Unha ducia de bos exemplos de xestión do monte
Nestes días nos que é tempo de analizar as causas dos incendios que arrasan Galicia, escóitanse as voces que denuncian o abandono do rural e o monocultivo do eucalipto. E que reclaman un aproveitamento multifuncional do territorio, a aposta por outros usos para o monte. Montes ben xestionados, que xeren valor para as comunidades locais. En Galicia hai non unha, senón moitas ducias de exemplos de boa xestión do monte. Algunhas (Rebordechán, Vincios, Froxán, Covelo, Ridimoas...) xa as relatamos nos últimos tempos en Praza. Outras foron destacadas, por exemplo, por ADEGA, na súa publicación Experiencias sostíbeis no monte galego. Velaquí alguhas experiencias das que aprender para construír un rural vivo.
-
01
Rebordechán (Crecente)
En Rebordechán (Crecente) funciona a cooperativa veciñal O Tempo da Aldea, que hoxe conta cuns 80 socios e socias e busca "aproveitar os recursos da aldea e do monte, xerar postos de traballo, acabar cos lumes e achegar unha idea para o futuro do rural galego". "Ofrecemos unha solución privada a un problema público e político: o despoboamento do rural. Nós fixemos o noso traballo, a responsabilidade de que o rural estea vivo é das administracións", destacan os seus responsables.
-
02
Ridimoas (Beade)
A Asociación Ridimoas leva case 30 anos defendendo o bosque autóctono en Beade, grazas ao apoio de máis de mil socios e socias que cada ano achegan unha cota mínima duns dez euros que axuda a manter as actividades que alí se realizan e a ir, aos poucos, mercando novas terras, superando xa as 300 hectáreas de terreo. O proxecto naceu cunha vocación divulgativa, sobre todo entre as xeracións máis novas, que aínda conserva: cada ano numerosos grupos escolares pasan por este bosque, para coñecer de preto a vexetación autóctona e a necesidade da súa conservación.
-
03
Vincios (Gondomar)
A Comunidade de Montes de Vincios (Gondomar) leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Usos gandeiros, cultivo de cogomelos, repoboación con castiñeiros, apicultura... Ademais, puxo en marcha o proxecto Cartografías Sensibles, que naceu para salientar as riquezas desta parroquia e dos seus montes comunais, ameazados polos proxectos eólicos, mineiros ou doutro tipo proxectadas na Serra do Galiñeiro
-
04
Comunidades de montes de Froxán (Lousame) e Covelo
As comunidades de montes de Froxán (Lousame) e Santiago de Covelo foron incorporados ao rexistro ICCA nas Nacións Unidas, como un exemplo de conservación e xestión participada. Nos dous casos o traballo dos veciños permitiu nos últimos anos a conservación do medio e o seu aproveitamento multifuncional, cun importante labor de control das especies invasoras e, ademais, de protección e difusión do patrimonio natural e histórico.
-
05
Mouriscados (Gondomar)
En Mouriscados (Mondariz), grazas ao impulso da Comunidade de Montes, practícase a silvicultura de piñeiros e frondosas, explótanse cogomelos, froitos do bosque (framboesas, grosellas e arandos), teñen 180 colmeas de abella, contan con varios roteiros de sendeirismo e crían porcos celtas debaixo dos castiñeiros. A Comunidade está composta por 120 comuneiros e comuneiras, que xestionan unhas 300 hectáreas de terreo.
-
06
Fontiña das Laxes (Cervo)
A Fontiña das Laxes (Cervo) é un exemplo de como un eucaliptal, de escaso valor e fonte de riscos diversos como os incendios, pode ser transformado nun souto para o seu aproveitamento integral. Dende o ano 1998 vén traballándose nun terreo de 10 ferrados, no que talaron os eucaliptos (en tres anos desapareceron os brotes) e posteriormente realizouse unha repoboación con caducifolias, castiñeiros, froiteiras e outras árbores, que dan todos os anos unha boa produción, que une aos moitos cogomelos e á realización de actividades de ocio
-
07
Montes de Goó (O Incio) + Granxas Lousada (Irixoa) + Montes de Nebra (Porto do Son) + Montes de Petán (A Cañiza)
Montes de Goó (O Incio), Granxas Lousada (Irixoa), Montes de Nebra (Porto do Son) e Montes de Petán (A Cañiza) son catro exemplos de aproveitamento do monte para usos gandeiros. No Incio apostouse polo porco celta nos seus soutos de castiñeiros. Na Irixoa unha parella introduciu vacún, ovino e porco celta para un aproveitamento silvopastoril sostible de parcelas arrendadas de monte.
