Unha ducia de 'escritores e escritoras galegas universais' recoñecidas pola AELG
Dende o ano 2006 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega vén recoñecendo cada ano un autor ou autora como escritor/a galego/a universal, escollendo aqueles creadores e creadoras "que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana e das culturas nacionais". Van xa 21 edicións, dende a primeira, na que o escollido foi o poeta palestino Mahmud Darwish ata o 2025 que vén de rematar coa tamén palestina Shahd Wadi como a elixida. En 2026 o autor premiado será o igualmente palestino Basim Khandaqji, como se anunciou hai uns días.
-
01Mahmoud Darwich (2006)
Na primeira edición do galardón, a Asociación fixo entrega, de mans da Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, do premio "Poeta Galego Universal" ao poeta nacional Palestino Mahmoud Darwich, nun acto celebrado no Paraninfo da Universidade de Santiago.
-
02Pepetela (2007)
No ano seguinte, o galardón adoptou xa o nome de 'Escritor Galego Universal', destacándose que o obxectivo era "significar aqueles autores e autoras cuxa obra e personalidade conteñan un alto contido ético e estético que os/as convirtan nun referente para o seu pobo na defensa da dignidade nacional e humana".
O galardoado, que recibiu o premio na Cea das Letras, foi o angolano Pepetela, pseudónimo de Artur Carlos Maurício Pestana dos Santos, Premio Camões en 1997 e que chegou a ser Viceministro de Educación de Angola.
-
03Elena Poniatowska (2009)
En 2009 a escollida foi a escritora mexicana Elena Poniatowska, que recolleu o premio nun acto celebrado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca da USC, precedida dunha laudatio de Manuel Rivas.
En 2008 a galardoada fora a escritora cubana Nancy Morejón.
-
04Juan Gelman (2010)
En 2010 o galardón foi para o poeta, xornalista e tradutor arxentino Juan Gelman, gañador do Cervantes en 2007, que recibiu o recoñecemento na Cea das Letras. Durante a ditadura, foron secuestrados e asasinados polo réxime militar o seu fillo Marcelo e a súa nora Claudia, que se atopaba embarazada. Logo de anos de intensa procura, Gelman puido reunirse coa súa neta en Uruguai.
-
05José Luis Sampedro (2012)
En 2012 o premio foi para José Luis Sampedro destacando a AELG "a alta calidade da súa literatura lúcida, profunda, radical e transgresora, impregnada do insubornábel compromiso ético do autor". Un ano despois o escritor e economista falecía aos 96 anos de idade.
En 2011 o premio fora para o poeta Antonio Gamoneda.
-
06Lídia Jorge (2013)
En 2013 a galardoada foi a portuguesa Lídia Jorge, que despois de visitar a RAG, recibiu o premio na Gala das Letras. "A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir. En compañía dos seus personaxes Lídia Jorge móstranos a realidade e permítenos entender os cambios sociais", destacaba a AELG.
Un ano máis tarde o premio foi para o vasco Bernardo Atxaga, que o recibiu nun acto celebrado en Pontevedra.
-
07Pere Gimferrer (2016)
En 2016 o galardoado foi o catalán Pere Gimferrer, que recolleu o premio no transcurso da Gala do Libro Galego, no Teatro Principal de Compostela.
En 2015 o premio fora para o brasileiro Luiz Ruffato, que o recolleu nun acto celebrdo en Lugo.
-
08Hélia Correia (2017)
En 2017 recolleu o premio a portuguesa Hélia Correia na Gala do Libro Galego. A AELG destacou "a alta calidade literaria" do conxunto da súa obra e o seu "insubornábel compromiso ético".
Un ano despois a galardoada foi a alcoiana Isabel-Clara Simó e en 2019 a portuguesa Maria Teresa Horta.
-
09Ana Luísa Amaral (2022)
En 2022 a galardoada fora a portuguesa Ana Luísa Amaral. "Amaral é a poeta que contraria a tradición, a que reinterpreta e volve falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contraría e ironiza", escribiu sobre ela Marta Dacosta, que fixo a laudatio.
Nos dous anos anteriores foran premiadas Mariasun Landa (2020) e José Luandino Vieira (2021).
-
10Lydia Cacho (2023)
En 2023 a escollida foi Lydia Cacho, xornalista mexicana, con raíces galegas, activista feminista e defensora dos dereitos humanos. Denunciou a mafia da pederastia en México, o que a levou a sufrir ameazas, ser secuestrada polo gobernador de Puebla Mario Marín Torres en 2005, e finalmente exiliarse.
Un ano despois foi galardoado o vasco Joseba Sarrionandia.
-
11Shahd Wadi (2025)
Neste 2025 que vén de rematar, foi premiada a escritora palestina Shahd Wadi. Autora do libro Corpos na trouxa: histórias-artísticas-de-vida de mulheres palestinianas no exílio (2017), aborda na súa investigación as narrativas artísticas no contexto da ocupación israelita da Palestina e considera as artes un testemuño de vidas, tamén da súa.
-
12Basim Khandaqji (2026)
E neste 2026 que comeza o autor homenaxeado será o igualmente palestino Basim Khandaqji. A súa novela Unha máscara da cor do ceo foi galardoada co Premio Booker Internacional de Novela Árabe en 2024. Foi liberado no marco do último acordo de intercambio de prisioneiros.
Ademais de media ducia de novelas e dous poemarios, conta con numerosos artigos publicados en sitios literarios electrónicos e en redes sociais. Ten tamén unha páxina secundaria no sitio web Al-Hiwar Al-Mutamaddin, que contén máis de corenta artigos políticos, literarios e en prosa, ademais dunha serie de artigos sobre a realidade do movemento de prisioneiros.