Dous montes veciñais, recoñecidos pola ONU como exemplo de conservación e xestión participada

Monte veciñal de Froxán (Lousame) © ICCA

En 1928, a través do pagamento de 6.049 pesetas, os habitantes de Froxán (Lousame) fixéronse coa propiedade das 100 hectáreas de monte sometidas ao sistema de foros ata ese momento. Da extensión e límites dese monte, que a partir dese momento pasaba a ser comunal e veciñal, había rexistros xa dende o século XV. A pesar da compra, o Estado non respectou o carácter comunal destes terreos, realizando nas décadas seguintes concesións mineiras ou decidindo determinadas explotacións forestais. Non foi ata 1977 que os dereitos da Comunidade de Montes foron recoñecidos legalmente, despois de que en abril de 1975, os comuneiros llo reclamasen ao Gobernador Civil a través dun escrito asinado por todos. Dende entón a Comunidade vén xestionando o monte, garantindo a súa conservación e uso sustentable, e traballando na recuperación dos espazos degradados pola minaría ou na limitación da extensión do eucalipto e da acacia, substituídas por castiñeiros ou carballos. Así mesmo, potenciouse o coñecemento da contorna a través dunha Aula da Natureza pola que pasan centos de escolares.

Son os primeiros espazos do Estado Español nunha lista que serve como recoñecemento de exemplos positivos de xestión comunal do territorio por parte dos seus habitantes

 A historia dos montes de Froxán é semellante á vivida noutras comunidades galegas, onde o traballo dos veciños permitiu nos últimos anos a conservación do medio e o seu aproveitamento multifuncional, cunha xestión democrática e participativa. O rexistro ICCA, elaborado polo Programa da ONU para o Medio Ambiente vén de incorporar a comunidade de montes de Froxán e a comunidade de montes de Santiago de Covelo, converténdose nos primeiros espazos do Estado Español nunha lista que serve como recoñecemento de exemplos positivos de xestión comunal do territorio por parte dos seus habitantes. Neste grupo figuran lugares de todo o planeta, mais só catro en Europa: un no Reino Unido e outro en Finlandia, ademais dos dous galegos.

Tanto en Froxán coma en Santiago do Covelo levouse a cabo un intenso traballo de control das especies invasoras, substituídas por árbores autóctonas

No monte de Santiago do Covelo levouse a cabo nos últimos anos un traballo semellante de control das especies invasoras. Por exemplo, suprimiuse a única parcela que contiña eucaliptos (de 5 hectáreas) que foron subsituídos por bidueiros, seguindo unha política de "eucalipto cero". De igual maneira, púxose en valor o patrimonio histórico contido no espazo, levando a cabo a catalogación de mámoas, petróglifos, un castro ou un asentamento romano, e fomentando a realización de rutas de sendeirismo e outras actividades.

O vigués Sergio Couto, membro de Iniciativa Comunales (organización de ámbito estatal que agrupa entidades que xestionan espazos comunais e que funciona como nexo co rexistro ICCA de ámbito mundial), explica que para que un espazo figure neste rexistro debe cumprir tres condicións: que estea vinculado a unha comunidade local definida; que esta comunidade teña un sistema propio de gobernanza e de toma de decisións; e que, finalmente, este sistema dea resultados positivos a nivel de conservación da natureza.

"A partir dos anos 80 comezou a desenvolverse o sistema de áreas protexidas, promovido polas administracións públicas. Cando isto foi avanzando, viuse que había unha parte moi importante da conservación da natureza que as comunidades vinculadas ao medio e ao territorio levaban facendo toda a vida e que cando estas comunidades teñen un sistema de gobernanza e de toma de decisións propia, os resultados deste labor de conservación adoitan ser mellores que os das áreas protexidas formais", destaca. "Este proceso está relacionado co auxe a nivel global do recoñecemento do labor que están a facer as comunidades indíxenas en todo o planeta e outras comunidades locais", di.

"Aquí en España ás veces hai unha visión negativa da xente do rural, acusándoa de queimar os montes ou de maltratar animais. Iniciativas como esta tentan contrarrestar isto, destacando o bo facer das comunidades locais", sinala. "Estas comunidades teñen uns valores sociais, ambientais e económicos moi importantes. Ademais da conservación da natureza inclúen outros valores positivos: de integración social, de democracia directa, de manter a poboación en zonas desfavorecidas e espazos rurais. Son unha ferramenta moi importante, polo tanto para resolver moitos dos problemas que temos actualmente", subliña.

"Ademais da conservación da natureza inclúen outros valores positivos: de integración social, de democracia directa, de manter a poboación en zonas desfavorecidas e espazos rurais"

Ademais do vínculo da comunidade coa terra e dos bos resultados medioambientais, valórsae a existencia nas comunidades de montes dun sistema equitativo e participado de toma de decisións, da participación e da práctica democrática. "Nas áreas protexidas pola administración cada vez se participa máis, pero non sempre foi así historicamente e en ocasións creáronse simplemente dende arriba, de forma imposta, sen ter en conta as comunidades vinculadas co territorio", comenta.

O Rexistro ICCA é un recoñecemento simbólico do bo facer destas comunidades e da súa importancia medioambiental e social. Non ten implicacións prácticas directas, xa que España non ten de momento unha lexislación que contemple unha protección específica para os espazos rexistrados pola ICCA, como si existe noutros países. Porén, sinala Sergio Couto, o feito de que estes espazos acaden esta distinción internacional pode ser ao cabo "a diferenza entre que pase ou non unha autovía por enriba ou que fagan ou non unha mina a ceo aberto".

 

O proceso de incorporación ao rexistro

O feito de que estes espazos acaden esta distinción internacional pode ser ao cabo "a diferenza entre que pase ou non unha autovía por enriba ou que fagan ou non unha mina a ceo aberto", destaca Couto

A Iniciativa Comunales está formada por xuntas de pastos, sociedades de caza, confrarías de pesca e marisqueo, comunidades de montes..., calquera tipo de comunidade que xestiona de forma colectiva e comunal recursos naturais. No caso do Rexistro ICCA, a decisión sobre a súa inclusión faise a través dunha revisión por pares, ao igual que nas publicacións científicas. "Cada vez que unha comunidade solicita o rexistro na ICCA, nós solicitámoslle a dous avaliadores do mesmo ámbito (neste caso, por exemplo, comuneiros doutra comunidade de montes) que elaboren un informe, que permite adoptar unha decisión consensuada entre as restantes comunidades que están no rexistro", explica Couto.

Os montes de Lousame, no Barbanza © Club de Montaña Vintedouspés
Encontro organizado pola Iniciativa Comunales en Vigo © Iniciativa Comunales
O monte de Santiago de Covelo © Grupo de Andainas Rías Baixas
O monte de Santiago do Covelo © Grupo de Andainas Rías Baixas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.