Así funcionan os montes veciñais de Froxán e Covelo

En Santiago de Covelo todos os eucaliptos foron substituídos por bidueiros © CMVMC Covelo

"É un recoñecemento ao traballo ben feito, a un traballo que ten moito tempo detrás e que se pensa a longo prazo. Un traballo que se realiza de maneira silandeira e ás veces un pouco en solitario. Habitualmente o noso labor só é coñecido pola xente máis próxima, que vive na contorna. Por iso este recoñecemento é importante para difundir o que aquí facemos e, en xeral, a realidade do monte veciñal, que é pouco coñecida para o conxunto da sociedade galega". Alexandre Cendón é o presidente da Comunidade de Montes Veciñais e en Man Común de Santiago de Covelo, incluída recentemente xunto coa de Froxán (Lousame) no rexistro ICCA, dependente do Programa da ONU para o Medio Ambiente. Esa listaxe valora aqueles espazos xestionados pola comunidade e cuxo traballo e proceso de toma de decisións contribúen á conservación da natureza.

"O que fixemos foi primar o bosque autóctono, protexéndoo onde xa existía e plantando novas árbores, que serven como devasas naturais contra o lume"

Covelo e Froxán son apenas dous exemplos da boa xestión que en distintos puntos de Galicia están a levar a cabo varias comunidades e aínda que con contextos xeográficos e sociais distintos, comparten moitos elementos nas decisións que foron adoptando nos seus respectivos montes. Unha delas é a aposta polas especies autóctonas e o seu rexeitamento e progresiva supresión de especies invasoras, coma o eucalipto. "O que fixemos foi primar o bosque autóctono, protexéndoo onde xa existía e plantando novas árbores, que serven como devasas naturais contra o lume", explica Cendón. "No monte o traballo hai que pensalo sempre a longo prazo. Isto é algo que non e doado facer entender", di. "Os piñeiros que había, que eran maioritarios, vans sendo cortados, obtendo ingresos que nos serven para facer outros traballos no monte. Ademais, substituímos as 5 hectáreas de eucalipto que había por bidueiros. Apostamos polo eucalipto cero, o aproveitamento multifuncional e pola paisaxe en mosaico, combinando bosque e pasteiro", destaca, engadindo que "os pasteiros sempre están rozados, e tamén están sempre rozadas todas as marxes da rede viaria".

En Santiago de Covelo destaca tamén o traballo de protección e difusión do patrimonio. "Para a  súa preservación, a comunidade realizou un estudo de investigación e localización do mesmo, tendo como resultado a catalogación de varias mámoas, petróglifos, un castro e até un asentamento romano", explica Cendón. Ademais, "co ánimo de achegar máis o monte á veciñanza e aos visitantes e para unha maior valoración deste", a comunidade de Santiago de Covelo acaba de poñer en marcha unha ruta circular de sendeirismo "onde se poden observar cada un dos hábitats que conforman o seu espazo, á vez que se poden ver algúns exemplos do patrimonio cultural do lugar", di.

Tamén en Froxán o eucalipto foi reducindo a súa extensión, como destaca Lucía Cao, coordinadora da actividade desta comunidade de montes de Lousame. Con todo, Cao subliña que a poboación de Froxán sempre mantivera unha preocupación por manter o bosque tradicional: "Aínda que agora si está habendo un relevo xeracional, esta política de coidado vén de atrás. Os veciños, dende que o monte se constituíu oficialmente como veciñal, sempre apostaron por manter as carballeiras existentes e non substituílas coma noutros lugares. Unha actitude que seguramente dende fóra alguén podía ver como 'un atraso'".

"No 2006 a aldea salvouse grazas a que se conservara nas súas proximidades unha carballeira bastante extensa, que detivo as chamas, que si arrasaran todos os eucaliptos"

Cao comenta que neste senso tivo unha grande relevancia o feito de que na vaga de lumes do ano 2006 "a aldea salvouse grazas a que se conservara nas súas proximidades unha carballeira bastante extensa, que detivo as chamas, que si arrasaran todos os eucaliptos. Nese momento moita xente viu a importancia de conservar as carballeiras e evitar os eucaliptos". En Froxán tamén se traballa en recuperar diversos espazos que sufriran os efectos da explotación mineira na zona, e que quedaran destruídos. "Ningunha empresa mineira se preocupou de amañar a degradación que provocara, sempre foi a comunidade", sinala.

