Máis de 30 comunidades de montes galegas recoñecidas polas súas boas prácticas en materia de conservación da biodiversidade e prevención dos incendios forestais. O proxecto Caprif-CC vén de facer pública o Atlas de áreas conservadas por comunidades locais onde se recollen estes "casos de éxito", detallando as súas características, desde as súas dimensións ata a forma xurídica, pasando polo número de comuneiros e comuneiras que o compoñen, o seu contexto histórico, as actividades e iniciativas desenvolvidas ou os logros en prol da recuperación dos ecosistemas.
Caprif-CC (Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático) recoñece así 33 montes comunais galegos nunha publicación que xa se pode consultar vía web pero que será presentada publicamente o vindeiro venres 31 de outubro mediante un seminario en liña, a través da canle de Youtube do proxecto, no que intervirán representantes de doce destas comunidades de montes galardoadas.

Caprif-CC está impulsado polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galiciañ-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Juana de Vega, a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), o Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira (Cetemas) e a Fundación Montescola e conta co apoio e financiamento da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica. O seu obxectivo é "promover unha xestión forestal sostible en áreas de alto valor natural e/ou superficies queimadas de Galicia e Asturias", pulando por iniciativas "participativas e innovadoras de aproveitamento multifuncional do monte".
O proxecto Caprif-CC recoñece 33 comunidades de montes en Galicia polas súas boas prácticas en materia de conservación da biodiversidade e prevención dos incendios forestais
Con este atlas recentemente publicado buscan destacar as boas prácticas destas comunidades de montes que suman unha superficie de perto de 19.000 hectáreas distribuídas entre as catro provincias. Na de Pontevedra son once montes comunais de oito concellos: Bermés (Lalín), Camposancos (A Guarda), Coruxo e Teis (Vigo), Couso e Vincios (Gondomar), Covelo e Paraños (Covelo), Meira (Moaña), Rebordelo (Cerdedo- Cotobade) e Viladesuso (Oia). En Ourense, pola súa banda, aparecen catro doutros tantos municipios: Doade (Beariz), Laza (Laza), Rubiás (Ramirás) e Serra do Xurés (Lobios).
Ademais, das provincias da Coruña e Lugo figuran no atlas nove comunidades de montes en cada caso. Na coruñesa son Baroña (Porto do Son), Chá (Ferrol), Costa e Rois (Rois), Esteiro (Muros), Fieitoso (Rianxo), Froxán (Lousame), Raño (Irixoa) e Xalo (Culleredo). En canto á lucense: Carballo (Friol), Frexulfe e Recaré (O Valadouro), Miñotos (Ourol), Órreos e Paderne (Folgoso do Courel), Piornedo (Cervantes), Robledo e Pena Nogueira (Negueira de Muñiz e tamén o concello asturiano de Ibias) e Toca (Samos).
No atlas, premendo en cada unha das comunidades de montes desprégase un folleto de catro páxinas onde se detallan as súas características, con fotografías, mapas e abondosa información. Como exemplo, o de Froxán, en Vila Cova (Lousame), cunha superficie de 100 hectáreas e seis comuneiros, catro mulleres e dous homes.
No texto explícase, entre outros moitos detalles, que o monte veciñal de Froxán "ten a súa orixe documentada en cartas forais da Baixa Idade Media" e que "aparece referenciado por primeira vez nun documento de 1409 polo cal o mosteiro de San Paio de Antealtares afora unha renda de pan percibida polos bens deste lugar".
Restauración dos ecosistemas
Ademais, lembra que este territorio foi recoñecido en 2017 como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA) e incluído tanto no Rexistro Internacional de ICCAs como na Base de Datos Mundial de Áreas Protexidas do UNEP-WCMC. Ao temo sinala que, "malia partir dunha situación de notábel degradación ambiental resultante da combinación de sucesivos incendios (1993, 2000, 2006 e 2016), monocultivos forestais, especies exóticas invasoras e abandono de labores mineiros, a xestión da comunidade alcanzou avances significativos na restauración dos ecosistemas".
Entre as boas prácticas, o atlas destaca a restauración da turbeira Campo de Lamas e a selección desta comunidade xunto a outros tres proxectos no Estado para un proxecto para adaptarse ao cambio climático. En colaboración coa USC levouse a cabo un plan de xestión que, logo da eliminación das especies exóticas invasoras, permitiu en 2020 proceder ao recheo dos canais de drenaxe," recuperando a hidroloxía orixinal e evidenciándose os resultados aos poucos meses".
Ademais, a publicación tamén destaca o voluntariado que permitiu restaurar os ecosistemas tras un importante incendio en 2016 ou o proxecto Montescola en Forxán que, desde 2017, busca "crear un vínculo continuado no tempo entre crianzas e as súas familias con diversos espazos do monte veciñal".
Respecto do apartado dedicado a Froxán, o atlas tamén destaca o desenvolvemento de cortalumes verdes, formados por árbores, arbustos, plantas herbáceas e fungos que "xeran un microclima máis fresco, húmido e sombrío". "Axudan a bloquear as lapas e a calor, reducindo a velocidade de avance e enerxía tanto en lumes de copas (que se espallan de árbore en árbore) como os lumes de chan (que avanzan polo mato do sotobosque)", explica.
O de Froxán é só un dos 33 exemplos que se explican con detalle neste atlas que recoñece o bo facer dos comuneiras e comuneiras por conservar, protexer e restaurar cadanseus montes.