos, vampiros, bruxas e pantasmas... Pero como? Esta non é unha tradición inventada? Non é unha copia do Halloween ianqui? Pois inventada como todas as tradicións e copiada (ou hibridada) como a maioría, pero cunha documentada base tradicional galega, sobre todo na decoración de cabazas e no foco posto nas ánimas e nos elementos do alén. E, ademais, moi divertida, que é o que conta.
-
01
Distintos nomes, tradicións semellantes
Samaín, Halloween, Todos os Santos, Día de Muertos... Mil nomes ten esta festa que se festexas a cabalo entre o 31 de outubro e o 1 de novembro e que marcan en certa maneira o comezo dos meses máis escuros do ano. Ao final, todas as estas celebracións comparten unha mesma orixe e semellantes características e teñen que ver coa relación que os seres humanos establecemos co alén.
Unha "tradición inventada"? Por suposto, como todas. Unha "tradición importada"? En parte, como todas. Hai referencias históricas á celebración en Galicia dende antigo, aínda que foi nas últimas décadas cando o Samaín tomou a forma actual, na que se forma inevitable se mestura co Halloween estadounidense que, cómpre lembralo, non é senón unha derivación do propio Samhain celta que levaron os emigrantes irlandeses e escoceses.
-
02
Unha chea de cousas que facer coa rapazada
Así que o importante non é tanto se a festa é "correcta", senón simplemente pasalo ben nunha celebración da que sobre todo gozan os pequenos e pequenas da casa. Disfrazándose, pintando ou baleirando cabazas, decorando a casa, realizando outras manualidades, pedindo doces polas tendas do barrio, lendo libros de medo...
O imporante é pasalo ben. Nestoutra peza propoñíamos "unha ducia de ideas para celebrar o Samaín coa rapazada", que recollían algunhas propostas publicadas por Alí e algunhas outras.
-
03
Os doces
Nunha festa non pode faltar o alimento, para o espírito pero tamén para o corpo. E moito mellor aínda se son doces! É o tempo de facer tortas, galletas e biscoitos con cabaza, de comer chocolates e caramelos e, ademais, nos últimos anos estase a estender a moda dos truco ou trato. Nunha nova hibridación entre Samaín e Halloween, son moitos os centros de ensino, asociacións de veciñas ou de comercio local que organizan nas tendas do barrio estas iniciativas, animando a nenos e nenas a percorrer o locais, disfrazados, a cambio dalgunha larpeirada.
-
04
O 'Día de pedir'
O truco ou trato é, efectivamente, unha copia da tradición de Halloween de ir pedindo lambonadas polas casas. Porén, tamén é unha práctica que se realizaba nalgúns lugares de Galicia. Temos o exemplo da Illa de Arousa, onde o 2 de novembro (Día de Defuntos) nenos e nenas percorren as rúas e as tendas da localidade pedindo "unha limosniña polos difuntiños que van alá". A cambio, reciben algunha lambonada ou algunha moeda nunha tradición que se foi perdendo e que dende hai uns anos vén sendo recuperada
-
05
Os libros
O Samaín é tamén un tempo para ler e para escoitar historias. Esta festa desenvolveu todo un xénero propio de contos que case sempre dan máis risa que medo, contos protagonizados por bruxas, por vampiros, por cabazas, por lobishomes, por esqueletes, por monstruíños...
O pasado ano dedicamos esta peza a recomendar unha ducia de libros para ler no Samaín
-
06
As cabazas
O Samaín é tempo de cabazas. Vémolas por todas partes, comémolas, decorámolas... Aínda que algunha xente pense que esta é unha tradición copiada do Halloween estadounidense, en realidade provén da orixe compartida destas dúas festas.
Calacús na zona das Rías Baixas, calabazotes polo Ortegal, caveiras de melón por Cedeira, colondros en Ourense... Son moitas as denominacións e varias tamén as formas nas que en diversas comarcas de Galicia, até hai tan só trinta anos, se empregaban os froitos da cabaceira na celebración de Todos os Santos ou Defuntos, moitas veces baleiradas, decoradas ou empregadas como máscara.
-
07
Os disfraces
As cabazas forman parte da tradición de Samaín, tamén os contos de medo. Non tanto os disfraces que, de feito, tampouco eran tan habituais nas primeiras celebracións de Halloween. En calquera caso, tamén na tradición galega do Samaín había lugares nos que era a norma pintar a cara "simulando ser unha ánima do outro mundo" ou vestir de pantasmas brancas (as avisións de Cedeira).
En calquera caso, cada xeración vai construíndo as súas tradicións, mesturadas con outras. Así foi e así será sempre.
-
08
A recuperación da tradición
Foi Rafael López Loureiro, mestre de escola de Cedeira, o responsable de redescubrir a tradición da talla de cabazas por Defuntos e comprobar que existía por todo o país ata hai menos de trinta anos. Foi cando a filla chegou de clase cun melón tallado por unha "festa de Halloween" cando decidiu impulsar "unha tradición que aprendera de neno".
Ten publicado Samain: a festa das caliveras, As caveiras de colondros e Las calaveras de ánimas en la península Ibérica, Cartafol de enredos, Colores cooperativas, As caveiras de cabaza e Siluetas para un teatro de sombras-
-
09
'Día de Muertos' e Samaín
As tradicións mestúranse, sobre todo aquelas que están moi próximas. O Día de Muertos que se celebra en México e outros países americanos o 1 e 2 de novembro quédanos moi lonxe, aínda que algúns dos seus elementos aseméllanse aos das festas de Samaín, Todos os Santos, Defuntos e Halloween. É por iso que hai tempo que é habitual ver a estética destas calaveritas nos disfraces e decoracións empregadas nestes días en Galicia.
Este ano, ademais, no barrio vigués do Calvario decidiron ir un paso máis aló e celebrar de forma conxunta o Samaín e o Día de Muertos o 30 de outubro nunha "festa multicultural" organizando unha "Fiesta de las Catrinas" e instalando un altar de muertos no Centro Sociocomunitario de Rivera Atienza co obxectivo de "celebrar as nosas raíces e compartir a nosa cultura".
-
10
Magosto e Samaín
Tamén se celebra de maneira conxunta o Samaín e o Magosto que, de feito, tradicionalmente organizábase ao redor do 1 de novembro, aínda que acabou por trasladarse en moitos lugares ata o 11 de novembro, Día de San Martiño. Neste caso as cabazas deixan o seu protagonismo á castaña, pois a festa realizábase ao redor da súa recollida, e tamén aos chourizos e outros aproveitamentos do porco, ao coincidir co tempo no que tradicionalmente se mataba o porco.
Esta semana son moitos os lugares que organizan festas compartidas de Samaín e Magosto, aproveitando que o venres 1 é festivo e que hai moitos centros de ensino que mesmo estenden os días sen clase.
-
11
As cancións
Toda festa ten que ter música. Nós últimos anos artistas enfocadas ao público infantil veñen publicando algúns temas que estes días soan en moitas casas e escolas. É o caso de Paco Nogueiras e tamén de Uxía Lambona e a Banda Molona.
-
12
O que importa é pasalo ben
A mellor razón para celebrar o Samaín (ou o nome que cada quen lle queira poñer) é para pasalo ben. De feito, é a única que importa. Xa o dicía hai uns anos nesta entrevista Ramón Veiga, autor de Violeta quere ser vampiro: "A un neno dálle igual de onde vén o Samaín, o que quere é pasalo ben".
Así que, disfrazados ou non, comendo doces ou non, decorando cabazas ou non, lendo contos de medo ou non, veña, a celebrar o Samaín!