 

Facer as cousas "sen agardar polas institucións"

Lucía Cao valora ao igual que Alexandre Cendón a inclusión do rexistro ICCA como un recoñecemento ao traballo ben feito: "É algo simbólico, pero sérvenos para darlle visibilidade a este proxecto e que teña transcendencia máis alá da nosa comunidade". "Hai moita xente que partilla estas ideas, as mesmas ideas que nós e este recoñecemento que recibimos é un xeito de encoraxalas a que tiren para adiante. Porque estamos moi afeitas a esperar a que os organismos e as institucións nos veñan solucionar os problemas, pero se ti tes un interese e queres facer algo, tes que facelo ti, sen agardar por ninguén", destaca. "Isto pode servir para que comunidades que traballan na mesma liña ca nós ou que quererían traballar na mesma liña pois que o fagan, que tiren para adiante", engade. 

"Son moitas as comunidades que chegan a acordos con empresas para que lles xestionen o seu monte, a cambio dun pagamento para a comunidade polos materiais obtidos pola empresa concesionaria. Pero o resultado é que o beneficio é moi pouco e que se xeran auténticos desastres, pois só se busca unha inmediatez económica, en sacar o máximo rendemento posible sen ter en conta o futuro nin a saúde do medio ambiente. Cando a xente que vive no territorio xestiónao directamente, si que se preocupa polo futuro", destaca. "Non hai que agardar polas institucións. Hai que convencerse de que se hai un grupo de xente, máis grande ou máis pequeno, que ten vontade de traballar a prol do medio ambiente, pode facelo", conclúe.

"Estamos moi afeitas a esperar a que os organismos e as institucións nos veñan solucionar os problemas, pero se ti tes un interese e queres facer algo, tes que facelo ti, sen agardar por ninguén"

Un dos elementos nos que incide a comunidade de montes de Froxán é a da difusión, que se leva a cabo en boa medida a través da Aula da Natureza, na que se levan a cabo numerosas actividades para escolares e familias. A Aula creouse a través da Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfíns. "Utilizámola para dar a coñecer os usos positivos que se poden dar no monte, no marco da comunidade, e a importancia de que unha comunidade xestione o seu propio territorio", explica Lucía Cao.

 

Relevo xeracional e de visión do monte

"Os montes veciñais son unha boa forma de manter e atraer á xente nova no rural e tamén de fomentar o amor polo territorio"

Alexandre Cendón destaca a importancia do relevo xeracional que se está producindo en comunidades de montes de toda Galicia: "cada vez hai máis interese por parte da xente nova, que se vai incorporando ás directivas das comunidades de montes e que cada vez participa máis. Esta xente nova chega con outra formación e con outros intereses e contribúe a impulsar a actividade das comunidades", di. "Froxán e nós somos os primeiros incluídos no rexistro, pero hai outras comunidades de montes galegas que tamén o serán. Son tamén exemplos de boa xestión, só falta que se visibilice e que se lle dea valor ao que fan", valora e subliña que "os montes veciñais son unha boa forma de manter e atraer á xente nova no rural e tamén de fomentar o amor polo territorio".

"Contrapoñer unha visión colectiva e comunitaria custa moito cando o que impera é unha visión clientelar e caciquil da vida colectiva"

Con todo, lamenta que seguen a existir moitos obstáculos para o funcionamento das comunidades de montes. "No rural está moi presente o caciquismo e o clientelismo e loitar contra iso é moi difícil. Moitas veces a xente nin sequera sabe o que é o monte veciñal, cal é a diferenza entre o monte veciñal e o monte privado. Contrapoñer unha visión colectiva e comunitaria custa moito cando o que impera é unha visión clientelar e caciquil da vida colectiva", di. "Moitas veces a xente non entende cal é a motivación de que nós fagamos as cousas, simplemente, polo ben común, sen ánimo de lucro, sen esperar dádivas materiais inmediatas. Hai persoas e intereses que pensan que detrás disto hai unha motivación ou interese oculto, porque iso é ao que están afeitas", sinala. "Calquera traballo a prol do común que vaia contra esa visión non é entendida, é criticada. Darlle a volta a esa visión da sociedade e da política é difícil. Pero non nos queda outra, se queremos conservar o país e o medio ambiente", conclúe.

 

Plantación realizada no Día da Árbore por nenas e nenos de centros escolares © CMVMC Covelo
Brañas de Covelo © CMVMC Covelo
En Santiago de Covelo tamén se fomentou a explotación dos pasteiros para a alimentación do gando © CMVMC Covelo
Monte veciñal de Froxán (Lousame) © ICCA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.