Marcos Pérez Pena

Unha ducia de comunidades de montes destacadas como exemplo para a xestión do territorio

O proxecto de Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático, que busca promover "unha xestión forestal sostible en áreas de alto valor natural e superficies queimadas con iniciativas innovadoras de aproveitamente do monte", publicou recentemente o Atlas das Comunidades Locales Conservadas, un documento que salienta a xestión de 33 comunidades locais galegas, das que escolmamos unha ducia (aínda que todas elas poderían estar aquí). Trátase de entidades que destacan pola súa xestión do territorio, bos exemplos de rexeneración do monte, de uso multifuncional e de implicación da poboación no seu coidado. Entre os proxectos destacan iniciativas de protección ante incendios forestais, eliminación de especies invasoras, fomento de especies autóctonas e apoio á gandaría extensiva e ao pastoreo.

  1. 01

    Baroña (Porto do Son)

    170 comuneiros e comuneiras participan na comunidade de Baroña, en Porto do Son, que se ten convertido nun referente de aproveitamento multifuncional do monte. Na actualidade ten un cadro de personal de 10 personas dedicadas a tempo completo á resinaxe (é a maior produtora de Galicia), coidado do gando, traballos forestais, produción de mel e xestión dun couto micolóxico. Ademais, en 2025 botou a andar o Centro de Transformación de Alimentos de Baroña para a transformación de carne e outros produtos do monte.

    Así mesmo, a comunidade destaca polo traballo de recuperación de patrimonio 
    material e inmaterial e tamén pola recuperación dos garranos e pola reintrodución de gandaría en extensivo.

  2. 02

    Froxán (Lousame)

    Na comunidade de Froxán (Lousame) participan menos comuneiros e comuneiras, apenas seis persoas, pero iso si, conta con maioría feminina, algo pouco habitual. Destaca, ademais, pola variedade e interese das súas iniciativas e proxectos, que transcenden a súa localidade. 

    A pesar de partir dunha situación de notable degradación ambiental resultante de sucesivos incendios, monocultivos forestais, especies exóticas invasoras e abandono de labores mineiros, a xestión da comunidade alcanzou avances 
    significativos na restauración dos ecosistemas.

    Nos últimos anos leváronse a cabo "cortalumes verdes e paisaxes cortalumes" e procedeuse a restaurar as zonas de turbeira. Ademas, en 2017 lanzouse o proxecto Montescola en Froxán, buscando crear un vínculo continuado no tempo entre crianzas e as súas familias con diversos espazos do monte veciñal. Dende entón, pasaran por Froxán máis dun milleiro de cativas e mozos de distintos centros educativos, convertendo o monte nunha extensa aula da natureza ao aire libre.

    "Placaxe ao eucalipto": as árbores autóctonas 'amadriñadas' xa medran no monte de Froxán

  3. 03

    Rois (Rois)

    Dúas comunidades de montes foron destacadas en Rois. A que funciona na parroquia de San Miguel de Costa e a existente nos lugares de Contimunde, Covela e Rois (S. Mamede de Rois). Nesta última hai que salientar o labor de recuperación e consolidación do bosque autóctono, combinado con traballos de eliminación de eucaliptos. E, tamén, o proceso de introdución do silvopastoreo con porco celta en extensivo

    Igualmente, habilitouse aquí o roteiro das Penicias, un itinerario circular de 9 km a carón do río que parte e remata na igrexa de San Mamede de Rois.

  4. 04

    Meira (Moaña)

    154 comuneiros e comuneiras participan no MVMC de Meira (Moaña), un espazo no que nos últimos anos se levou a cabo un traballo de recuperación das masas de frondosas e reintroduciuse gando caprino. Así mesmo, restaurouse a Torre de Meira, destruída no século XVI. En Meira funciona, ademais, unha comunidade de augas, que dá servizo a 420 vivendas.

  5. 05

    Coruxo (Vigo)

    Dúas comunidades de montes de Vigo foron destacadas no documento: a de Teis e a de Coruxo, que agrupan cada unha a case un cento de comuneiros e comuneiras. En Coruxo o movemento social pola recuperación do monte veciñal iniciouse logo de que o Concello promovese no inicio da década de 1990 un proxecto para construír un campo de golf e unha urbanización dentro do mesmo.

    Dende entón houbo un gran traballo de rexeneración do bosque autóctono e de creación de cortalumes verdes. O incendio de 2017 demostrou a importancia destas infraestruturas naturais de defensa contra incendios e o efecto das mesmas na resiliencia do territorio fronte ao lume.

    Houbo alternativas para o control da acacia negra. Tamén se levaron a cabo numerosas actividades de voluntariado e educación ambiental.

  6. 06

    Couso (Gondomar)

    A comunidade de Couso (Gondomar) vén asumindo un forte papel social, mantendo un banco de alimentos, unha casa de beneficencia (vivenda que se cede de xeito gratuíto) e unha casa veciñal. Tamén apostou pola diversificación da produción, introducindo o cultivo de cogomelos e froitos do bosque

    En anos recentes a comunidade combateu os proxectos para a instalación de parques eólicos nos Altos do Val Miñor e desenvolveu proxectos de educación ambiental comunitaria, traballando cos centros educativos da contorna.

