Unha ducia de ideas para celebrar o Samaín coa rapazada
Haberá quen saia co conto de que o Samaín é unha "tradición inventada". Efectivamente, é. Como todas as demais. O conto é que, antes de que existise a Coca-Cola e a festa dos defuntos chegase á outra beira do Atlántico e volvese, de rebote, convertida no Halloween, por esta e outras bandas europeas xa existían festas coma esta. Botando man das propostas lanzadas por Alí e algunhas outras, velaquí vai unha ducia de ideas.
-
01
Baleirar e decorar as cabazas
Cabazas e calacús foron protagonistas da noite do 31 de outubro ao 1 de outubro en Galicia moito, moito antes de que fosen asociadas ao marketing americano. Cun pouco de habilidade e paciencia, pódense facer figuras ben xeitosas que alumeen nas tebras do Samaín.
-
02
Doces do Samaín
As cabazas decoran pero tamén alimentan. Nas escolas do Colexio Rural Agrupado de Rianxo, por exemplo, xa teñen experiencia en todo tipo de doces do samaín.
-
03
O Samaín, en Pimpín por aquí non vin
Dentro da colección Pimpín por aquí non vin (Galaxia), atopamos un libriño que é tamén un xogo de preguntas e respostas sobre a "festa das cabazas".
-
04
Cos Bolechas
A familia máis popular entre a rapazada galega tamén celebra o Samaín. Os personaxes de Pepe Carreiro protagonizan unha unidade didáctica coa historia da festa, xogos, receitas... Sen tempo para o aburrimento.
-
05
O pesadelo no armario
O Samaín pode ser un bo momento para atender o que conta Un pesadelo no meu armario (Kalandraka), un volume útil para espantar medos.
-
06
Cocos e monstros
Na web Galicia Encantada ofrecen unha amplísima listaxe de cocos e monstros cos que dar sustos na noite do Samaín. Así e todo, xa advirten que non teñen por que facer mal: "poñen medo, aínda que a maioría son inofensivos"
-
07
A cabaciña que corría
Este é un conto moi popular en Portugal e no Brasil, con títulos diversos: A velha e os lobos, O macaco e a cabaça, A cabacinha ou A vella que ia na calabaça e encontrou um lobo. OQO editouna como Corre corre, cabaciña e nel cóntase como unha velliña que vai á voda da súa neta atopa polo camiño un lobo, un oso e un león que a queren comer e, no canto de asustarse ou escapar, negocia con eles.
-
08
Sinforoso, o can temeroso
Unha boa noite para poñer o medo no seu sitio é a do Samaín. Podémolo facer con Sinforoso, o can temeroso, a historia dun canciño que "choromica polo día" e "pola noite agocha o rabo polo medio das patiñas". Está incluído na colección d'Os libros da merenda, de Urco Editora.
-
09
Fiz, o coleccionista de medos
Fiz é, nada máis e nada menos, que "o neno máis medorento do mundo". En libro e en vídeo (OQO Editora), Fina Casalderrey e Teresa Lima trasládannos a unha historia ben bonita na que se amosa que expresar os sentimentos non é, para nada, algo malo.
-
10
Un Samaín dixital
No CEIP de Pazos, en Ferrol, propoñen pasar un anaco do Samaín cos pasatempos interactivos que deseñaron no centro.
-
11
A banda sonora da noite, con Paco Nogueiras
Dentro do seu disco Brinca vai! (Kalandraka) Paco Nogueiras cántalle ao Samaín e tamén lle pon imaxes.
-
12
A miña amiga invisible
Nesta noite do Samaín mortos e vivos andan mesturados. Pero o resto do ano, a morte tamén está presente. N'A miña amiga invisible (Baía Edicións) Ana explica como superou a morte da súa avoa.