A comunidade educativa reclama nas rúas máis persoal para atender a diversidade ou melloras no estado dos centros

Manifestación polo ensino público, este sábado 28 de febreiro, na Coruña. CC-BY-SA Federación de ANPAs

A comunidade educativa galega está farta e, en consecuencia, está en loita. Este sábado saíu á rúa na Coruña e en Santiago, como xa o fixera en Vigo e comarca o xoves

Santiago, A Coruña, Vigo e comarca... a comunidade educativa galega está farta e, en consecuencia, está en loita. Este sábado saíron á rúa na Coruña e en Santiago, como xa o fixeran en Vigo e comarca o xoves. Alertan de deficiencias graves nas instalacións, falta de persoal docente e recursos, ratios abusivas que impiden a atención real á diversidade, ausencia de persoal de coidados ou falta de persoal de mantemento, limpeza ou administración.

Miles de persoas percorreron as rúas de Santiago este sábado nunha mobilización centrada na demanda de medidas que permitan atender a cada vez maior diversidade que existe nas aulas galegas. Segundo explicaba recentemente a presidenta de Anpas Galegas, Isabel Calvete, “este problema afecta a toda a comunidade educativa, comezando polo alumnado máis vulneráble que é o que ten diagnósticos ou sofre de problemáticas que requiren unha atención especial, pasando polo resto de estudantes que comparten aula e centro educativo e polo profesorado que non ten ferramentas para levar a cabo esta atención e, por suposto, as familias”. 

Manifestación polo ensino este sábado, 28 de febreiro, en Compostela. CC-BY-SA BNG

No curso 23/24 o alumnado con necesidades educativas especiais nos centros de ensino galegos desde infantil a FP supuña o 17,5% do total, fronte ao 13,3 do curso 20/21,  segundo a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público

O voceiro de Educación do Grupo Parlamentario Socialista, Aitor Bouza, tamén participou hoxe no inicio da manifestación de Santiago.  Bouza explicou que a presenza do Grupo Socialista na mobilización responde ao traballo que levan facendo no Parlamento “non só nestas últimas semanas, senón durante todos estes meses”, levando ás institucións as demandas da comunidade educativa. O deputado dirixiuse ao presidente da Xunta para pedirlle que “atenda todas esas reclamacións que se están facendo dende as ANPAS galegas” e que garanta que o alumnado con necesidades educativas “poida ter unha educación de calidade en igualdade real e efectiva. “Unha inclusión sen medios suficientes é un absoluto fraude, engadiu. 

Nos últimos anos o número de alumnado con necesidades educativas especiais medrou exponencialmente mentres que o persoal especialista de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe, Orientación e persoal auxiliar coidador mantense case inalteráble. Segundo informa a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, no curso 23/24 o alumnado con necesidades nos centros de ensino galegos desde infantil a FP supuña o 17,5% do total, fronte ao 13,3 do curso 20/21. en números absolutos 65.259 estudantes, con estatísticas do Ministerio de Educación, fornecidas con datos da propia Xunta.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público Galego formada entre outros colectivos pola Confederación Anpas Galegas, a CIG-Ensino e as organizacións estudantís Erguer e Sindicato de Estudantes, convocou esta manifestación para demandar máis persoal e a baixada de ratios en todas as etapas educativas para poder atender a diversidade como se merece. 

Na Coruña, as continuas denuncias, mobilizacións e protestas que familias, alumnado e comunidades educativas de colexios e institutos públicos levan facendo polas numerosas eivas no funcionamento dos seus centros confluíron este sábado nunha gran marcha unitaria a nivel provincial. A marcha foi convocada por parte da Federación de Asociacións de Nais e Pais (ANPAs) e AFAs (Asociación de Familias de Alumnos) ante a "situación de deterioro e falta de recursos que afecta á escola pública". 

Un momento da mobilización da comunidade educativa deste sábado na Coruña. CC-BY-NC-SA Cedida

"A mobilización nace  da recollida de datos achegados polos propios centros  que poñen de manifesto unha situación de infrafinanciamento, falta de recursos humanos e deficiencias en infraestruturas e atención á diversidade", explican desde a Federación de ANPAs da Coruña

Arredor de 200 asociacións federadas —que representan a metade das ANPA da provincia— apoiaban unha mobilización que xorde do cansazo de moitas delas e da sensación de abandono e desleixo que levan denunciando tempo.  "A mobilización nace da análise e da recollida de datos achegados polos propios centros e polas comunidades educativas, que poñen de manifesto unha situación de infrafinanciamento, falta de recursos humanos e deficiencias en infraestruturas e atención á diversidade, e a necesidade dunha planificación real e recursos suficientes que garantan unha escola pública de calidade", explica a Federación, que denuncia humidades, problemas nos accesos, deficiencias estruturais ou pingueiras nos centros

Arredor de 8.000 persoas en Vigo 

O pasado xoves, 25 de febreiro, milleiros de persoas de toda a comunidade educativa percorreron as rúas de Cangas, Mos, O Porriño, Ponteareas, Redondela e Vigo en defensa do ensino público. Segundo a organización a protesta xuntou 8.000 persoas en Vigo.

“A situación nos centros é insostible e queremos transmitir que o traballo transversal e unitario é posible e necesario para acadar un cambio real nas políticas educativas”, alertan desde as Asembleas Abertas do Ensino Público.

Mobilización polo ensino en Vigo, o 25 de febreiro. CC-BY-SA Cedida

O pasado xoves, 25 de febreiro, milleiros de persoas de toda a comunidade educativa percorreron as rúas de Cangas, Mos, O Porriño, Ponteareas, Redondela e Vigo en defensa do ensino público

A convocatoria unitaria por parte das Asembleas Abertas do Ensino Público, federacións de ANPAS (A Gameliña, FANPO, Foanpas…) e Adicopuvi percorreu as rúas baixo o lema “En loita polo ensino público”, con mensaxes como “A diversidade é unha prioridade” ou “A inclusión real necesita persoal”.

Esta convocatoria únese á lista de folgas e accións comezadas neste curso polos sindicatos, coa novidade de ser unha convocatoria organizada por un movemento asembleario de profesorado e familias, segundo informan desde a organziación.

Deficiencias graves nas instalacións, falta de persoal docente e recursos, ratios abusivas que impiden a atención real á diversidade, ausencia de persoal de coidados ou falta de persoal de mantemento, limpeza ou administración son circunstancias ás que a comunidade educativa está, tristemente, acostumada, lamentan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.