En Porto do Son tamén se apostou polo silvopastoreo con 50 exemplares de porco celta. De igual xeito, na Cañiza esta granxa de porco celta conta con 200 cabezas que se alimentan nunhas 90 hectáreas de superficie de propiedade privada (100 propietarios) e outras 10 hectáreas de monte comunal.
-
08
Monte de Penamá (Allariz) + Zobra (Lalín)
O proxecto do Monte de Penamá (Allariz) comezou no ano 2000, co impulso do Concello. Dende entón conseguise a transformación de zonas ocupadas pola matogueira e un vello piñeiral procedente das plantacións forzosas do ICONA dos anos 50 (unhas 100 hectáreas), dando lugar a pastos para vacas de razas autóctonas, apostándose pola gandeiría ecolóxica con raza Limiá.
En Zobra (Lalín), o monte emprégase para unha explotación gandeira de vaca rubia galega e cachena e tamén constitúe un gran xerador de riqueza a través do turismo rural e de varias rotas de sendeirismo.
-
09
Sofragal (Nogueira de Ramuín) + Amarelante (Manzaneda)
Amarelante (Manzaneda) é unha cooperativa de explotación comunitaria da terra, composta por 10 socios e socias, que se encarga da recuperación de soutos abandonados para a produción de castaña e posterior comercialización, ben en fresco, ou ben como castaña seca e certificada co selo da Indicación Xeográfica protexida Castaña de Galicia.
Sofragal (Nogueira de Ramuín) dedícase tamén á comercialización de castaña e coidado e mantemento de soutos, así como repoboacións de bosques de castiñeiros para aproveitamento de froitos e madeira.
-
10
Monte de Carballo (Friol) + Beealia (Pol)
A Comunidade de Montes de Carballo (Friol) desenvolveu un sistema silvopastoral con gando equino, porco celta e apícola combinado con aproveitamento madeireiro de piñeiro. Actualmente, toda a xestión do monte realízase directamente polos 51 comuneiros e comuneiras, que realizaron colaboracións con colectivos ecoloxistas para restaurar 1,5 hectáreas con arborado autóctono.
En Pol, Beealia dedícase á introdución de ovino e cabrún en parcelas de monte abandonadas ou cedidas polo Bantegal para a posta en valor da produción, vendida directamente ao consumidor a través da súa páxina web.
-
11
Couso (Campo Lameiro) + Montes do Couso (Ponteareas)
Couso, en Campo Lameiro, e o seu homónimo en Ponteareas son exemplos de aproveitamento turístico a través de rotas de sendeirismo deseñadas e sinalizadas pola propia comunidade, e do coidado e promoción do patrimonio arqueolóxico. En Campo Lameiro destacan o petróglifo do Sobral, o castro do Facho de Riba, ou as mámoas do Outeiro da Pipa. E, ademais, realízase unha importante explotación de castiñeiros e castañas.
En Ponteareas, pola súa banda, a Comunidade de Montes de Couso quixo poñer en valor os elementos culturais do seu monte e creou unha ruta de sendeirismo na que se atopan varios muíños e aceas restauradas. Contan cunha persoa contratada para facer os labores de repoboación e mantemento do monte. Aínda que a meirande superficie do monte está poboada de piñeiros e eucaliptos, a comunidade tamén dispuxo unha plantación de castiñeiros de 1,1 hectáreas e outra de cerdeiras de 1,6 hectáreas
-
12
Monte Cabalar (A Estrada)
Outro exemplo positivo é o de Monte Cabalar, na Estrada, un monte comunal que foi repartido entre moitos propietarios e propietarias. A finais dos 60 o monte foi abandonado, deixándose de rozar e de pacer. O mato acumulado transformouse en carga combustible, iniciándose a fins dos 70 o ciclo dos grandes incendios. O último no monte Cabalar foi en marzo do 2005 cando arderon 250 hectáreas.
Hoxe a cooperativa Monte Cabalar integra máis de 360 socios e socias propietarias, que iniciaron unha explotación gandeira en extensivo de máis de 720 hectáreas pechadas para aproveitamento gandeiro con rotación de bestas, vacas e porcos. Ademais, recuperaron superficie agrícola abandonada para cultivos complementarios da explotación gandeira. "No modelo da cooperativa de explotación comunitaria da terra achamos o instrumento idóneo para acadar a unidade de xestión que, superando o minifundio, nos permite intervir sobre o abandono e o lume para tornar produtivos os montes", destacan.