Ridimoas, tres décadas protexendo o bosque autóctono

A asociación realiza todos os anos plantacións de especies autóctonas © Ridimoas

Todo comezou en 1977. Pablo Rodríguez Fernández (Pablo Oitabén) botou a andar Aula Verde na antiga Universidade Laboral de Ourense, unha actividade extraescolar destinada a sensibilizar a poboación (comezando polos e polas máis novas) na importancia da conservación da natureza, dedicándose especialmente na recuperación de fauna silvestre. A actividade de Aula Verde foi recoñecida con varios galardóns e o importe económico dun deles permitiu, en 1988, a adquisición dunha parcela de monte na zona de Beade, en boa medida como resposta ás vagas de lumes que adoitan destruír valiosos espazos de bosque autóctono. Foi o inicio do bosque de Ridimoas, un espazo protexido de vexetación autóctona que dende entón foise ampliando ano a ano, ata superar xa as 300 hectáreas.

Unha das particularidades de Ridimoas é que a protección é levada a cabo por unha entidade privada sen ánimo de lucro e que o proxecto é eminentemente social. A Asociación Ridimoas conta con máis de mil socios e socias que cada ano achegan unha cota mínima duns dez euros que axudan a manter as actividades que alí se realizan e a ir, aos poucos, mercando novas terras. A entidade fará este xoves unha presentación pública do seu proxecto en Vigo (Casa Galega da Cultura, 19.30), nun acto presentado por Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, e no que intervirá David Rodriguez Barra, biólogo e vicepresidente da asociación, con quen falamos.

O orixinal obxectivo formativo e divulgador mantívose e está na base de toda a actividade da Asociación Ridimoas. Cada ano numerosos grupos escolares pasan por este bosque, para coñecer de preto a vexetación autóctona e a necesidade da súa conservación. A entidade realiza outras accións dirixidas ao público máis novo e, de feito, este xoves presentará en Vigo un cómic sobre a principal ruta de comercio de viño, que unía o Ribeiro con Pontevedra, a Ruta dos Arrieiros, que atravesa Ridimoas. "É probable que este camiño transportase o primeiro viño que chegou a América. É algo que aínda non podemos confirmar, pero que estamos investigando", destaca.

A outra preocupación constante dos responsables do bosque é a propia conservación do ecosistema, controlando sobre todo a extensión da Acacia dealbata (a mimosa), "a principal ameaza para a vexetación autóctona na comarca do Ribeiro", salienta David Rodriguez. A mimosa chegou á comarca dende Australia hai menos dun século, como unha maneira rápida e eficaz de ter estacas para as cepas das viñas. O abandono do campo e a facilidade de rebrote desta especie facilitaron a súa expansión. Ademais, os responsables do bosque levan a cabo plantacións de especies autóctonas (principalmente bidueiros, castiñeiros, figueiras e sobreiras) nos terreos do espazo protexido. O bosque de Ridimoas non sufriu incendios nas últimas décadas, a diferenza de moitas outras zonas na provincia de Ourense, unha demostración máis de que o monte coidado e traballado non arde.

A terceira ponla de Ridimoas é a protección da fauna silvestre que ofrece o propio bosque cando o seu ecosistema está protexido. Ademais das especies de máis pequeno tamaño que adoitan habitar este tipo de espazos, dende insectos a aves, a asociación mercou hai anos uns cabalos que foran maltratados polo seu propietario. Dende entón, viven tamén en Ridimoas, axudando a limpar a maleza do monte. Ademais, Ridimoas serve para o estudo durecto da natureza, e organiza igualmente visitas guiadas e roteiros.

 

A importancia da implicación social na defensa da natureza

"Todo o que non é cultivo, para comer ou para cortar, téndese a considerar coma o mal, a maleza"

Unha das cousas que máis chama a atención de Ridimoas, ademais da longa traxectoria do proxecto, preto xa dos trinta anos, é o seu carácter social, colectivo. Máis de mil persoas colaboran todos os anos ao seu sostemento económico, pasando a ser co-propietarios do bosque, realizando ademais (se queren) traballos voluntarios de coidado. David Rodríguez destaca a importancia desta "implicación colectiva" e incide na necesidade de incrementar a "sensibilidade social" sobre o coidado do monte.

O meirande problema que temos é a "falta de sensibilidade co medio", di. "Cando todos os anos asistimos ás vagas de incendios, podemos discutir se o causante é un ou outro factor, pero o que está claro é que "hai unha agresión contra o medio". "Todo o que non é cultivo, para comer ou para cortar, téndese a considerar coma o mal, a maleza", sinala. "Algo foi cambiando a situación, pero estas concepcións mudan moi lentamente. Por iso hai que facer fincapé no ensino, e no traballo do día a día, como facemos aquí en Ridimoas", destaca.

"Temos que ser conscientes de que temos a responsabilidade de entregarlle a natureza ás xeracións futuras. Necesitamos aire e auga para vivir, aínda que ás veces parece que só necesitásemos un móbil"

"O monte ten moitos aproveitamentos económicos distintos" -subliña- "ademais doutros moitos servizos que dá un bosque e que é difícil cuantificar. Por exemplo, a fixación de CO2 que fai, a achega de osíxeno ou a depuración de auga doce, cousas que non están no PIB". "Temos que ser conscientes de que temos a responsabilidade de entregarlle a natureza ás xeracións futuras. Necesitamos aire e auga para vivir, aínda que ás veces parece que só necesitásemos un móbil", di.

O bosque de Ridimoas ocupa unhas 300 hectáreas na zona de Beade © Ridimoas
O control da 'Acacia dealbata' constitúe unha preocupación constante dos seus responsables © Ridimoas
O presidente da entidade, Pablo Oitabén, preparando unha das actividades que acolle o espazo © Ridimoas
Os socios e socias da entidade celebran unha asemblea todos os anos © Ridimoas
As actividades formativas e con escolas están entre as prioridades da asociación © Ridimoas
Outra imaxe do bosque, en Beade © Ridimoas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.