    Co Centro de Educación Primaria Xosé Neira Vilas a comunidade lanzou o proxecto “Bosque da Lingua”, recuperando, co apoio dunha campaña de micromecenado, 4 ha de monte previamente degradado pola presenza dun vertedoiro e de especies invasoras. 

  7. 07

    Vincios (Gondomar)

    Tamén en Gondomar, funciona a comunidade de Vincios, con 135 comuneiros e comuneiras. Despois dos terribles incendios de 2017, a comunidade recuperou rapidamente a iniciativa para rexenerar o monte creando unha paisaxe máis resiliente. 

    O monte de Vincios foi dos primeiros a recibir (en 2025) a certificación FSC de servizos ecosistémicos, atendendo aos valores recreativos e culturais, que a comunidade traballa para poñer en valor. O monte de Vincios atesoura así mesmo un importante patrimonio cultural.

    Nun monte no que é importante a gandaría, en 2024 a comunidade recorreu  por primeira vez ao uso de peches virtuais mediante un sistema de telepastoreo, e aplícano de xeito piloto para a xestión de nove vacas cachenas e un boi, que se pretende ampliar ata as 50 cabezas nos próximos anos.

    Ademais, a comunidade tivo un papel activo na defensa do Monte do Galiñeiro fronte á tentativa de instalación de varios parques eólicos e unha mina de terra raras.

  8. 08

    Viladesuso (Oia)

    En Viladesuso (Oia) permítese o pastoreo libre e considérase que a presenza dos animais é o mellor sistema para a prevención de incendios, tanto polo control da vexetación como pola presenza dos gandeiros. 

    Na Serra da Groba pastorean unhas 2000-2100 cabezas de equino, unhas 650-750 cabezas de bovino e 200-250 cabezas de caprino. Do total, aproximadamente unha terceira parte pastorea no territorio veciñal de Viladesuso. Asi mesm, a serra ten como unha das súas características máis distintivas a preseza de greas de cabalos salvaxes.

    Despois do desvastador incendio do ano 2006, tomouse a iniciativa de declarar o Espazo Privado de Interese Natural  (EPIN) das Sobreiras do Faro, primeiro territorio protexido baixo esta figura en Galicia.

    Así mesmo, en 2012 creouse a Ruta Máxica de Oia, unha ruta de 18 km de lonxitude que discorre paralela á costa a través das catro parroquias costeiras do concello.

  9. 09

    Paraños (Covelo)

    En Paraños (Covelo) dende o ano 1998 a comunidade vén traballando para recuperar a diversidade forestal logo de herdar un monte dominado polas plantacións de piñeiro.

    Así mesmo, levouse a cabo a posta en valor do patrimonio natural e etnográfico e creouse o Parque botánico da Fraga do Rei. En 2017 a comunidade decidiu 
    crear un arboreto aberto ao público nunha superficie dunhas 5 ha do monte das Medelas con fins de educación e divulgación ambiental. A parcela dividiuse en 28 zonas, recreando en cada unha delas os principais bosques autóctonos galegos.

  10. 10

    Laza (Laza)

    182 comuneiros e comuneiras participan na xestión do MVMC da parroquia de San Xoán de Laza, que acolle a única Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) existente en Galicia.

    Logo de décadas dominadas por sucesivos incendios, a comunidade apostou pola recuperación progresiva das masas de frondosas, que actualmente están presentes nunhas 200 hectáreas de monte. As actuacións comezaron a partir dos bosques de ribeira presentes nos ríos e regos, ampliando as masas cara a zonas lindeiras, seguindo unha estratexia que busca mellorar a conectividade ecolóxica e crear paisaxes cortalumes.

    A entidade tamén conta cun edificio para uso social, mantén varias áreas recreativas e recentemente adquiriu terreos para construír unha residencia para persoas maiores.

  11. 11

    Órreos (Folgoso do Courel)

    No documento destácanse dúas comunidades de Folgoso do Courel, a de Paderne e a de Órreos. No caso desta última, o lugar estivo deshabitado durante máis de 30 anos, voltando a ter vida a partir de 2008 coa chegada de novas familias. Desde entón, véñense recuperando as actividades apícolas e de pastoreo tradicional, así como festas e celebracións locais.

    O proxecto de ordenación aprobado en 2022 destaca o uso protector do monte e o fomendo de masas consolidadas de frondosas.

    Na comunidade de Paderne desenvolvéronse interesantes proxectos de ecoturismo e educación ambiental e un importante traballo de mantemento dos soutos aquí existentes.

  12. 12

    Toca (Samos)

    En Toca (Samos) levouse a cabo a reintrodución de gandaría en extensivo e medidas para favorecer as poboacións de oso pardo. A comunidade traballa na restauración ambiental do monte e na recuperación do bosque autóctono, ao 
    tempo que fomenta a creación de pradeiras que actúen como cortalumes verdes.

    Ademas, a comunidade de Toca foi un axente activo na protección da Serra do Iribio fronte a proxectos destrutivos. En 2019 interpuxo denuncia fronte á promotora do Parque Eólico Oribio, que abriu ilegalmente viais de acceso a través do territorio veciñal.

    O Tribunal Superior anula a autorización da Xunta dun parque eólico na Serra do Oribio por contravir a lei